sábado, 8 de febreiro de 2025

Drácula

Seguimos coa saga de películas da produtora Hammer que botaron nas últimas semanas no CGAI, agora chamado Filmoteca de Galicia. Esta serie comezou no artigo anterior (ou sexa, o que está xusto debaixo deste). No caso desta película, en Estados Unidos tiveron que cambiarlle o título a "Horror of Drácula" para que non houbera problemas legais coa película de 1931, protagonizada por Bela Lugosi. De novo, colleron a historia orixinal de Bram Stoker, e tomáronse moitas liberdades para ambientala e adaptala como lles petou, e non o vexo mal.

"Drácula" foi dirixida en 1958 por Terence Fisher, e unha vez máis, os papeis estelares foron para Peter Cushing e Christopher Lee. Entre os secundarios, ten un papel relevante Michael Gough (vaia, penso que é a primeira vez que o vexo "de novo", xuraría que sempre o vira xa maior en películas), John van Eyssen (fai de Jonathan Harker, pero dura pouco), e unhas cantas mulleres que acaban seducidas por Drácula, como Melissa Stribling, Valerie Gaunt, Carol Marsh e Janina Faye. De novo, ambientan como e cando lles parece, e desta saga a Hammer chegou a facer nove películas, así que imaxinádevos o delirio total. Por certo, parece que foi esta a primeira película na que decidiron poñerlle "colmillos" aos vampiros.

A diferenza da novela orixinal, Jonathan Harker chega ao castelo de Drácula (que non parece estar nos Cárpatos, senón en CentroEuropa) para facer de bibliotecario, pero pronto descubrimos que é un cazavampiros que intenta matar ao Conde, xa famoso polas súas actividades. É vampirizado por unha muller que estaba presa no castelo e consegue matala dun estacazo no corazón, pero non consegue o mesmo co Conde, que si acaba vampirizándoo a el de novo. Pouco despois chega ao castelo o seu amigo Van Helsing, e descubre o seu cadáver, e que o Conde xa non está alí.

Van Helsing volve á casa da familia de Harker (que tamén está en Centro Europa, e non lonxe do castelo de Drácula, que raro todo isto!!) para dar a mala noticia e entérase de casualidade de que Lucy,  a novia de Harker, está enferma, e semella que está sendo vampirizada. Así que Van Helsing comprende que o Conde está vingándose da morte da muller que tiña no seu castelo na muller de Jonathan Harker.

O irmán de Lucy comeza a ser consciente da gravidade do tema e comeza a axudar a Van Helsing. Pero nese momento xa está tamén vampirizando á súa muller, Mina Harker, que foi raptada polo Conde e levada ao seu castelo. Perségueno ata alí, e Van Helsing consegue matar ao Conde da forma tan fantástica que pode verse no vídeo que tedes aí debaixo.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...