domingo, 30 de abril de 2023

Mad Max 2

Non me preguntedes por que, porque eu tampouco o entendo, pero interésame a saga de Mad Max. Non me chaman a atención os coches nin as motos, non me atrae especialmente a violencia, pero aínda así, ese tipo de películas si me atrae (algo, non moito, tampouco nos pasemos). Estou pensando que se cadra é a paisaxe desértica, que si me gusta moito estéticamente (non vivir nela).

Botan con bastante frecuencia na televisión en aberto a última da saga, que é do ano 2015, e na que xa non está Mel Gibson, alí o mazas é Tom Hardy. Pero hai unhas semanas botaban "Mad Max 2" a unha hora visible. E xusto despois botaban a primeira da saga, pero esa xa era de madrugada. Pero alégrame saber que esta saga volve estar no radar dalgunha das cadeas da TDT, así que poderemos completala axiña, porque esas cadeas teñen tendencia a repetir contidos con frecuencia.

"Mad Max 2" é unha película australiana dirixida en 1981 por George Miller (creo que dirixiu todas as da saga, aínda que a última chegou 30 anos despois da anterior). A estrela principal era Mel Gibson, polo menos visto dende a actualidade, porque foi o único que ascendeu no escalafón, o resto apenas son recoñecibles na actualidade. O único que me soaba vagamente era Michael Preston.

A historia tampouco ten moita chicha. Polo visto, ao final da primeira parte da saga, Mad Max perdeu á súa parella e fillo, creo. Así que ao comezo desta película vaga polas estradas, co seu coche de policía, moi potente e desexado, xa que o mundo segue no seu estado post-apocalíptico, despois dunha guerra nuclear, case todo o planeta está devastado e convertido nun deserto, e o único que hai son salvaxes que patrullan polas estradas intentando conseguir todo o combustible posible, que é o máximo botín do momento.

Nun determinado momento, comezan a perseguilo, están a punto de pillalo, pero consegue zafarse no último momento, xusto a carón dun gran camión que quedou abandonado (menciónoo porque ten importancia despois). Pouco despois atópase cun tipo algo chalado que ten un xirocóptero, algo así como un pequeno e rudimentario helicóptero unipraza e sen chasis, pero que voa, que é o importante. Ao principio a relación é algo tensa pero acaban facéndose aliados.

Van polo deserto e chegan a un punto neurálxico. Nun campamento teñen un xigantesco tanque de gasolina e iso, obviamente, reúne alí a toda a morralla da rexión, que intenta asaltar o campamento todos os días. Unha noite, varios vehículos saen desa "refinería" pero son perseguidos con saña e atacados. Mad Max salva ao ocupante e lévao de novo ao campamento, xa case moribundo. Os do campamento agradecen o xesto pero chegan á conclusión de que van ter que marchar, porque o asedio xa é case insoportable. Mad dilles que el pode ir a polo camión abandonado que viu hai uns días, e que pode servirlles para transportar o gran tanque de gasolina. Así o fan, e Mad consegue traer o camión ata o campamento.

Ese era o trato que tiña Mad con eles, así que marcha co seu coche, pero pouco despois os atacantes conseguen detelo e quitarllo. O que non saben é que tiña unha trampa que facía estourar o coche por se llo roubaban. O chalado do xirocóptero rescátao e volven ao campamento, xusto cando xa van marchar. El ofrécese a conducir o camión e atraer a todos os salvaxes. Mentres, o resto da xente do campamento pode escapar en autobuses cara á praia.

Así o fan, sendo a persecución moi salvaxe, como non podía ser menos. Nunha curva conseguen impactar contra o camión, e volca. Nese momento, Mad Max descubre que o tanque está cheo de area, era un señuelo. O combustible ía nos autobuses no que marcharon os do campamento. Pois iso, salvaxismo nas estradas do deserto australiano. Pero resulta moi visible.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...