A fantástica compañía Mofa e Befa, que agora forma parte de Producións Excéntricas, acaba de estrear unha versión teatral de "Os dous de sempre", a novela curta de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Como sabedes, toda esta xente é moi fiable. Nesta montaxe están sobre as táboas Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira (Mofa e Befa), pero nesta ocasión están moi ben acompañados por Josito Porto. Se non entendín mal, a idea inicial era que estivera Piti Sanz, pero ante a súa repentina morte en xuño, tiveron que buscar un substituto. Nalgunha escena están os tres tocando algún instrumento musical, especialidade de Piti, que era músico.
Se os personaxes principais de "Os dous de sempre" eran dous, o vago e lacazán Pedriño e o eivado Rañolas, pode que vos preguntedes para que facía falla un terceiro actor. Pero en moitas escenas facían falla máis personaxes, e na primeira parte cóntanse escenas da vida de Castelao.
Saúdos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario