domingo, 2 de maio de 2021

O Sorprendente Home-Araña

Esta película da que vou falar e que botaron o outro día en SyFy (esta cadea emite as películas sen cortes publicitarios, moi ben), polo visto exhibiu en España o título orixinal en inglés. Se fora só o nome do coñecido superheroe, ao que xa se dedicaron máis películas, podería pasar. Pero habendo adxectivos no título, non vexo por que non se podía traducir. Iso fixeron en Hispanoamérica e, nese caso, non me parece mala idea.

A película foi dirixida en 2012 por Marc Webb (curioso apelido para unha película que trata sobre arañas). O protagonista principal é Andrew Garfield, no que creo que é o seu papel estelar ata agora. Chámame a atención que, cando fixo a película, tiña case 30 anos e colou bastante ben como un adolescente que vai ao instituto (e iso non sei se é bo ou malo dende o punto de vista profesional). A súa moza protagonizouna Emma Stone, que agora tamén ganou fama con outras películas. E hai secundarios de luxo como Martin Sheen ou Sally Field.

Agora falemos de superheroes de cómic. Eu non controlo moito do tema, pero xa hai décadas oín falar de que no mundo dos cómics estadounidenses deste tipo, había dúas grandes editoriais enfrontadas neste tema: DC e Marvel. Eu coñecía algúns superheroes, principalmente de películas, porque cómics apenas consumo, e moito menos desa temáticas, pero non sabía en que editorial estaban. Algún tempo despois entereime que Superman e Batman eran de DC, e foron os primeiros que tiveron éxito nas pantallas, xa hai décadas. Nos últimos anos parece que Marvel se volcou no seu salto ao cine, pero a min os seus nomes non me soaban de nada. Teño visto algunha película de Ironman, por exemplo. Hoxe entereime que Spiderman era de Marvel. E xa houbera algunha versión anterior para o cine dese superheroe. A verdade é que os superheroes en xeral quedan moi ben en cine, e Spiderman especialmente, que vai voando agarrándose a rañaceos en Nova Iork, dá lugar a imaxes dunha potencia moi grande. Por esa razón vexo algunha desas películas, porque despois as historias son un pouco chorras.

Nesta versión pasa un pouco o mesma ca sempre. Pero creo que o punto forte da historia, en torno ao cal fan xirar case todo, ten que ver coa razón pola cal os pais de Peter Parker deixan ao rapaz, aínda pequeno, nas mans dos seus tíos. Aquí insinúase que ao mellor non están mortos, senón ocultos porque estaban traballando nalgo secreto cun científico chamado Curtis Connors. Peter localiza a ese tipo, pregúntalle polo seu pai, pero todo son evasivas. E da forma máis incrible, que sempre pasa neste tipo de películas, entra nuns laboratorios ultrasecretos nons que é case imposible entrar, e alí é picado por unha araña, e comeza a ter os superpoderes que todos coñecemos. O científico ex-amigo do seu pai vese presionado por un ricachón propietario da super-empresa na que traballa para avanzar nuns experimentos que aínda non están dando resultados, e se inxecta a si mesmo un soro que o converte nun lagarto en determinadas ocasións. E dese xeito comeza a atacar a cidade e enfróntase  a Spiderman, que sabe quen é. Xa imaxinaredes quen gana, claro.

Saúdos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...