sábado, 8 de febreiro de 2025

A momia

A terceira película que vin da produtora Hammer no CGAI nas últimas semanas (ver as dúas anteriores xusto nos artigos que están debaixo, e enriba deste estará a cuarta e última) foi esta ambientada (en parte) en Exipto. Non teño nin idea de se hai unha novela orixinal (como si pasaba con Frankenstein e Drácula), pero non me soa, así que aquí si que voaron libres ao inventar a trama, polo que parece.

"A momia" foi dirixida por Terence Fisher en 1959, con Peter Cushing e Christopher Lee nos papeis principais (Cushing de investigador ou creador, e Lee sempre de monstruo terrible), e nos papeis secundarios destaca George Pastell e Yvonne Furneaux (con moi poucas pero relevantes aparicións).

A finais do século XIX, unha familia de arqueólogos formada por un fillo, o seu pai e o seu tío atopan a tumba dunha princesa exipcia, chamada Ananka, que era adoradora do deus Karnak. O fillo ten unha perna rota e entran na tumba só o pai e o tío, a pesar das ameazas dun tipo que aparece por alí. O tío sae un momento para contarlle ao seu sobriño a riqueza do achádego, e dende fóra só escoitan os berros do pai, ao que atopan en estado catatónico, aínda que non saben moi ben por que.

Uns anos máis tarde, xa en Inglaterra, o pai cóntalle ao fillo que foi o que pasou cando quedou só na tumba de Ananka, e tanto el como o tío morre asasinado pola momia. Pero quen é a momia? A momia é o cadáver revivido de Kharis, un antigo sacerdote e servidor de Ananka, que reviviu cando o pai e o tío do arqueólogo (John) entraron na súa tumba. Agora, aquel señor raro que os ameazou cando ían entrar, trasladou a Kharis a Inglaterra, para intentar vengarse dos tres que violaron a tumba da súa princesa.

O único que xa queda vivo é John, e é atacado na súa propia casa pola momia, A muller de John intenta defendelo, e nese momento descúbrese o gran parecido físico entra a antiga princesa Ananka e Isobel, a muller de John, e iso paraliza á momia, que decide marchar. O adorador de Karnak pensa que a momia matou a John, porque raramente falla nas súas operacións.

Pero John vai visitar a ese adorador, que queda sorprendido porque aínda estea vivo, e ordea un novo ataque a John na súa casa. A momia repite o ataque, pero agora xa todos saben que Isobel pode axudar a paralo polo seu parecido con Ananka. Inténtano pero Kharis rapta a Isobel e lévaa a un pantano, polo que xa pasara antes. Alí cercan á momia, conseguen separalos lixeiramente e dispáranlle á momia, que se afunde nas augas.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...