luns, 8 de decembro de 2025

1936

Unha das grandes últimas montaxes do teatro español foi "1936", a cargo do Centro Dramático Nacional. Parece que se estreou a finais de 2024, e todo pinta que pode seguir de xira en 2026. Veu a comezos de 2025 a Coruña, pero esgotáronse as entradas axiña (a pesar de que estaba tres ou catro días, algo bastante inusual). Tiña un certo interese en vela pero xa a dei por perdida, cousas que pasan. Pero mira ti por onde, de casualidade, saíu a posibilidade de vela a comezos de novembro en Narón, que ten un auditorio teatral prestixioso. E ata alí fomos.

Para comezar, reiterar iso, que Narón ten unha cultura teatral máis que consolidada, coa súa propia Escola Municipal de Teatro, que leva décadas formando á xente da profesión. E unha programación estable, que ten funcións todas as semanas. Tendo en conta que Narón ten uns 40 mil habitantes, e que está pegada a Ferrol, que ten uns 70 mil, non está nada mal para unha poboación dese tamaño. Xuraría que antes facían o teatro nun edificio máis antigo e que hai poucos anos se mudaran ao novo Pazo da Cultura, que nos pareceu impoñente, cun auditorio comodísimo e moi amplo, no que deben caber 700-800 persoas.

O elenco e equipo da obra é fantástico. O texto é de Albert Boronat, Juan Cavestany, Andrés Lima e Juan Mayorga. A dramaturxia é de Albert Boronat e Andrés Lima, e a dirección é deste último. Actúan representando infinidade de papeis diferentes Cristina Arias, Mamen Camacho, Antonio Durán “Morris”, Natalia Hernández, María Morales, Paco Ochoa, Guillermo Toledo e Juan Vinuesa, acompañados por un coro de xente nova, que deben ser en torno a 15 ou 20 persoas. A obra dura unhas 4 horas e 15 minutos, con dous descansos. Nos laterais do escenario tamén se poñen algunhas butacas para acoller a algo máis de público (haberá escenarios onde non sei se caberán). Parece que ao comezo da xira estaban no elenco Blanca Portillo e Alba Flores (e se cadra outras persoas das que eu non oíra falar), pero parece que xa non actúan na obra.

Con tanto esforzo, xa suporedes que está moi ben. Obviamente, nunha obra tan longa, hai momentos máis altos e outros máis baixos, pero non necesariamente son os mesmos para todo o mundo. Eu fun cun grupo de xente numeroso, e había sensacións diversas en cada un dos tramos. Estando moi ben, a min deixoume algo frío, porque tratar algo tan denso e intenso como os oito anos de República e Guerra Civil non é doado nin sequera con catro horas de obra. Pero vaia, se tedes a oportunidade de vela, eu non a deixaría fuxir.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Naves misteriosas

Levaba anos intentando ver esta película. Deberon botala na televisión nos 80, e chamáronme a atención as imaxes, os invernadoiros semiesfér...