sábado, 11 de xuño de 2022

Sondeseu: XX Aniversario

Volveu SonDeSeu á nosa cidade, nesta ocasión para celebrar o seu XX Aniversario. Proxecto moi sólido, saído da potente Escola de Música Tradicional de Vigo, na que estudan centos de persoas, esta orquestra folk integra aos profesores cos alumnos máis avanzados, que deste xeito van "collendo táboas" acompañados de xente máis veterana.

Esta orquestra xa sacou cinco discos e neste concerto, que durou case dúas horas, fixeron un detallado percorrido por todos eles. Algunhas das pezas eran longas e constituían "suites" dos temas máis célebres dalgúns deses discos, e outras pezas eran as que formaban parte deses discos, pero sen mesturar con outras. En calquera caso, como sempre, o resultado é espectacular.

Como complemento, cada certo tempo íanse proxectando nunha pantalla grande intervencións de persoas máis ou menos vinculadas á orquestra, que ían ofrecendo os seus parabéns pola iniciativa. Chamoume a atención a intervención de Xosé Lois Romero, afamado músico galego que participou, por exemplo, en ACadaCanto, ou que puxo en marcha Aliboria, que dixo que, cando lle falaron do proxecto, non cría posible que funcionara porque era imposible que iso soara ben. Pero cando os viu actuar en directo quedou totalmente abraiado.

Efectivamente, non debe ser doado que soen ben conxuntamente en directo 6 arpas, 6 violíns, 10 zanfonas, 3 bouzoukis, 5 frautas, 2 contrabaixos, 3 gaitas, 4 persoas tocando a percusión e unhas 10 cantantes e pandereteiras. Para o sistema de son debe ser unha ecuación moi complexa. Polo que parece, están publicitando esta xira como acústica e, efectivamente, non me pareceu ver ningún micrófono. Supoño que por esa razón as cantantes estaban diante de todo, cando antes situábanse no medio da orquestra. Pero a min pareceume que soaban igual que antes, cando tiñan algunha microfonía (pero bastante pouca).

Saúdos.



Tenet

Un lío. Dos directores de cine actuais, recoñezo que Christopher Nolan é un dos que máis me interesa. Pero hai que recoñecer que cando a cabeciña lle pide crear un guión con viaxes no tempo (e pásalle non poucas veces) a cousa ponse costa arriba, e esas películas difíciles de entender. Lembro que me fascinou "Memento" no seu día (non volvín a vela, aínda que parece que sempre é recomendable ver un mínimo de dúas veces as películas con paradoxas temporais), "Orixe" xa me gustou menos (creo que tamén pasaba algo diso), e esta "Tenet" ten moi boa pinta, pero non é nada doada de seguir, polo menos a primeira vez.

"Tenet" foi dirixida en 2020 por Christopher Nolan e os papeis principais foron protagonizados por John David Washington, Robert Pattinson, Elisabeth Debicki e Kenneth Branagh.

Xa vos digo, un lío. O protagonista principal é un tipo negro, da CIA ou algo así, que non ten nome, polo menos non o din. Outro dos principais é outro personaxe similar, branco, que lle axuda nos seus obxectivos, aínda que o seu papel en determinados momentos semella algo ambiguo. Todo parece xirar en torno a un magnate ruso que pretende xuntar as nove pezas que forman algo así como unha bomba de plutonio que provocaría a Terceira Guerra Mundial, e hai moita xente tratando de impedilo, obviamente. Ademais, semella que ese tipo ten un cancro terminal, e se el acaba morrendo, esa bomba estoupará igual, e parece que non lle desagrada demasiado esa perspectiva.

Pero o que acabo de contar é demasiado sinxelo se non lle metes a variable temporal. Polo visto, alguén do futuro descubriu a forma de facer viaxes ao pasado e condicionar os acontecementos, e está facendo uso diso. Ademais, este magnate ruso, por esa razón ou por outras que aínda non fun quen de comprender, parece que ten a capacidade para viaxar no tempo e, sobre todo, para deseñar armas que invertiron a entropía temporal. Na película vense principalmente armas lixeiras e balas que fan iso, pero teoricamente podería chegarse a facer con todo. Quero dicir que se ven impactos de disparos que aínda non se produciron e caralladas similares.

Debido a iso, a trama é moi difícil de seguir (polo menos á primeira). Ves imaxes claramente "marcha atrás", batallas nas que ves claramente que uns soldados avanzan e outros retroceden, salas separadas por un cristal nas que unha delas está no presente e outra no futuro, e pásase de unha a outra por unha especie de "torno" de inversión temporal. O que vos dicía, un lío descomunal. Pois iso, dise que para entender esta película ou unha similar hai que vela un mínimo de dúas veces (supoño que bastante seguidas), pero non teño moi claro que vaia facer ese esforzo. 

Saúdos.



xoves, 26 de maio de 2022

Ferrados de letras

Esta noite houbo unha edición máis de "Ferrados de letras", o nome co que a Asociación Veciñal da Agra do Orzán bautizou un evento no que celebran o Día das Letras Galegas. E obviamente celebrouse no Ágora, a gran instalación sociocultural que se atopa a carón do barrio.

Un ano máis, houbo recitado de poemas, neste caso de Florencio Delgado Gurriarán, o autor homenaxeado este ano. Intercalado con iso, actuou TradiVivas, o nome co que se estreaba o seu clásico grupo de canto e pandeireta, formado por unhas 20 mulleres, que tamén bailou algunhas pezas.

Despois actuou o grupo "Parabéns", formado por amigos da entidade e coñecidos da cidade que levan anos cantando e tocando música tradicional. E a traca final deste ano, e a razón principal para ir, foi o concerto de Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, do que estou oíndo falar moi ben. Sabela toca o acordeón, o meu instrumento preferido, e Antía toca o violín, a pandeireta nalgunha canción, e canta en 3 ou 4 pezas. Moi interesante o seu proxecto.

Saúdos.



domingo, 22 de maio de 2022

As que limpan

O outro día fun ver a primeira das funcións de "As que limpan", a nova montaxe da gran compañía galega A Panadaría en coprodución co Centro Dramático Nacional. Chamoume algo a atención que estas representacións formaran parte do CoruFest, o gran festival do colectivo LGTBI que se celebra todos os anos no mes de maio na Coruña. Dígoo porque a temática, aparentemente, non ten nada que ver con ese colectivo, aínda que este grupo si ten feito obras no pasado, como a lembrada "Elisa e Marcela", que si o tiñan. Pero vaia, que non pasa nada, simplemente me estrañou un pouco esa circunstancia.

A obra está moi ben, pero non ten moita historia que contar. Por medio duns personaxes de ficción cóntanse anécdotas e circunstancias que lles suceden principalmente ás camareiras de piso, é dicir, ás mulleres (porque homes poucos hai que se dediquen a iso) que "fan" as habitacións nos hoteis principalmente. Por extensión, algo semellante podería dicirse de todas as persoas que traballan na limpeza, e xa non digamos no fogar, pero principalmente estaba focalizado no colectivo das camareiras de piso. Un tema a reivindicar moi necesario para visibilizar, para poñer en valor o que se agradece ese traballo ben feito e moi mal pagado, cando un está fóra da súa casa e se aloxa nun hotel ou similar.

Recoñezo que houbo algunhas partes da obra que non me gustaron moito, porque na miña opinión abusaron algo máis do necesario de chistes sobre frases feitas de políticos mediocres deste país, que provocaban a risa doada. Pero tampouco hai que preocuparse, nunha obra que dura case dúas horas é case imposible soster un nivel excelso durante todos os minutos da actuación. O final é apoteósico, coas tres actrices (Noelia Castro, Areta Bolado e Ailén Kendelman) cantando unha bonita e animada canción titulada "As que limpan", e con Ailén tocando a percusión de forma moi virtuosa sobre o típico balde da fregona. As luces apáganse xusto cando remata a canción e estoupa a ovación do público. Por certo, creo que non o dixen aínda, case todo está "ambientado" nun hotel de luxo dunha illa galega chamada La Jota, supoño que xa intuídes por onde van os tiros.

Saúdos.




Cando petan na porta pola noite

Este é o título da obra de Xabier Docampo que representa o volume número 90 da famosa Biblioteca Galega 120, que editou a Voz de Galicia no ano 2002, cando se cumprían 120 anos da fundación do xornal, e que está formado por 120 obras. Despois duns anos nos que non avancei na lectura desa colección, nos últimos 3 ou 4 retomei o ritmo e alá imos cara ao final.

É unha obra breve formada por catro relatos e un epílogo final que é case máis coñecido que os relatos. Os títulos deses catro relatos son: "O espello do viaxeiro", "O Fornadas", "A loba" e "O cumpremortes". O famoso epílogo títulase "Cando o autor fala de si".

Hai algún tempo comentei aquí, ao ler "O misterio dos fillos de Lúa", que levou tamén o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, como tamén fixo esta obra, que aquela tiña un tono claramente infantil polo caracter, definición e diálogos dos personaxes. Porén, neste caso non me pareceu así en absoluto. De feito, os catro relatos son máis ben de medo ou terror e non teño tan claro que o público infantil os reciba con tanto agrado. Se cadra o xuvenil si, pero o infantil creo que vai tremer bastante con eles.

O epílogo comeza con este famoso  e impactante texto: 

Eu teño medo…

Cando petan na porta pola noite.

A estar só cando non quero estar só.

A estar no medio de moita xente.

A quedar só no mundo.

A non morrer nunca.

A morrer pronto.

A morrer estúpidamente nunha estrada.

A quedar inútil.

A tolear.

A que lles pase algo os meus.

A que os que quero non me queiran.

A perder o gusto polas cousas que me gustan.

A ter que vivir sempre nunha cidade.

A que non haxa flores.

A que non haxa animais en liberdade.

A non poder mirar as estrelas pola noite.

A non poder mirar  a paisaxe no outono.

Ao mar (desde o mar).

A mirar un día para o ceo e non ver un paxaro.

A que non  haxa troitas nos ríos.

A ter que ir á guerra.

Á guerra, aínda que non teña que ir.

Ás almas miserables.

Aos que sempre din a verdade.

Aos que menten sempre.

A pasar fame.

Aos contos de medo.

As películas de medo.

A ir o dentista.

A montar en avión.

A non ter medo a nada.

Cando pasa moito tempo sen que ninguén pete na miña porta.

A…

Saúdos.



sábado, 21 de maio de 2022

Florencio Delgado Gurriarán, Día das Letras Galegas 2022

Efectivamente, o homenaxeado co Día das Letras Galegas do ano 2022 foi Florencio Delgado Gurriarán. Figura para min (e creo que non son o único) case totalmente descoñecida ata agora, oín falar del por primeira vez hai uns 20 anos. A comezos do século XXI, cando eu xa participaba no asociacionismo cultural galego, escoitei falar dos candidatos que se presentaban para un determinado ano nesta efeméride (non sei eu, sería o ano 2004 ou 2005, por exemplo), e un deles era este Florencio. Aí souben da súa existencia, pero non sabía moito máis ca iso. Dun xeito similar escoitei falar hai tempo de Xela Arias, que foi a homenaxeada do ano pasado, que polo visto gustou moito. Así que a semana pasada estiven lendo bastante información sobre o autor, xa que saíron diferentes suplementos e publicacións en varios xornais galegos.

Naceu en Valdeorras, concretamente en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) en 1903. Viviu moi poucos anos na súa comarca, pero quedou profundamente unido a ela, estivo toda a vida intentando voltar, pero non o conseguiu, agás puntuais visitas nos últimos anos da súa vida. Estudou a carreira de Dereito en Castela, a guerra civil obrigouno a fuxir, pasando por Portugal, foi a Francia, volveu entrar en Cataluña para intentar axudar e volveu a Francia de novo (pero non estivo en campos de concentración franceses, coma outros, el podía permitirse saír de aí, por vínculos e posición familiar).

Acabou fuxindo para México con moitos outros exiliados españois. Alí viviu os seus case 50 restantes anos de vida, e foi o elemento principal do exilio galego e español, e da cultura galega en México. O grupo de Bos Aires era moito máis potente, sobre todo por ser moi numeroso, e o de México era moito menor, pero grazas a el aínda tivo algo de actividade, con revistas e programas de radio. Escribiu algo de todo, pero sobre destacou en poesía, no que publicou uns cantos libros, uns catro, así que a súa produción tampouco foi moi extensa, pero parece que de bastante calidade.

Nas últimas décadas da súa vida intentou volver a Valdeorras, pero finalmente foi descartado, tiña moitos vínculos familiares e sociais en México, e Valdeorras tiña moi pouca vida. Unha idea era vivir nalgunha cidade galega, como Ourense ou Vigo, e desprazarse a Valdeorras nas fins de semana, por exemplo, pero tamén iso se descartou. Finalmente morreu en 1987 en California. A súa muller, tamén filla de galegos, que era bastante máis nova ca el, aínda vive. E os seus cinco fillos e moitos netos están asentados entre México e España.

Por certo, acabo de investigar que candidaturas se presentaron para as Letras Galegas do ano 2023, e atopei as seguintes: Pura e Dora Vázquez, Antón Tovar, Prado Lameiro e Luisa Villalta. Durante o mes de xuño (creo) saberemos cal é a persoa elixida.

Saúdos.



Continente María (Casares)

Hai unhas semanas tivemos a sorte de poder entrevistar no noso programa de radio sobre cultura galega á magnífica actriz Melania Cruz. E na charla "entre bambalinas" animounos a asistir á obra de teatro "Continente María" que trata sobre a vida da actriz coruñesa (porque naceu aquí, pero pouco viviu nesta cidade) María Casares. Eu xa oíra falar desa representación e xa a tiña anotada na miña axenda cultural, pero está claro que esa referencia de Melania reforzou a idea.

Esta montaxe é unha coprodución de A Quinta do Cuadrante (a compañía formada por Melania Cruz e Tito Asorey), Ainé Producións (a produtora de Touriñán), o Centro Dramático Galego e o Concello da Coruña. Supostamente estreouse na Coruña (o pequeno vídeo que podedes ver abaixo así parece certificalo), pero eu xuraría que vin un anuncio de se ía representar en Rianxo (cuxo Concello tamén colaboraba na produción) uns días antes. Dirixida por Tito Asorey, os únicos actores en escena foron Melania Cruz e o músico Vadim Yukhnevich, que lle daba a réplica en varias ocasións, pero que basicamente cantaba (Melania tamén o facía, e nada mal) e tocaba acordeón, guitarra e sintetizador.

Non hai moito máis que dicir, faise un percorrido pola ben interesante vida de María Casares en 70 minutos. Seguro que quedaron moitas cousas fóra, pero para facerse unha boa idea é máis que suficiente. Recoñezo que, a pesar da calidade dos intérpretes e da compañía, antes de comezar a obra non tiña eu moi claro cal ía ser o resultado, porque unha actriz e un músico sós para unha historia coma esta semellaba bastante arriscado. Pero saíron moi ben do paso e conformaron unha montaxe ben xeitosa e agradable. Como sempre, hai momentos máis altos e máis baixos, pero a calidade xeral da representación é moi alta.

Saúdos.



Scarface (O prezo do poder)

No verán vin a famosa película "O aviador" sobre a vida de Howard Hughes, tremendo personaxe. Como ademais de aviador tamén foi ci...