domingo, 22 de maio de 2022

As que limpan

O outro día fun ver a primeira das funcións de "As que limpan", a nova montaxe da gran compañía galega A Panadaría en coprodución co Centro Dramático Nacional. Chamoume algo a atención que estas representacións formaran parte do CoruFest, o gran festival do colectivo LGTBI que se celebra todos os anos no mes de maio na Coruña. Dígoo porque a temática, aparentemente, non ten nada que ver con ese colectivo, aínda que este grupo si ten feito obras no pasado, como a lembrada "Elisa e Marcela", que si o tiñan. Pero vaia, que non pasa nada, simplemente me estrañou un pouco esa circunstancia.

A obra está moi ben, pero non ten moita historia que contar. Por medio duns personaxes de ficción cóntanse anécdotas e circunstancias que lles suceden principalmente ás camareiras de piso, é dicir, ás mulleres (porque homes poucos hai que se dediquen a iso) que "fan" as habitacións nos hoteis principalmente. Por extensión, algo semellante podería dicirse de todas as persoas que traballan na limpeza, e xa non digamos no fogar, pero principalmente estaba focalizado no colectivo das camareiras de piso. Un tema a reivindicar moi necesario para visibilizar, para poñer en valor o que se agradece ese traballo ben feito e moi mal pagado, cando un está fóra da súa casa e se aloxa nun hotel ou similar.

Recoñezo que houbo algunhas partes da obra que non me gustaron moito, porque na miña opinión abusaron algo máis do necesario de chistes sobre frases feitas de políticos mediocres deste país, que provocaban a risa doada. Pero tampouco hai que preocuparse, nunha obra que dura case dúas horas é case imposible soster un nivel excelso durante todos os minutos da actuación. O final é apoteósico, coas tres actrices (Noelia Castro, Areta Bolado e Ailén Kendelman) cantando unha bonita e animada canción titulada "As que limpan", e con Ailén tocando a percusión de forma moi virtuosa sobre o típico balde da fregona. As luces apáganse xusto cando remata a canción e estoupa a ovación do público. Por certo, creo que non o dixen aínda, case todo está "ambientado" nun hotel de luxo dunha illa galega chamada La Jota, supoño que xa intuídes por onde van os tiros.

Saúdos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...