domingo, 30 de abril de 2023

O aparecido

Este curioso documental local tivo un mes de abril bastante xeitoso na Coruña. Foi proxectado tres veces ao longo dese mes, que eu saiba, se cadra foron máis. Tamén é certo que non sei se terá moito interese fóra da Coruña, pero éche o que hai. 

Eu vino na primeira das proxecións, no Fórum Metropolitano, na mesma Semana Santa. A mediados de mes, tamén o botaron na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. E nos últimos días do mes tamén foi ao CGAI. Nos tres casos, con coloquio posterior, porque moitos dos participantes seguen vivindo na Coruña ou por cerca.

A historia é ben curiosa. No ano 1981, un grupo de xente do teatro coruñés, daquela aínda balbuceante (o teatro galego non existiu practicamente durante o franquismo, e comezou a asomar a finais dos 70), fixo unha curtametraxe en Super 8 titulada "Manoel Antonio", baseada na vida e obra do poeta rianxeiro. Era en galego, en verso e con moito de cine de autor. E remataba cun desnudo integral do actor protagonista, mentres se metía na auga nunha praia e corría pola mesma.

Pois unhs 40 anos máis tarde, o equipo que fixo aquela obra roda este documental para lembralo. Supoño que a moitos serviunos para saber da existencia desa curta. Non teño nin idea da razón pola cal este documental moderno se titula "O aparecido", pero pareceume intuír que o daban por perdido e, de súpeto, unha das participantes atopou unha copia na súa casa, cando xa ninguén contaba con ela. Pero debedes saber que neste documental só se ven uns poucos fragmentos.

Os principais artífices da obra (moderna) son José Antonio Jiménez (que tamén foi o principal instigador da curta orixinal) e Fran Naveira. E son entrevistados persoeiros como Santi Prego, Victor Mosqueira, Francisco Jorquera, Luisa Veira (coñecida nos primeiros tempos da TVG por un personaxe chamado "Eva de Sarria"), Juan Fernán, etc.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...