Hai uns días, no espazo de cine clásico da 2, comezaron a botar un ciclo de "cine estadounidense de catástrofes". Como xa me leríades antes neste blog, considero que Estados Unidos é un país de chalados. E nos anos 70, por algunha razón que non consigo entender, comezaron a facer películas sobre atentados, grandes accidentes, incendios, etc. Nas vindeiras semanas leredes varios artigos sobre iso. Un dos subxéneros que máis explotaron foi o de catástrofes aéreas. Como mínimo, houbo catro películas nesa serie, e mira ti, son todas desa década, despois xa se lles pasou a tontería. Imos falar hoxe do comezo da saga.
"Aeroporto" foi dirixida en 1970 por George Seaton e Henry Hathaway (este só dirixiu as esceas da tormenta de neve). Os papeis principais foron protagonizados por Burt Lancaster, Dean Martin, Jean Seberg, Jacqueline Bisset, George Kennedy, Helen Hayes e Van Heflin. Por certo, a película foi rodada no aeroporto de Minneapolis simulando un suposto "Aeroporto Lincoln" na área de Chicago.
A trama é relativamente complexa nas relacións entre os diferentes personaxes, pero bastante simple na historia "catastrófica". Na parte catastrófica, hai unha tormenta de neve no aeroporto. Aínda que numeran as pistas de forma algo estraña, polo que parece, só hai dúas pistas operativas. Se os avións engalan ou aterran por unha delas, hai protestas dos veciños da zona pola pegada sonora. Ou sexa, que o ideal sería facelo na outra, pero mira ti por onde, na primeira escea da película, e debido á nevada, un avión que acaba de aterrar patina e o tren de aterraxe queda enterrado na neve, ocupando parte desa pista. Así que parte da película trata dos mecánicos de terra do aeroporto intentando mover o avión uns poucos metros para diante, para así conseguir que a pista volva estar operativa. Obviamente, algo que podería parecer moi simple é adornado para facernos entender que é unha operación de alto risco para a aeronave.
Se nos fixamos nas relacións entre personaxes, aí xa hai moita tela:
- O director do aeroporto, que é a persoa responsable de resolver o problema, está a punto de divorciarse, e precisamente o decide a parella conxuntamente esa noite
- A irmá do director do aeroporto está casada co copiloto dun avión que acaba de saír e que vai ter un importante contratempo no voo.
- Ese copiloto vai de avaliador do piloto, así que a relación entre os dous é algo tensa, por desencontros anteriores.
- Ese copiloto, a pesar de estar casado coa irmá do director do aeroporto, está liado cunha nova e fermosa azafata dese mismo voo, que pouco antes de saír lle comunica que está embarazada.
- Nese voo, vai unha señora maior que é unha polizón de alta calidade, sabe colarse nos avións con moita pericia.
- Nese voo tamén vai un tipo que está arruinado e que, para salvar a economía da familia, non se lle ocorreu nada mellor que contratar un seguro de vida fantástico xusto antes de subir ao avión, e de subirse cunha bomba fabricada por el mesmo nunha maleta de man.
- Todo isto descúbrese cando están voando, grazas á esposa do señor suicida, e entón deciden que o avión dea a volta de forma moi suave e volva ao aeroporto en cuestión.
- Pero todo acaba descubríndose, o suicida escapa do seu asento, métese no baño e fai estoupar a bomba, que abre un bo boquete nun lateral do fuselaxe, ameazando con desprender a cola.
- A primeira golpeada é a azafata que estaba liada co copiloto, cuxa vida pende dun fío e dende logo a cabeza e a vista semella que van quedar tocadas.
- Debido a diferentes comentarios, o piloto acaba descubrindo a aventura dela co copiloto.
Este foi un resumo do máis gordo e complexo que pasa no avión e no aeroporto. A partir de aí, a historia trata da tensión que hai para que o avión con boquete consiga aterrar na pista que estaba semiocupada polo avión anterior, e que, nunha manobra arriscada, acaba sendo liberada uns segundos ou minutos antes de que ese outra avión chegue. Final feliz, coma sempre.
Seguimos avanzando pola Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, editada por este xornal hai máis de 20 anos, e que está (toda, como é o meu caso, ou parte) en moitas casas do país. É a quenda do volume número 97, do escritor Bieito Iglesias, e titulada "Miss Ourense".
Consta de catro relatos de detectives ou novela negra, titulados "Luanda", "Miss Ourense", "A cruz de prata" e "O que enganas as iguanas". A este autor xa lle teño lido artigos variados hai tempo (creo que era na revista "Tempos novos") e sempre me chamou a atención o seu estraño vocabulario, que resulta algo desconcertante pero que se capta bastante ben polo contexto. Non sei se é un dialecto ourensán, algo da súa absoluta creación, pero dende logo, chama moito a atención.
Os catro relatos son razonablemente breves (unhas 50 páxinas cada un) pero teñen unha boa medida para desenvolver unha trama algo complexa pero avanzando axiña, así que se deixa ler con moito agrado. Os catro están protagonizados polo detective Gumersindo Nespereira. Unha cousa curiosa, que me chama moito a atención, é que o autor naceu a finais dos anos 50, esta obra publicouse a mediados dos 90 (cando o autor tiña case 40 anos), pero están ambientados a finais dos anos 60. O seu coche é un Dauphine, fala de "Perry Mason" e do Papa Pablo VI.
E tamén ten certa relevancia a orde na que veñen os relatos. O que dá título á obra completa está de segundo na lista de catro. O habitual neste tipo de casos é que sexa o primeiro ou o último, pero non un do medio. Outra curiosidade. E dende logo, "Luanda" ten que ser o primeiro de todos. Por que? Porque nese relato, o detective traba relación cunha prostituta que se chama Tina, pero que é coñecida no mundiño nocturno como "Cona eléctrica". E no resto dos relatos xa se lle chama sempre Tina, e o detective está vivindo con ela.
Hai un tempo intentamos ir ver a obra de teatro "Pirolíticos" ao Fórum Metropolitano da Coruña. Era a volta do grupo Mofa e Befa despois duns 20 anos sen actúan xuntos como compañía (si o fixeron formando parte doutras compañías máis grandes). E non foi posible porque se esgotaron as entradas. Eu achaqueino a que xa perdera aquel pulso que tiña eu para ser capaz de percibir a demanda que ían ter as diferentes propostas culturais na miña cidade. Coa pandemia houbo un parón xeralizado e a falta de práctica fíxome perder esa cualidade. E ademais, durante algún tempo (creo que agora xa se normalizou de novo a cousa), parece que "todo o mundo ía a todo". É dicir, despois de varios anos moi tristes sen ir a eventos con liberdade total, todo o mundo tiña ganas de ir incluso a eventos aos que non iría normalmente.
O caso é que vin que actuaban hai un par de semanas no Auditorio Municipal Gabriel García Márquez en Mera, no concello de Oleiros, e achegueime, a ver se había posibilidade de velos. Previamente comprobei en Internet que aínda había entradas, e alá fun. Xa era a segunda ou terceira vez que ía a ese coqueto teatro que ocupa o espazo dun antigo cuartel da Guardia Civil, aínda que non me gusta demasiado que o patio de butacas sexa completamente horizontal, sen desnivel. Como che toque un cabezón diante, non ves nada.
Pero non foi así. Pasouse ben, como estaba previsto. O título da obra non fai referencia a un tipo de fornos modernos, senón ás "pirolas", xa que é unha obra tremendamente feminista. Foi escrita por Lucía Aldao, María Lado e Clara Gayo, e dirixida por esta última. E os dous personaxes son dous homes que pretenden que os demais homes deixen o heteropatriarcado e respecten máis ás mulleres. O tema dá moito de sí, dende logo.
Hai unhas semanas, no espazo de cine clásico da 2 botaban "Zorba o grego". Non a vira nunca e, obviamente, soábame pola famosísima canción da banda sonora, que tamén ten a súa historia. Compuxeron esa fermosa canción e coreografía para a película, e automaticamente converteuse en "tradición" grega, porque cando calquera non grego pensa en música tradicional dese país, é moi probable que pense nesa canción, pero é totalmente falso. En definitiva, que lle dei unha oportunidade.
Foi dirixida en 1964 polo chipriota Michael Cacoyannis, que o fixo practicamente todo, porque tamén produciu, montou e escribiu o guión baseándose nunha novela que estaba baseada na vida dunha persoa real. O protagonismo principal foi para Anthony Quinn, e nun segundo plano estaban Alan Bates, Lila Kedrova e Irene Papas. O resto eran actores e actrices moi pouco significativos e, en moitos casos, simples habitantes da illa de Creta que participaron na rodaxe.
Debo dicir que, para min, foi unha película bastante desconcertante e incluso por momentos brutal e desagradable (breves, pero intensos). Tivo un grande éxito pero recoñezo que non deixa indiferente. Incluso dende o punto de vista de que seguramente reflexa como era a vida na illa de Creta nos anos 60, e a verdade é que dá bastante medo. Xa non só pola pobreza e as carencias, senón polo feito de que a historia semella bastante real e algunhas das cousas que pasan semellan da Idade Media. Non teño a sensación de que iso resultase moi anacrónico no lugar. Intentarei contar a trama, que non é moi doado.
Basil é un escritor británico de orixe grega que está pasando por un bloqueo creativo. E para superalo, non se lle ocorre nada mellor que desprazarse á illa de Creta, onde o seu pai tiña unhas terras, que incluían unha vella mina que deixou de usarse. A súa idea é volver a abrila, porque cre que aínda pode funcionar, cambiar de vida, e a ver se así recupera a compañía das musas. A min este comezo xa me parece algo disparatado, pero vaia, pode ser. O feito de que este Basil non teña nin idea de minería semella un aspecto menor, pero para min non o é.
Cando está no porto do Pireo esperando para coller un barco que o leve a Creta, hai un retraso dunhas horas debido a un temporal. E alí, nun bar no que está esperando, aparece Alexis Zorbas, un tipo que parece que serve para todo, con moito caracter, que traba amizade con el. E mira ti por onde, de minería tamén entende, e cando sabe que o outro quere reactivar unha antiga mina, nin o dubida en unirse á expedición. Flipante.
Chegan a Creta e o panorama é desolador (para min, para eles parece que non). A pobreza é terrible. A poboación da aldea, ao saber para que veñen, recíbeos con entusiasmo por ser unha fonte económica coa que non contaban. Coñecen inmediatamente aos persoeiros máis singulares da aldea, que son basicamente dúas mulleres. Madame Hortense é unha vella viúva francesa que ten unha pensión bastante cutre á que chama "Hotel Ritz". Zorba intenta que Basil se líe con ela pero como este pasa bastante (en xeral, este tipo é bastante inseguro e dubitativo), decide liarse el mesmo, con certo éxito. A outra muller é "A Viúiva", unha deslumbrante Irene Papas á que lle morreu o marido e que é desexada por todos os homes da zona, pero ela os despreza a todos, especialmente a un rapaz novo que está toliño por ela. Claro, así non se fan amigos.
Intentan reactivar a mina, pero vese que é moi perigoso, que as estruturas de madeira están moi deterioradas e hai que cambiar todas as vigas, pero non saben como. Resulta que a mina, que está na costa, está xunto a un monte cun inmenso bosque que pertence a un mosteiro. Zorba ten a xenial idea de convencer aos monxes de que lle vendan a madeira (embebédaos e consegue o seu propósito) e quere montar unha grandiosa estrutura, similar a un funicular, para baixar a madeira do monte.
Pero claro, iso require unha gran inversión, e Basil dálle todos os seus cartos a Zorba para que vaia á cidade máis cercana a comprar todo o material. Zorba aproveita ese caudal de cartos para ir a un cabaret, namorar dunha xoven bailarina e perder o tempo con estupideces parecidas. E o malo non é iso, senón que lle escribe cartas a Basil dicíndolle que o está facendo (xa vos dixen que esta historia é moi desconcertante). Cando volve, ademais da bronca de Basil, por un certo malentendido, Zorba ten que casar con Madame Hortense, e acepta sen problemas.
Pouco despois morren as dúas mulleres. Madame Hortense morre de neumonía, e ás mesmas mulleres da aldea que a estaban velando nos últimos momentos, desvalixan a casa en canto morre. O rapaciño que estaba namorado da viúva afógase no mar (supostamente un suicidio por amor), e a viúva intenta asistir ao funeral. Pero o resto da aldea négalle a entrada, e despois dunha situación moi tensa, o pai do rapaciño acaba matando á viúva, diante de toda a xente. E ninguén pode nin quere evitalo. Só o intentaron Basil e Zorba, e case o conseguen, pero non foi suficiente. Aparte de ser a escena máis brutal (obviamente, a morte en si non se ve, só se intúe, agora si se verían normalmente), a resignación da xente ante tal feito paréceme moi flipante.
Ao final montan a estrutura que propoñía Zorba, entre unha gran festa, pero é un auténtico desastre, e vense todo abaixo, porque os troncos que baixaban pola estrutura collían tal velocidade, que cando chegaban abaixo era imposible paralos e deterioraban o armazón completo. A película remata co frío e inexpresivo Basil rindo e pedíndolle a Zorba que lle ensine a bailar o famoso "sirtaki", que é a imaxe e o son da película.
Este artigo non trata sobre un veterano adestrador holandés de fútbol senón sobre un novo festival de música que acaba de crearse na Coruña (vaia, creo que estiven nalgunha das sesións da súa primeira edición, polo que oín). O festival chámase "Vangal" porque pretende convocar á vangarda da música galega, e semella que en galego.
Eu xa teño unha idade, e actualmente non me gustan nada os festivais (e moito menos co nivel da música actual), pero este ten unhas condicións que mo fan máis ou menos aceptable. O tipo de música pode interesarme, polo menos en parte, é gratuíto (non é moi relevante para min), celébrase no patio da Fundación Luís Seoane (lugar pequeno pero moi acolledor), e as xornadas non son eternas, senón que só había un par de concertos cada día, durante os tres seráns dunha fin de semana. Todo iso sucede na cidade na que vivo, polo tanto non cambia demasiado as miñas rutinas. De feito, puiden ter ido máis días pero interesábame especialmente o da última xornada.
O venres tocaba Faia Díaz primeiro e Teresa Ferreiro despois. Faia Díaz téñoa visto en De Vacas e tamén escoitei cancións do disco en solitario que sacou, que non me gustou demasiado. Teresa Ferreiro non sei quen é, pero xuraría que lin que é unha DJ que mestura música tradicional con latinoamericana, e que tamén pinta, porque durante a fin de semana había unha exposición e venta dos seus cadros no lugar de celebración do festival. Ese día non puiden asistir.
O sábado tocaban Laura Lamontagne & Picoamperio e despois Mounqup. De Laura Lamontagne & Picoamperio teño visto algún vídeo para ver o que fan, porque sabía que tocaban as cantigas medievais con ritmos electrónicos, e non me convenceu demasiado, pero haberá que darlles algunha oportunidade máis. A Mounqup xa a vin actuar en directo algunha vez e non me convence nada o que fai, seguro que ten moito mérito, pero a min non me gusta. Ese día tampouco puiden asistir.
Si puiden asistir o domingo. Tocaba primeiro Sheila Patricia, unha cantautora que mestura canto tradicional con algo de electrónica. Estaba acompañada por dous músicos, un que parecía centrarse máis en percusión tradicional, e outro que xa tocaba guitarra e bases pregravadas, aparentemente. Estivo ben, pero tampouco me apaixoou.
Pero o grupo que máis ganas tiña de ver eran as Fillas de Casandra, formado por María Soa e Sara Faro. Unha mestura de canto tradicional con ritmos electrónicos, e unha mensaxe moi feminista e bailable. O seu primeiro disco, recén publicado, titúlase "Acrópole" e fai reivindicacións feministas baseándose principalmente en figuras femininas da mitoloxía grega como Lisístrata, Antígona, Pandora, Eco, etc. Era o último concerto e notei como entraba un bo feixe de xente nova (algunhas ex-alumnas miñas) que viñan exclusivamente para este concerto, e que nalgunhas ocasións poñíanse a bailar como se estiveran en trance (eu non, obviamente, coa miña habitual sobriedade). Alguén que parece saber do tema díxome que van ser as seguintes Tanxugueiras.
Se non me engano, a única publicación da sección "Contacontos" que hai neste blog foi a que subín o ano pasado cando asistín á edición de 2022 do festival de narración oral "Falando a boca chea", que se celebra dende hai uns anos no Fórum Metropolitano da Coruña. Pois o segundo artigo desta sección vai falar sobre a edición de 2023 dese mesmo festival. Acabo de ler a publicación de hai un ano, para ver se había moitas similitudes ou diferenzas.
En xeral, a organización do certame segue sendo a mesma. Dura catro días, dende o mércores ata o sábado. Hai sesións gratuítas a media tarde no vestíbulo, máis ben dirixidas a público infantil, e sesións de pago pola noite no auditorio, dirixidas xa a público adulto. Acabo de comprobar que das sesións de público adulto (as únicas ás que vou) houbo bastante cambio dun ano para outro, pero non total. De feito, a única sesión á que non fun este ano foi a que se repetía do ano anterior.
O mércores actuaba Celso Fernández Sanmartín. Xa o vin actuar catro ou cinco veces, pero non me importaba repetir, porque me gusta moito. Sempre leva unha pandeireta e canta algunhas cantigas populares. É a parte que menos me gusta do seu espectáculo (despois entenderedes por que digo isto) pero no resto pásoo tan ben, que compensa de sobra.
O xoves contaba Cándido Pazó. Xa perdín a conta das veces que o vin actuar, non creo que baixen de dez. Ségueme gustando, e non me aburre, pero eu xuraría que esta vez o vin algo menos áxil e lúcido que outras veces, e iso que non me soaban as historias que contou (vinno tantas veces, que algunha historia xa lla escoitei en varias ocasións, pero esta vez non foi así). Xa pasa dos 60 anos, e se cadra a idade xa vai pesando, non o sei.
O venres actuaba María da Pontragha, a única que repetía do ano pasado. Precisamente o ano pasado fun vela por primeira vez. Non me desagradou pero tampouco me chamou demasiado a atención. Igual que Celso, de cando en vez toca unha cantiga á pandeireta, porque é cantareira. De novo, é a parte que menos me interesa, pero a outra parte non me deslumbra tanto como con Celso, así que este ano decidín non ir vela, teño que descansala máis e ter máis ganas de vela a próxima vez.
O sábado había outra novidade, un contacontos ao que non vira nunca, Caxoto. O pouco que sabía del é que era o socio do chorado Pedro Brandariz, e que principalmente se dedica á animación para nenos. Pero polo visto, tamén fai contadas para adultos, e a iso veu. Xa deixou claro nada máis comezar que a súa contada dese día ía centrarse en contos eróticos ou sensuais. Estivo ben pero tampouco me deslumbrou, pero polo menos foi unha voz e un estilo diferentes aos habituais.
Hai uns meses vin nunha plataforma de "streaming" a película "O Rei da Comedia", unha parodia da vida de Jerry Lewis, ou algo semellante (estará un pouco máis abaixo neste blog). No artigo xa comentei que, cando era pequeno, gustábame bastante Jerry Lewis, aínda que obviamente non debín ver moitas películas del. E cando vin "O Rei da Comedia" quedei moi perplexo porque iso non era o que eu lembraba das súas películas. O que eu lembraba era o que vin hai unhas semanas no espazo de cine clásico da 2: "O profesor chiflado".
Foi dirixida e producida polo propio Jerry Lewis. No resto do elenco, a única que lle fixo algo de sombra foi Stella Stevens. A verdade é que eu lembraba esta película como algo máis banal, pero despois de ver e ler varias cousas, semella que a historia tiña bastante máis chicha da que eu lle asignaba na infancia, como é lóxico. Aparte de ser unha versión moderna de adaptada de "Doctor Jekyll e Mr. Hyde", parece que tamén é unha crítica mordaz a personaxes de Hollywood como Dean Martin, que era gran amigo de Jerry Lewis pero que se enemistaron, e o guaperas desta película está inspirado en Martin.
A historia é simple. Julius Kelp é un profesor de química da universidade, bastante enclenque e torpe, que está namorado dunha moi atractiva alumna, igual que lle pasa a moitos alumnos. Ante as humillacións dos alumnos máis fortachóns, intenta facerse máis robusto indo ao ximnasio, pero ante o evidente fracaso, ponse a investigar nos seus coñecementos químicos, para dar cunha poción ou beberaxe que lle convirta nunha persoa diferente. Con certos atrancos, si que consegue ter éxito nese proceso, e despois de tomar esa poción e durante unhas horas, convértese en Buddy Love, un guaperas presumido que atrae a todos os homes e mulleres.