sábado, 17 de decembro de 2022

A lingua das bolboretas

Polo visto, esta versión teatral de "A lingua das bolboretas" a cargo da magnífica compañía ourensá Sarabela Teatro xa é do ano 2020, cando estoupou a pandemia. Pero supoño que estiraron a xira no seu repertorio porque non chegou a todas partes ou chegou en momentos nos que o aforo das salas era moito máis reducido.

Supoño que a maioría pensamos na famosa película dirixida por José Luís Cuerda e protagonizada por Fernando Fernán Gómez e Manuel Lozano, pero coido que hai diferenzas. Xa pasou tempo dende que vin a película e dende que lin a obra de Manuel Rivas que lle servía de base, pero creo que o plantexamento era diferente.

Se non me engana a memoria, a película española que todos lembramos estaba baseada en tres contos do libro "Que me queres, amor?" de Manuel Rivas. Obviamente, a fonte principal era "A lingua das bolboretas", coido que outro era "Un saxo na néboa" que achegaba algúns personaxes, e sóame que había un terceiro conto que tamén tiña algo que ver no guión final, pero xa non lembro cal era.

A obra que representou Sarabela o outro día estaba baseada só no conto orixinal do mesmo título. De feito, a obra xa non era de moi longa duración, e segundo comentario do colega que foi comigo, que podería suscribir, había varias esceas moi poéticas e visuais (que non lle gustaron demasiado, ou máis ben nada) que parecían estar para encher tempo. O teatro é unha arte escénica na que teñen sentido esas cousas (que gusten máis ou menos é outra cousa) para as que non hai demasiado sitio na literatura.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...