domingo, 30 de abril de 2023

Alexandre Magno

No que vai de século XXI, e aproveitando que os efectos dixitais melloraron moito, estanse facendo grandes películas baseadas na mitoloxía ou na historia da Antiga Grecia (porque a Grecia de agora dá menos de sí, parece). Hai pouco vin "Troia" e tíñalle ganas á de "Alexandre Magno", así que non perdín a oportunidade cando a botaron hai unhas semanas. Ou sexa, que están facendo "peplums" como nos anos 50, pero con máis calidade e rigor histórico.

"Alexandre Magno" foi dirixida en 2004 por Oliver Stone. O papel principal foi para Colin Farrell, que compuxo un Alexandre complexo, con dúbidas e reflexivo. Sen entrar nas súas grandes amizades masculinas ao estilo das de Aquiles que fixo que algúns puxeran o berro no ceo, insinuando que "era moi home" e iso non podía ser. A sociedade grega daquel tempo tamén era complexa e seguro que non resulta doada de comprender agora. O resto do elenco tamén destaca moito, por exemplo con Angelina Jolie, Val Kilmer, Rosario Dawson, Christopher Plummer, Jared Leto e Anthony Hopkins.

Pois nada, conta boa parte da súa vida, que tampouco foi moi longa. Pareceume ler que a ambientación histórica e factual foi bastante fiel, moito menos fantasiosa do habitual. Unha cousa que me chamou a atención, e que non sabía, é que os seus pais se levaban fatal entre eles. E que a nai, Olimpia, predispoñía a Alexandre contra o seu pai, Filipo, e que incluso insinuaba que realmente era fillo de Zeus, e establecía moitos paralelismos entre Alexandre e Aquiles, cousa que ao final, máis ou menos, acabou cumpríndose. O caso é que a relación entre Alexandre e Filipo tampouco é boa e, por cousas do destino, Alexandre sube ao trono moi novo, con 20 anos.

Os grandes rivais dos gregos (máis ben macedonios) eran os persas, naquel momento liderados por Darío. Así que os gregos encamíñanse ao territorio dos outros. Antes diso, pasan por moitos lugares, que van conquistando, ou que se van deixando conquistar, como Exipto, onde funda Alexandría, que chegará a ser o faro da humanidade, en moitos aspectos. Conseguen algunhas victorias sonadas nas que se amosa tremendamente xeneroso cos vencidos, o que fai que cada vez teña máis aliados e pobos que queren formar parte do seu imperio.

Chega a crucial batalla de Gaugamela cos persas, na que estes son moito máis numerosos, pero aplicando algunhas inxeniosas tácticas militares, inventadas por eles, saen gañadores. Toman Babilonia e, de novo, non se amosan salvaxes na victoria e conquista, senón xenerosos, e todos saúdan o cambio de rei. Persegue a Darío, a quen respectaba como xefe, que é asasinado polos seus propios homes, e Alexandre persegue aos seus asasinos. 

Seguen avanzando, chegan á India, e despois de tantos anos de campañas militares, os seus súbditos comezan a cansarse e a rebelarse, porque queren volver xa á casa a descansar coas súas familias. Enfróntanse a un dos reis máis poderosos da India, que loita xunto cuns poderosos e terribles elefantes. Alexandre e algúns dos seus máis poderosos xenerais son feridos e morren pouco despois. El non aclara o futuro do seu inmenso imperio e os seus xenerais tampouco se poñen de acordo, así que comeza unha guerra interna para facerse cos despoxos.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...