xoves, 12 de outubro de 2023

Robin e Marian

Nos últimos tempos, no espazo de cine clásico da 2 estaban botando bastantes películas repetidas, que xa proxectaran nos últimos meses ou anos. Pero levan varias semanas nas que xa "renovaron" o catálogo, e poden verse cintas que levaban tempo sen proxectar. Esta que vou comentar aquí soábame, pero non a vira nunca, así que fixemos o esforzo.

"Robin e Marian" foi rodada en 1976 e dirixida por Richard Lester. Obviamente o protagonismo principal é para Sean Connery e Audrey Hepburn (que volvía ao cine despois de nove anos de parón), pero hai un elenco de secundarios moi poderoso, onde se atopan Robert Shaw, Richard Harris, Denholm Elliott, Ian Holm, ou incluso Victoria Abril e Nicol Williamson, actor ao que eu non coñecía pero que fai un papel destacado como Little John.

A historia é ben simple. Robin Hood volve das Cruzadas, despois da morte de Ricardo Corazón de León, co que xa tiña moitas diferenzas, e atopa que o mundo xa non se parece ao de antes. Marian é a abadesa dun modesto convento e o sheriff de Nothingham segue sendo o seu inimigo principal. A película amosa a decadencia do lugar e deles mesmos, dando a sensación de que xa van moi maiores (os actores andaban polos 45 nese momento, pero esa idade no medievo sería moi avanzada). Non sei, a min deume a impresión de que as escenas de acción é loita, ou non estaban moi ben rodadas, ou estaban feitas mal a propósito para dar a entender que xa estaban vellos, pero causaban unha mala impresión. O final si que resulta algo máis épico.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...