sábado, 17 de decembro de 2022

Blasco Ibáñez, a novela da súa vida

Imos poñer este produto audiovisual na sección de "Series", pero realmente só tivo dous capítulos e dura menos de 3 horas, pero éche o que hai. Polo visto, a produción era inicialmente máis ambiciosa, pero houbo recortes e quedou nisto. Parece que querían rodar tamén en Montecarlo e Hollywood, onde se supón que tamén viviu o personaxe, pero os cartos xa non chegaron a tanto. Vin esta miniserie en RTVE Play, e aínda que non lin ningunha obra deste autor, sempre me chamou a atención, porque parece que era un gran escritor e, en xeral, un personaxe bastante peculiar. Agora xa me fago unha idea aproximada.

Esta miniserie foi dirixida en 1997 por Luis García Berlanga (parece que foi un proxecto moi valenciá). O papel principal foi para Ramón Langa. Pero aparecen un bo feixe de secundarios de luxo para multitude de papeis célebres, como Ana García Obregón, Carlos Iglesias (que fai de Sorolla), Emma Penella (Pardo Bazán), Simón Andreu, Antonio Dechent, Mario Pardo, Enrique San Francisco ou Antonio Resines (que fai de Mariano Benlliure).

Polo que puiden percibir da vida e obra do tipo no breve tempo desta miniserie, diferencio tres facetas:
- Político: dende sempre, foi un líder algo extremista do republicanismo, por esa razón estivo no cárcere nalgunha ocasión, estivo desterrado, durante algún tempo non puido pisar o país, etc.
- Persoal: era un desastriño, era moi mulleireiro, coa súa primeira muller tivo varios fillos, pero nun determinando momento namorou de Elena Ortúzar, e foise a París con ela. E cando estaba alí, tiña amoríos con outras mulleres tamén. Pasou en moitas ocasións estreiteces económicas (pero non sempre), debido ao pouco que se preocupaba de organizar a súa vida.
- Escritor: semella que tivo moitísimo éxito. As primeiras obras estaban baseadas en historias locais que a todos nos soarán como "A barraca" ou "Cañas e barro". Máis adiante xa foi escribindo doutras temáticas, como "Sangue e area" (levada ao cine moi pronto) e sobre todo "Os catro xinetes da apocalipse", coa que se forrou.
- Vida: viviu primeiro en Valencia, despois pasou algún tempo en Arxentina porque promoveu alí unhas plantacións que non foron moi exitosas, despois foi para París e rematou vivindo na Costa Azul. Co grandísimo éxito de "Os catro xinetes da apocalipse" fixo unha longuísima xira por Estados Unidos, coa que ganou moitos cartos, e despois tamén deu unha volta ao mundo.

Esta miniserie serviume para facerme unha idea de quen era o personaxe, pero coido que aínda teño pendente unha investigación máis profunda, porque parece que o tipo da de si.

Saúdos.






Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...