mércores, 12 de maio de 2021

Abyss

Eu xuraría que vin esta película cando a estrearon, supoño que no cine. Botábana o outro día na televisión, e aproveitei para vela de novo. Non lembraba case nada, pero deixárame boa lembranza, así, na brétema...

Foi dirixida en 1989 por James Cameron, que xa comezaba a despuntar, aínda que lle faltaban uns poucos anos para facer "Titanic". No elenco destacan Ed Harris, Mary Elisabeth Mastrantonio e Michael Biehn. Hai que ter en conta que o único que triunfou bastante foi Harris. Mastrantonio tivo algo de fama por aqueles anos, pero creo que anda bastante desaparecida dos focos. E Biehn é un secundario solvente, pero creo que pouco máis. Con respecto ao título no mundo hispanofalante, sempre tan orixinal, foron bastante respectuosos. En España mantiveron o orixinal en inglés, mentres que en Hispanoamérica o traduciron textualmente ou o variaron lixeiramente, ata "O secreto do abismo", que tampouco está tan mal, coñecendo a historia.

Un submarino nuclear estadounidense sofre un estraño accidente ao impactar ou cruzarse con algo misterioso, moi luminoso e moi enerxético a moita profundidade. Morre toda a tripulación. A Armada monta unha expedición para intentar salvar todo o que poida, por exemplo os torpedos nucleares. Para iso, póñense en contacto cunha plataforma petrolífera subterránea cercana ao lugar do accidente, que ten instalacións e equipos para axudar na búsqueda a grandes profundidades.

Dende o primeiro momento, como era previsible, hai mala relación entre os traballadores da plataforma petrolífera e os especialistas da Armada. Estes, coa súa paranoia militarista habitual, e non digamos habendo material nuclear polo medio, sempre están tensionados e sospeitan que detrás de cada movemento hai un comunista oculto. Ademais, a alta presión está afectando a algúns dos marines e na superficie hai unha treboada que destrúe parte das instalacións, que caen para o mar e crean algúns desperfectos na plataforma subterránea.

Pero as estrelas son eses "estraños seres" luminosos, que cada vez aparecen con máis frecuencia. Cando se achegan a calquera cousa, cortan a alimentación eléctrica, pero non atacan a ninguén, semellan ter moita curiosidade, pero nada máis. Por diferentes avatares da historia, acábase sabendo que eses "seres" están nunha grande nave no fondo do mar. Ao final incluso salvan a vida do protagonista cando xa se daba por perdida. E incluso esa gran nave sae á superficie e levanta no aire as plataformas submarinas e os barcos que agardaban na superficie. Moitos "magufos" do planeta opinan que esta é unha proba indiscutible de que hai extraterrestres no fondo do mar. Sen comentarios.

Saúdos.



luns, 10 de maio de 2021

Sherlock Holmes

Sherlock Holmes é un magnífico personaxe creado por Arthur Conan Doyle a finais do século XIX. É un tipo moi intelixente e peculiar, como todos sabedes. Pero nas súas historias hai moito inxenio e resulta moi agradable, en xeral, ler calquera libro, ver obras de teatro ou películas baseadas nel, nunca decepcionan. Se non me equivoco, esta historia non é do autor orixinal, senón dos guionistas da película, pero non desmerece en absoluto.

Foi dirixida en 2009 por Guy Ritchie. En varios momentos nótase claramente o seu toque, con escenas a cámara lenta que se aceleran de súpeto, para presentar a determinados personaxes, ou para explicar algo que vai suceder a continuación con moita rapidez. Pensei que ía abusar máis desa técnica e destrozar a película, pero non, fíxoo só unhas poucas veces e quedou bastante ben. De Sherlock Holmes vai Robert Downey Jr, e de Watson fai Jude Law. Aparece a mítica rival de Sherlock, Irene Adler (Rachel McAdams), a única muller á que admira, pero o gran inimigo esta vez é un tal Blackwood (Mark Strong). Moriarty tamén aparece, pero pouco, e nunca se lle ve a cara.

A historia é bastante complicada. En xeral, estase urdindo un complot que pretende matar con gas a case todos os membros do Parlamento (é un tipo de atentado moi presente na súa cultura). Quen está detrás del parece case un ser de ultratumba, que foi aforcado pero realmente non morreu, debido a un truco case de maxia, como moitos outros que fai cando está en público para causar terror e semellar invulnerable.

Obviamente, ganan os bos, como sempre, grazas ás grandes deducións do excéntrico Holmes. Pero sendo unha película de Guy Ritchie, Holmes e Watson reparten mandobles en todas direccións, aí si que xa se nota algo máis a man do director e menos a do autor orixinal.

Saúdos.



sábado, 8 de maio de 2021

A gata sobre o tellado de zinc

No espazo de cine clásico da 2 botaban esta película o outro día. Xa a vira hai anos, e aínda que non me gustara demasiado, decidín darlle outra oportunidade, basicamente porque está baseada nunha obra de teatro, e os diálogos son moi bos. Estoume afacendo a disfrutar do cine sen cortes os luns pola noite.

A película foi dirixida en 1958 por Richard Brooks. Está baseada nunha obra de teatro de Tennessee Williams, e iso nótase bastante, porque hai moito diálogo e case todo sucede nun único lugar. Non hai moitos papeis que teñan peso, basicamente seis, cun par de secundarios con certa presenza, pero os principais papeis recaen en Paul Newman, Elizabeth Taylor e Burl Ives. 

Por último, e para non variar, un breve comentario sobre o título. O título orixinal sería "Gato (ou Gata) sobre o tellado de zinc (non sei exactamente por que é ese elemento químico, podería ser lata ou metálico) quente". En España decidiron titulala "A (artigo) gata (feminino) sobre o tellado de zinc", pero non especifican que está quente. No resto de Hispanomérica decidíronse por "Un (outro artigo diferente) gato (masculino) sobre o tellado quente", sen especificar o material do tellado. Durante os diálogos, a actriz principal fala da metáfora do gato sobre o tellado, e di que ela séntese así, polo tanto, semella que o xénero feminino era máis acaído. Despois, o da temperatura e o material do tellado, seguro que dá para unha tese doutoral.

Probablemente coñecedes a historia. Xira en torno a tres matrimonios. O formado por Brick e Maggie (Newman e Taylor), que non teñen fillos e pasan por un moi mal momento. O formado polos pais de Brick, e a historia xira en torno á saúde e a fortuna do pai. E o formado polo irmán de Brick, Gooper, e a súa muller, que xa teñen cinco fillos, e que teñen unha auténtica obsesión por ser declarados herdeiros do millonario pai, e non se esconden demasiado. Ademais diso está o médico da familia, un párroco amigo, e un personaxe que non aparece, porque xa morreu, pero que é esencial na historia. Chámase Skipper, e era o mellor amigo de Brick.

O pai de Brick volve dunha clínica na que lle estiveron facendo probas médicas xusto o día que cumpre 65 anos. As probas eran porque pensaban que tiña un cancro incurable, e saen do hospital crendo que a cousa era moito máis leve. Pero o médico é o único que sabe a verdade: si, ten un cancro incurable, quédalle moi pouco tempo de vida, pero aínda non llo dixo a ninguén. Durante a película, a desgusto, terá que irllo comunicando a todos, incluso ao propio paciente.

Brick e Maggie están nun moi mal momento da parella, principalmente debido a Brick. Maggie intenta reflotalo, pero Brick pasa de todo. Está alcolizado, parece que principalmente pola depresión que lle provocou a morte do seu gran amigo Skipper. Na película dise que Maggie e Skipper estiveron a punto de ter unha relación, pero ao final Maggie non quixo, por amor a Brick. E Skipper decidiu suicidarse, tirándose dende a fiestra da habitación do hotel na que se atopaba, porque chamou a Brick para intentar falar con el, pero el rexeitou a conversa. E agora Brick séntese culpable. Pero estiven lendo que na obra de teatro cóntase algo que na película non se di, e que pode ter bastante sentido. Dise que Brick e Skipper eran homosexuais, e que non eran amigos, senón amantes. Tendo en conta que Tennessee Williams era un homosexual declarado, e pouco discreto, pois pode ser. E creo que non estaba moi contento con que o puritano Hollywood adaptase unha das súas obras e que ocultasen ese importante feito.

Gooper e a súa muller Mae son unha fábrica de facer fillos (bastante insoportables, por certo, como eles) e queren influír no pai para que toda ou boa parte da suculenta herdanza vaia para eles, e non para Brick, que é bastante inútil e improdutivo, e algo de razón non lles falta. Pero vaia, a familia máis unida non son tampouco. Xa dende o comezo teñen esa intención, e cando se enteran que o pai está morrendo, non aminoran a marcha.

Toda esta divertida comedia ten lugar nunha mansión do sur dos Estados Unidos, a mediados do século XX, no afogante verán, no que ou fai moita calor ou caen treboadas abraiantes. Creo que Tennessee Williams era do sur, e ambientaba as súas historias principalmente neses ambientes, como é lóxico. Pois nada, é case teatro rodado, e as interpretacións están moi ben.

Saúdos.





domingo, 2 de maio de 2021

O xoven Edison

Como xa teño contado aquí, de cando en vez botan en Televigo algunha película de cine clásico ben interesante. O raro non é que o fagan, senón enterarse de cando o fan, porque a súa programación é algo opaca. En moitas ocasións sábese que nunha determinada franxa horaria botan unha película, pero non é doado saber cal é a que van proxectar. Pero vaia, normalmente botan películas antigas dunha calidade media apreciable.

Un destes días botaban "O xoven Edison", dirixida en 1940 por Norman Taurog. O papel principal era para Mickey Rooney cando era pequeno, que foi cando máis éxito tivo. Téñolle escoitado a moita xente dicir que este actor lle caía fatal, e o entendo perfectamente. Ademais, nesta película, encarna a Thomas Alva Edison, que debía ser un bo elemento, e ademais a dobraxe non lle favorece demasiado, así que xuntando todo....

Estaba lendo algo agora sobre a mocidade de Edison, e parece que algunhas das escenas da película semellan ata algo veraces. En xeral, era un rapaz con moita curiosidade intelectual, con moito interese pola química, e con moita capacidade de emprendemento. Todo iso xunto nun pequeno pobo conservador de Ohio, era un polvorín. A película déixase ver, pero chirría un pouco, sobre todo nalgunhas esceas e personaxes. E xa digo, a dobraxe axuda pouco. Seguramente só se proxecta xa en cadeas locais como Televigo.

Saúdos.



Ultima fuxida a Harar

O poeta noiés Antón Avilés de Taramancos debeu ser un tipo ben peculiar. Naceu en Noia en 1935, e uns anos máis tarde estaba estudando Náutica na Coruña. Aínda que non debía estudar demasiado, porque as súas xoldas con Urbano Lugrís eran bastante sonadas. Algo debían facer, e parece que colleu medo, porque decidiu emigrar a Sudamérica a principios dos 60.

Foi a Colombia, onde estivo primeiro na selva, e despois en Bogotá. Parece que os 20 anos que estivo por alí fixo de todo, tanto legal como ilegal, así que a súa vida alí debeu ser do máis interesante, pero creo que non se sabe moito das súas andanzas por alí.

No ano 1980 volveu para aquí, e estableceuse de novo en Noia. Chegou a ser concelleiro de Cultura co BNG. E tamén destacou por rexentar unha taberna chamada a Tasca Típica, nuns soportais da zona vella de vila, que tiña moita fama. O caso é que eu andei medio-veraneando por aquela zona a comezos dos 90, e oíalle dicir aos meus colegas de alí que o propietario da Tasca Típica era un tipo ben peculiar. El morreu en 1992, pero está claro que tiña que ser el. Pero eu non sabía quen era Antón Avilés de Taramancos, nin moito menos sospeitaba que lle ían dedicar o Día das Letras Galegas de 2003.

Na colección de literatura galega da Voz de Galicia tocaba ler o volume número 81, que era a "Última fuxida a Harar" deste autor. Como habitualmente, non me chegou demasiado, porque eu non conecto nada ben coa poesía, a non ser que sexa clásica, que non é o caso. Chamoume a atención que sempre fala de mundos míticos, mitoloxía, etc. Dende logo, non é poesía social. E tamén me chamou moito a atención o moito que menciona ao "cazador". Non sei se é un residuo do seu paso pola selva colombiana. Creo que cazador foi unha das moitas profesións que tivo naqueles movidos anos da selva.

Saúdos.



O Sorprendente Home-Araña

Esta película da que vou falar e que botaron o outro día en SyFy (esta cadea emite as películas sen cortes publicitarios, moi ben), polo visto exhibiu en España o título orixinal en inglés. Se fora só o nome do coñecido superheroe, ao que xa se dedicaron máis películas, podería pasar. Pero habendo adxectivos no título, non vexo por que non se podía traducir. Iso fixeron en Hispanoamérica e, nese caso, non me parece mala idea.

A película foi dirixida en 2012 por Marc Webb (curioso apelido para unha película que trata sobre arañas). O protagonista principal é Andrew Garfield, no que creo que é o seu papel estelar ata agora. Chámame a atención que, cando fixo a película, tiña case 30 anos e colou bastante ben como un adolescente que vai ao instituto (e iso non sei se é bo ou malo dende o punto de vista profesional). A súa moza protagonizouna Emma Stone, que agora tamén ganou fama con outras películas. E hai secundarios de luxo como Martin Sheen ou Sally Field.

Agora falemos de superheroes de cómic. Eu non controlo moito do tema, pero xa hai décadas oín falar de que no mundo dos cómics estadounidenses deste tipo, había dúas grandes editoriais enfrontadas neste tema: DC e Marvel. Eu coñecía algúns superheroes, principalmente de películas, porque cómics apenas consumo, e moito menos desa temáticas, pero non sabía en que editorial estaban. Algún tempo despois entereime que Superman e Batman eran de DC, e foron os primeiros que tiveron éxito nas pantallas, xa hai décadas. Nos últimos anos parece que Marvel se volcou no seu salto ao cine, pero a min os seus nomes non me soaban de nada. Teño visto algunha película de Ironman, por exemplo. Hoxe entereime que Spiderman era de Marvel. E xa houbera algunha versión anterior para o cine dese superheroe. A verdade é que os superheroes en xeral quedan moi ben en cine, e Spiderman especialmente, que vai voando agarrándose a rañaceos en Nova Iork, dá lugar a imaxes dunha potencia moi grande. Por esa razón vexo algunha desas películas, porque despois as historias son un pouco chorras.

Nesta versión pasa un pouco o mesma ca sempre. Pero creo que o punto forte da historia, en torno ao cal fan xirar case todo, ten que ver coa razón pola cal os pais de Peter Parker deixan ao rapaz, aínda pequeno, nas mans dos seus tíos. Aquí insinúase que ao mellor non están mortos, senón ocultos porque estaban traballando nalgo secreto cun científico chamado Curtis Connors. Peter localiza a ese tipo, pregúntalle polo seu pai, pero todo son evasivas. E da forma máis incrible, que sempre pasa neste tipo de películas, entra nuns laboratorios ultrasecretos nons que é case imposible entrar, e alí é picado por unha araña, e comeza a ter os superpoderes que todos coñecemos. O científico ex-amigo do seu pai vese presionado por un ricachón propietario da super-empresa na que traballa para avanzar nuns experimentos que aínda non están dando resultados, e se inxecta a si mesmo un soro que o converte nun lagarto en determinadas ocasións. E dese xeito comeza a atacar a cidade e enfróntase  a Spiderman, que sabe quen é. Xa imaxinaredes quen gana, claro.

Saúdos.




mércores, 28 de abril de 2021

Hércules

En Semana Santa estiven lendo un libro sobre mitoloxía grega, sempre un tema interesante. E o outro día botaban en SyFy unha película sobre "Hércules", e pareceume boa idea vela. O que xa non me gustaba tanto era que o actor principal era Dwayne "The Rock" Johnson, e iso dábame bastante medo, pero había que arriscar.

Esta versión foi dirixida por un tal Brett Ratner en 2014 (casualmente ese mesmo ano houbo outra película sobre o mesmo tema, sonche pouco creativos en Hollywood). O papel de Hércules faino o devandito Dwayne Johnson. E vaia, teño que recoñecer que ten moita máis expresividade facial da que eu esperaba. O resto do corpo dá lugar a unha bestia, pero ten moitas máis cualidades actorais das que lle supoñía. Xa o escoitara algunha vez, pero non quería crelo, ata que o comprobei. E está bastante ben secundado por outros actores como John Hurt ou Joseph Fiennes.

Nada, non hai moito que contar. Despois dos famosos 12 traballos e de que morrera a súa familia en estrañas circunstancias, o cal o apena moito, Hércules forma unha banda de mercernarios cos seus colegas. E son contratados polo rei de Tracia teoricamente para defendelos duns centauros que os queren atacar. Pero realmente ese rei é un criminal, e unha vez que o seu exército está adestrado, convértese nun tirano que quere acabar con todos os demais pobos, e comezan a loitar contra el.

Obviamente, os efectos dixitais son unha chulada e se ven escenas moi visuais. Pero tamén é certo que moitos deses efectos se utilizan para batallas, así que me interesan menos. Pero a recreación das antigas cidades gregas é moi espectacular, e iso sempre se agradece, claro.

Saúdos.



Scarface (O prezo do poder)

No verán vin a famosa película "O aviador" sobre a vida de Howard Hughes, tremendo personaxe. Como ademais de aviador tamén foi ci...