domingo, 22 de decembro de 2024

Divorcio á italiana

Xa dixen aquí moitas veces que o cine italiano non me atrae demasiado. Somos case veciños pero recoñezo que non me caen demasiado ben nin me gusta demasiado a súa forma de contar historias. A última película italiana que vin, creo, foi "Matrimonio á italiana", e reforzou esa idea. No espazo de cine clásico da 2 botaban "Divorcio á italiana", e non estaba moi animado, pero xa debía eu estar bastante canso e con ansia de descansar, e deille unha oportunidade, e gustoume máis do esperado.

"Divorcio á italiana" foi dirixida por Pietro Germi en 1961, e o papel principalísimo foi para Marcello Mastroianni. Tamén destacan moito os de Daniela Rocca (muller), Stefania Sandrelli (curmá e amante, que debutaba no cine cuns 15 anos, como o personaxe que representaba) e Leopoldo Trieste (amante da muller).

Ferdinando é un nobre siciliano vido a menos que ten unha muller non moi guapa pero moi devota, pero el está namorado dunha curmá súa adolescente, que vive noutra parte do seu destartalado palacio, no que viven varias polas da mesma familia. Un día descubre que á súa amante tamén comparte os seus sentimentos, e comeza a cavilar como conseguir acabar con ela, tendo en conta que en Italia aínda non estaba recoñecido o divorcio, só a nulidade matrimonial cando se daban certos feitos graves.

Comeza a buscar posibles candidatos a amantes, e atopa a un sobriño do párroco, que hai moitos anos foi pretendente da súa esposa. Ela mantense firme, pero finalmente acaba cedendo á paixón. El está casado e ten tres fillos pero tamén ten moitas experiencias extramatrimoniais e acaba caendo tamén.

Descubre cando vai ser o seu seguinte encontro para matar á súa muller e o amante, pero resulta que xa se adiantou a esposa do amante, que o matou, e el vese obrigado a matar á súa muller. A pena que lle impoñen non é moi longa, e á saída, xa está a súa amorosa amante esperándoo na casa. Ferdinando pensa que nese momento comeza a vida de verdade, o que el non sabe é que a súa curmá pode abrazarse a el e simultaneamente facerlle arrumacos co pé ao piloto da barca na que escapan.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...