sábado, 8 de febreiro de 2025

O sabuxo dos Baskerville

Remato esta serie de catro artigos seguidos (os tres anteriores deben estar xusto debaixo deste) dedicados a películas da Hammer que botaron nas últimas semanas no CGAI, con esta baseada nunha das historias máis famosas de Sherlock Holmes, a xenial creación de Arthur Conan Doyle. Sospeito que esta si debe ser bastante fiel á historia orixinal, pero non puiden comprobalo. Hai xa décadas que teño un libriño con varios relatos deste personaxe, e estaba convencido que este era un deles, pero trabuqueime. A única referencia que teño é a serie británica da década pasada protagonizada por Benedict Cumberbatch e Martin Freeman. Lembro que este capítulo era parecido, pero non lembro o desenlace.

"O sabuxo dos Baskerville" foi dirixida por Terence Fisher en 1959. Aos tradicionais Cushing e Lee (que esta vez non fai de monstruo, senón de aristócrata) uniuse esta vez André Morell, facendo do Doutor Watson. Como curiosidade, diremos que se usou como castelo dos Baskerville o mesmo que se usou uns anos antes como castelo de Drácula.

Un médico vai a Londres visitar a Holmes e Watson para pedirlles axuda. A saga dos Baskerville está desaparecendo, aparentemente debido a unha maldición herdada dun ancestro que era moi mala xente. Charles, o penúltimo da saga, acaba de morrer devorado por un feroz can, e xa só queda o último da saga, Henry, que vén do estranxeiro.

Reúnense con el en Londres, antes de ir á súa mansión, que se atopa no páramo inglés, e a Henry non parece facerlle demasiada graza a contratación dun detective para parar unha suposta maldición na que el non cre. Pero está a piques de morrer pola picadura dunha tarántula que aparece nunha das súas prendas de forma sorpresiva, e convéncese de que algo raro está pasando.

Watson acompaña a Henry á súa mansión, porque supostamente Holmes ten que quedar arranxando algunha cousa en Londres, pero realmente Sherlock chega alí pouco despois ca eles, e ponse a pasear polo páramo, para intentar entender que está sucedendo alí. Entérase de que por alí anda un presidiario que fuxiu da prisión cercana, e tamén atopa a uns campesinos que viven no medio do páramo, e que teñen unhas actitudes máis ben estrañas.

Acaba descubrindo que o presidiario fuxido é irmán da criada dos Baskerville, e que os campesinos do páramos son descendentes dos Baskerville, e beneficiarios da posible herdanza, e son os que gardan a un enorme sabuxo con fame nunha mina cercana, e sácano de cando en vez para facer fechorías.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...