domingo, 22 de decembro de 2024

A sociedade literaria e do pastel de pel de pataca de Guernsey

Hai xa uns 5 ou 6 anos lin unha noveliña con este título, que me parece unhas das mellores obras literarias que lin nas últimas décadas. Non ten moitas pretensións, pero conta unha historia ben bonita e curiosa. Foi escrita pola escritora estadounidense Mary Ann Shaffer e a súa sobriña Annie Barrows. Xa non a lembro completa, pero teño a sensación de que a película é tremendamente fiel á obra literaria. Como curiosidade, pero importante no meu caso, direi que tanto a novela como a película as vin en galego. Resulta que esta película foi a primeira que vin en AGalega, a nova plataforma de contidos da CRTVG.

A película foi dirixida en 2018 por Mike Newell. O reparto está encabezado por Lily James, pero está moi ben acompañada polos secundarios Michiel Huisman, Glen Powell, Jessica Brown Findlay, Matthew Goode, Tom Courtenay e Penelope Wilton.

A historia é algo retorcida pero moi atractiva. Unha exitosa novelista londinense está buscando ideas para o seu seguinte libro xusto despois da II Guerra Mundial, pero non dá con ningunha interesante. Ata que recibe unha estraña carta dun descoñecido que lle escribe dende a Illa de Guernsey (unha das "illas do Canal da Mancha", que pertencen ao Reino Unido pero están pegadas á costa francesa). Nela dille que descubriu o seu enderezo nun libro de segunda man que atopou nun mercadiño, e que escribe en nome dun modesto club de lectura que teñen na illa dende a ocupación nazi da mesma.

Ela amósase totalmente intrigada pola sucesión de coincidencias, e decide ir visitalos para coñecelos. Fica absolutamente engaiolada coa fermosura da illa e co cariño dos integrantes do club de lectura, que o puxeron en marcha de forma totalmente casual durante a ocupación nazi, pero finalmente converteuse nunha das actividades que máis felices lles facía.

Tamén lle intriga a historia da fundadora do club, Elizabeth McKenna, que xa non está na illa, pero da que ninguén quere falarlle claramente, cando por alí anda a súa filla pequena, que lle chama "papá" a homes que claramente non o son. E vai descubrindo que naqueles anos pasaron cousas moi curiosas na illa.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...