domingo, 15 de outubro de 2023

A tentación vive arriba

Eu pensaba que xa vira esta película hai tempo, pero sospeito que só vin algúns fragmentos, como o famoso da saia que se levanta pola corrente de aire do metro. Botábana o outro día no espazo de cine clásico da 2, así que deille unha oportunidade.

Foi dirixida en 1955 por Billy Wilder e o protagonismo absoluto foi para Tom Ewell e Marilyn Monroe, o resto son secundarios con pouco peso na trama, obviamente. E fixen ben en poñer primeiro ao protagonista masculino, porque seguro que todo o mundo pensa que está é unha das típicas "películas de Marilyn", pero resulta que ten unhas poucas aparicións (moi estelares, obviamente). Pola contra, Tom Ewell, que debía ser unha gran estrela cómica da época, non sae da escena case en ningún momento, e en moitos casos está el só falando consigo mesmo.

Antes de contar a trama, que tampouco ten moita chicha, hai uns cantos detalles da película moi interesantes. O título orixinal é algo así como "O picor do sétimo ano", porque un psiquiatra que atende ao protagonista ao comezo da película dise que moitas das infidelidades conxugais comezan arredor do sétimo ano de matrimonio. Por outra banda, o director non soportaba a Marilyn (aínda que despois fixo algunha película máis con ela), e non debía ser o único, porque non lembraba os textos e iso obrigaba a repetir moitísimas tomas. Por se non chegara con iso, esta película provocou o divorcio de Marilyn con Joe DiMaggio, aínda que iso xa era algo esperado, pero a famosa escena da corrente de aire xa foi o punto final.

Pois nada, un tipo que ten que quedar a traballar en Nova Iork durante o verán, mentres a súa muller e fillo marchan a verarear á costa de Maine, pensa que vai ser un aburrido verán máis. Ata que descubre que no piso de enriba, en troques do aburrido matrimonio que vive alí normalmente, está unha muller loira moi atractiva que alugou o apartamento durante algún tempo. A partir dese intre, todo vólvese pensar se iso vai dar lugar a unha infidelidade, que estará facendo a súa muller en Maine e todo iso, comeduras de coco que non levan a ningures.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...