Por fin puiden ver esta mítica película, que nalgunha desas listas das "mellores películas da historia", con certa frecuencia está nas primeiras posicións. Vin esta película unha noite na miña casa (pódese ver completa en Youtube, como veredes máis abaixo), e esa mesma tarde fun a unha charla que daba Martin Pawley na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda sobre Murnau, o seu director, que me pareceu moi interesante. Como curiosidade, diremos que este tipo morreu nun accidente de coche, cando tiña pouco máis de 40 anos, cando uns anos antes, sendo piloto da aviación alemá na I Guerra Mundial, sufriu oito accidentes aéreos, aos que sobreviviu.
"Amencer" foi dirixida en 1927 por Friedrich Wilhelm Murnau. Foi a súa primeira película rodada en estudos estadounidenses, cun sistema de son que estaba dando o salto do cine mudo ao sonoro, xa que tiña banda e efectos sonoros. Os dous papeis principais foron para dúas estrelas do momento, George O'Brien e Janet Gaynor. Tamén poderíamos salientar a Margaret Livingston, que fai o papel da amante, esencial na trama. O título orixinal (traducido) foi "Amencer: a canción de dous humanos". Levou tres Oscars, pero o máis importante é que un deles é dunha categoría que só se entregou nesa ocasión: Óscar á Produción Única e Artística. Polo visto, está considerada un fito da historia do cine por esa influencia que tivo nas décadas posteriores (e que eu agora non sei apreciar).
A historia é ben simple: a unha aldea rural chega unha sofisticada muller da cidade, e un dos granxeiros da aldea, que tiña unha vida feliz coa súa muller e fillo, fica totalmente prendado desa nova muller, e comezan unha relación. Todo o mundo o ve e quedan moi tristes pola evolución do home e da súa familia, que vai cada vez a peor.
Nun dos seus encontros, a muller da cidade insinúalle que mate á súa muller un día que saian de paseo na súa barca. Poden simular un naufraxio, e el debe levar escondidos na barca uns xuncos que corte previamente, para poder salvarse despois do "accidente" no que morrería a súa muller. E así poderían fugarse xuntos á cidade.
O home comeza o plan, pero cando está a piques de levalo a cabo, a muller decátase do que vai pasar, e el arrepíntese inmediatamente, e non sucede nada. Coa muller aterrorizada, lévaa a outra beira do lago no que estaban paseando, e a muller escapa correndo en canto o pé na terra. Súbese a un tranvía e vai para a cidade, onde cre estar a salvo.
El vai detrás dela, e de feito xa vai con ela no tranvía desculpándose e intentando que o perdoe. Chegan á cidade e pásanlles moitas cousas positivas que fan que reconstrúan a súa relación: renovan os votos matrimoniais, van xuntos ao barbeiro, van ao parque de atraccións, etc.
Cando volven pola noite na barca cruzando o lago, desátase unha treboada e, esta vez si, acaban naufragando, pero esta vez sen querer. Os xuntos escondidos que ían ser para salvar ao marido son usados neste caso para todo o contrario, salvar á muller. Ao final, o marido consegue chegar á beira pero a muller desaparece, e a dan por morta, pero finalmente, un dos pescadores da aldea, que coñece ben as mareas, sae na súa barca a un recuncho no que atopa á muller, inconsciente pero aínda viva.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario