mércores, 28 de abril de 2021

Hércules

En Semana Santa estiven lendo un libro sobre mitoloxía grega, sempre un tema interesante. E o outro día botaban en SyFy unha película sobre "Hércules", e pareceume boa idea vela. O que xa non me gustaba tanto era que o actor principal era Dwayne "The Rock" Johnson, e iso dábame bastante medo, pero había que arriscar.

Esta versión foi dirixida por un tal Brett Ratner en 2014 (casualmente ese mesmo ano houbo outra película sobre o mesmo tema, sonche pouco creativos en Hollywood). O papel de Hércules faino o devandito Dwayne Johnson. E vaia, teño que recoñecer que ten moita máis expresividade facial da que eu esperaba. O resto do corpo dá lugar a unha bestia, pero ten moitas máis cualidades actorais das que lle supoñía. Xa o escoitara algunha vez, pero non quería crelo, ata que o comprobei. E está bastante ben secundado por outros actores como John Hurt ou Joseph Fiennes.

Nada, non hai moito que contar. Despois dos famosos 12 traballos e de que morrera a súa familia en estrañas circunstancias, o cal o apena moito, Hércules forma unha banda de mercernarios cos seus colegas. E son contratados polo rei de Tracia teoricamente para defendelos duns centauros que os queren atacar. Pero realmente ese rei é un criminal, e unha vez que o seu exército está adestrado, convértese nun tirano que quere acabar con todos os demais pobos, e comezan a loitar contra el.

Obviamente, os efectos dixitais son unha chulada e se ven escenas moi visuais. Pero tamén é certo que moitos deses efectos se utilizan para batallas, así que me interesan menos. Pero a recreación das antigas cidades gregas é moi espectacular, e iso sempre se agradece, claro.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...