sábado, 17 de decembro de 2022

O club da loita

Oíra falar moi ben desta película e atopeina tamén na plataforma Rakuten. Certo é que sendo estadounidense e tendo a palabra "loita" no título, a cousa podía acabar sendo moi violenta (como así é), pero en xeral, déixase ver, aínda que a historia é unha auténtica paranoia. Hai que recoñecer que o toque do director David Fincher é importante porque sempre lle imprime un ritmo moi atractivo para o visionado, e un estilo narrativo moi sorprendente.

A película foi dirixida en 1999 por David Fincher, e no elenco destacan Edward Norton, Brad Pitt e Helena Bonham Carter. Pero tamén hai algún secundario destacado como Jared Leto ou o inmenso Meat Loaf (inmenso de volume corporal, refírome).

Por se non a vistes, intentarei contarvos a historia, pero non é nada doado. Un tipo aparentemente normal que traballa asegurando coches dunha marca potente, ten problemas de insomnio, e recoméndanlle que vaia a grupos de axuda para enfermos de todo tipo, porque a compaixón e a empatía vaille vir ben para o seu problema. E efectivamente, así é. Pero sábese un impostor e fastídialle atoparse cunha tipa estraña chamada Marla, que semella facer o mesmo ca el. Para non delatarse mutuamente e poder seguir sacándolle partido a esa estraña afición, deciden repartirse os grupos aos que van asistir.

Por outra banda, nunha viaxe de avión debido ao traballo, coñece a un estraño tipo chamado Tyler Durden, vendedor de xabóns, que semella ter unha curiosa forma e filosofía de vida, pero que lle cae ben. Por algunha estraña razón, ao baixar do avión e achegarse á súa casa, comproba que estoupou polos aires debido a unha fuga de gas, e non ten a onde ir. Así que chama de novo a Tyler para quedar con el e pedirlle se pode acollelo temporalmente na súa casa. El accede pero pídelle que antes lle golpee, así que acaban pelexando amistosamente desa forma tan peculiar. Finalmente van á casa de Tyler, que é unha mansión aparentemente señorial pero que está totalmente deteriorada.

Ata aquí, aínda menos mal, pero a partir deste punto xa é un disparate. No soto dun dos bares no que paran habitualmente, pídenlle permiso ao encargado para montar un "club da loita", un lugar onde persoas que necesiten pelexar con alguén para desfogar poidan facelo sen problema. Ese club ten varias normas, e a primeira é que non se lle pode falar a ninguén del, pero o caso é que cada vez vai máis xente. Noutras cidades vanse formando clubes similares, e todo iso acaba dando lugar a algo chamado o Proxecto Mayhem, que ninguén ten moi claro o que é, pero semella que pode converterse nun colectivo moi perigoso para a comunidade.

Unha serie de incidentes na parte final da película fan pensar que Tyler Durden realmente non existiu nunca, senón que é unha personalidade do protagonista cando está durmido. Tendo en conta este xiro do guión, o final xa é simplemente incomprensible, ou máis ben, cada un podería interpretalo como lle dera a gana e probablemente non sería moi equivocado.

Saúdos.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...