sábado, 17 de decembro de 2022

ET

Eu non vin "E.T." no cine, creo. Pero a primeira vez que a botaron na televisión, coloqueime moi comodamente para gozar dela e.... fiquei completamente durmido. A comodidade debía ser moita pero tamén debeu ser indicio de algo. Como xa a rodaron hai 40 anos, xa deberon pasar décadas dende que pasou iso, pero as miñas sensacións son as mesmas. O outro día botábana na 2, sen anuncios, e penso que foi a primeira vez que a vin completa. E sigo pensando o mesmo, é lenta e aburrida. Spielberg di que E.T. podería ser ese irmán maior ou pai que non tivo, e que tiña ganas de rodar con nenos. A min paréceme unha película de nenos para nenos, e non conecto apenas con ela. Pero polo menos xa conseguín vela para poder opinar con certo criterio, que nunca está de máis.

Foi dirixida en 1982 por Steven Spielberg. No elenco estaban principalmente nenos, dos que se deducía que despois serían estrelas, pero apenas se cumpriu. O papel principal foi para Henry Thomas, do que non se volveu saber apenas nada máis. A súa irmá pequena era Drew Barrymore, que se cadra foi a que máis triunfou. Por alí andaban tamén C. Thomas Howell e Erika Eleniak, que brilaron un pouquiño nalgún momento. E dos adultos, se cadra Peter Coyote era o máis coñecido, pero tampouco chegou a nada.

Supoño que xa coñecedes a historia. Un grupo de extraterrestes que está recollendo mostras botánicas na Terra ten que marchar ás presas na súa nave, e un dos integrantes da expedición non consegue volver a ela. Intenta agocharse nun galpón da casa máis cercana, pero un curioso rapaz bastante solitario dá con el e intenta facerse amigo del. Conségueo pero só os seus irmáns saben da súa existencia, a súa nai, que acaba de separarse, aínda non se entera, pero ao final si o fai. Uns axentes do goberno que estaban perseguindo aos alieníxenas e que foron os que provocaron a fuxida da nave, sospeitan que un deles quedou en terra, e conseguen localizalo na casa. Debido a unha serie de avatares, o extraterreste aparentemente morre, e os axentes intentar salvarlle a vida, pero non o conseguen. Pero milagreiramente, o alien revive e anuncia aos seus amigos que os seus compañeiros volven para buscalo. Marchan de novo para o bosque para localizar a nave e volver ao seu planeta.

Desta, para min, aburrida película, agora que conseguín vela enteira, con diferenza o que máis me divertiu foi o grupo de axentes que perseguían aos extraterrestes primeiro, e a E.T. despois. Ían sempre en grupo, en total silencio, con traxes anticontaminación, moi ben coordinados, e transmitíase moi ben a idea de que eran os "malos" da película. Pero cando E.T. morre, de súpeto, sacan os traxes de proteción, comezan a falar entre eles, e vese que de malos non tiñan nada: eran científicos. Está moi ben conseguido ese efecto.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...