domingo, 22 de decembro de 2024

Entrega en man

Xa había algún tempo que non ía ao teatro. E a esta obra tíñalle bastantes ganas, xa leva algún tempo de xira e estaba agardando a que pasara por Coruña. A sinopse inicial soa a algo surrealista, e podía irselles das mans, pero vaia, ao final acaba resultando máis interesante do previsto inicialmente.

"Entrega en man" é unha adaptación de Cándido Pazó da obra orixinal do dramaturgo irlandés Martin McDonagh, do que o teatro galego xa aproveitou moito a súa obra. No elenco están Evaristo Calvo, María Roja, Diogo Sales e Santi Romay.

A trama é bastante singular. Un tipo anda polos Estados Unidos ofrecendo unha recompensa para recuperar a man que lle cortaron de forma arbitraria cando tiña 16 anos, e diso xa pasaron 27. Obviamente, a posibilidade de atopala é moi baixa, pero hai xente sen escrúpulos que pretende aproveitarse da súa obsesión, como unha parella de delincuentes de baixa estofa, que rouban unha man dun museo e din que é a súa, pero parece bastante imposible, xa que esa man é aparentemente negra, e el é branco (e bastante racista, por certo).

O seu encontro prodúcese nun hotel moi cutre, e o recepcionista tamén é algo delincuente, e métese no medio da estraña relación puntual que se produce alí, e de todo iso non pode saír nada bo. Non vou desvelar o final, pero hai que recoñecer que o final é un pouco sorprendente.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...