O outro día xurdiu a posibilidade de ver esta película e animeime. Despois de vela, soábanme algunhas cousas, do cal deduzo que debín vela parcialmente ou incluso completa, pero hai moito tempo. Polo visto, foi a primeira dunha saga de nove películas sobre o tema. E parece que o famoso debuxo animado debutou nos créditos iniciais desta película, aínda que despois tivo vida propia.
"A Pantera Rosa" foi dirixida en 1963 por Blake Edwards. Os principais papeis do elenco foron para David Niven, Peter Sellers, Capucine, Robert Wagner e Claudia Cardinale. Se non me equivoco, a saga seguiu ganando presenza o papel do Inspector Clouseau, que nesta ten un papel bastante secundario.
Hai un ladrón de luva branca que se fai chamar o Fantasma que ten por costume roubar xoias moi valiosas despois de asistir a luxosas festas da alta sociedade. Hai un policía moi torpe chamado Jacques Clouseau que cre ter identificado ao Fantasma como Sir Charles Lytton, un playboy inglés que causa sensación alá onde vai.
A súa nova presa é a princesa Dala (de orixe hindú ou similar) que posúe unha famosísima pedra preciosa chamada "A Pantera Rosa", porque no seu interior vese a silueta dunha pantera. Está esquiando en Cortina D'Ampezzo e ata alá vai o Fantasma (que si é ese playboy inglés) para intentar roubala.
Pero aínda hai máis lío, porque resulta que a esposa de Clouseau é a amante secreta do Fantasma, e obviamente el aprovéitase diso. E por se non chegara con iso, chega por sorpresa ao lugar George, o sobriño de Charles, que tamén é playboy, pero parece que descoñece a que se dedica o seu tío. E tamén establece vínculos moi interesantes coa muller de Clouseau.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario