xoves, 12 de outubro de 2023

Arraianos (teatro)

Por algunha extraña razón, o libro de relatos "Arraianos", escrito por Xosé Luís Méndez Ferrín a comezos dos anos 90, estase cruzando comigo en moitas ocasións nestes dous últimos anos. O máis casual é que o lin hai un par de anos, creo que no 2021. No ano 2022 (creo) Ángeles Huerta fixo a película "O corpo aberto" baseada no seu primeiro relato, titulado "Lobosandaus", que é o máis longo e, polo visto, o que máis impacta nos lectores. E o magnífico grupo de teatro Sarabela acaba de presentar a versión teatral, para o cal escolleron tamén ese primeiro relato e o segundo, titulado "Medias azuis". Así que, con todas estas coincidencias, de "Lobosandaus" vin nos últimos anos a versión literaria, teatral e cinematográfica. Xa cando o lin me pareceu fantástico, pero semella que non son o único que penso así.

O elenco da obra está formado por catro dos integrantes habituais de Sarabela: Fernando Dacosta, Elena Seijo, Fina Calleja e Sabela Gago. A eles uníronse Fernando González e Fran Lareu, que formaban parte dunha nova compañía chamada Il Maquinario Teatro, que xa hai tempo que non a vexo, do cal deduzo que está parada, aparcada ou simplemente disolta. E por último temos a Vazdim Yukhnevich, músico bielorruso que leva anos asentado en Galicia e que últimamente actúa moito en teatro, sobre todo en grupos ourensáns. Por certo, gustoume máis esta versión teatral que a cinematográfica de "Lobosandaus". 

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...