sábado, 8 de febreiro de 2025

A maldición de Frankenstein

A Hammer foi unha produtora cinematográfica británica que tivo bastante éxito durante varias décadas facendo películas de terror gótico. Comezaron a mediados dos 50 e remataron a finais dos 70, polo menos a saga que estou disfutando eu agora. Porque no CGAI decidiron botar un ciclo de películas dirixidas por Terence Fisher e protagonizadas por Peter Cushing e Christopher Lee (por algunha razón que descoñezo, no CGAI titulan o ciclo como "Fisher/Lee" nada máis, se cadra botan algunha na que non estaba Cushing).

"A maldición de Frankenstein" foi dirixida por Terence Fisher no ano 1957. No elenco destacan, como non, Peter Cushing e Christopher Lee (este encarna ao "monstruo", habitual nel, pero ten moita menos presenza que Cushing). Como secundarios destacan Robert Urquhart e Hazel Court. A historia está "libremente baseada" na famosa novela de Mary Shelley, pero vaia, que se toman bastantes libertades, tanto é así, que fixeron cinco películas máis baseadas neses personaxes.

Víctor Frankenstein é un barón que, morréndolle a familia cando era novo, queda baixo a tutela de Paul Krempe, amigo da familia e eminente científico. Xuntos van traballando na posibilidade de crear vida ou recuperar a dun ser xa morto, e conseguen revivir a un can facendo estraños experimentos.

A Krempe xa lle chega con isto, pero a Frankenstein non, que quere crear vida humana a partir de cadáveres, pero a Krempe parécelle inmoral. Frankenstein segue avanzando nas súas investigacións, e semella que non vai mal encamiñado. Chega incluso a matar, facendo que pareza un accidente, a un eminente profesor ao que invitou á súa casa, para despois ir á súa tumba e extirparlle o cerebro. Krempe sorpréndeo facendo isto e o cerebro cae e queda danado, pero aínda así, Frankenstein faise con el. É a peza perfecta que lle faltaba, un cerebro sabio e experimentado, o que el non sabe é que quedou perxudicado pola caída.

En paralelo con todo iso, Víctor está prometido coa súa curmá Elizabeth, pero tamén ten un romance coa súa criada Justine (este Víctor semella un tanto disipado), que nalgún momento lle ameaza con estar embararazada del, cousa que non lle fai demasiada graza.

O caso é que consegue revivir a súa monstruosa criatura, pero o chaval non parece moi espabilado. Incluso se lle escapa unha noite e mata a un par de persoas no bosque. Krempe e Víctor saen buscalo e mátano dun tiro. Pero Frankenstein volve revivilo cando volve ao laboratorio.

Nese momento Justine ameaza a Víctor con dicir en público o da súa relación e embarazo, e o doutor considera que é mellor deixar o tema nas mans do monstruo, que mata á criada. Krempe descubre que o monstruo volve estar vivo, e que é aínda máis perigoso que antes, así que intenta denunciar a situación. Pero todo se desencadea moi rápido. O monstruo intenta atacar a Elizabeth, e Víctor sae para enfrontarse a el, e todo o que consegue é prenderlle lume cun farol de petróleo. O monstruo cae do tellado no que se atopaba xustamente nun tarque de ácido que había no laboratorio. E isto é moi relevante, porque non só morre, senón que se disolve no ácido.

A película remata como comezou (que non o dixen antes). Víctor estaba no "corredor da morte" porque estaba acusado da morte da súa criada (só seis persoas chegaron a saber da existencia dese ser, e só tres quedan vivas: Víctor, Krempe e Elizabeth). Víctor di que foi o monstruo que el creou, pero obviamente ninguén lle cre. O cura que lle estaba atendendo nas súas últimas horas tampouco, e Krempe chega á súa celda, pero "faise o avión", e marcha con Elizabeth.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...