sábado, 17 de decembro de 2022

O corvo

Mítico título que podería lembrar a Edgar Allan Poe e o seu longo poema, que coincide co título dun capítulo de "Historias para non durmir", serie de RTVE da que falei aquí hai pouco. Ese capítulo conta os últimos anos de vida do autor maldito. Pero non é así neste caso, aínda que a historia tamén é ben maldita. Tiña certo interese en ver esta película, e resulta que a atopei na plataforma Rakuten, á que agora teño acceso.

Brandon Lee foi fillo de Bruce Lee. Só chegou a participar en tres películas, e non ten moita pinta de que a súa carreira cinematográfica fora a ser moi destacada. Pero o caso é que morreu cando estaba a piques de rematar a rodaxe da terceira, "O corvo", que é do que trata este artigo. Está baseada nun comic do mesmo título dun tal James O'Barr, e como pasa sempre nestes casos, a potencia visual da historia, moi ben conseguida, e o malditismo derivado do accidente, fixo que a película fora moi famosa xa antes da súa estrea. Polo tanto, foi un éxito.

Non son moi dado a esas cousas, pero cando vin a película, entroume o interese por saber que escea estaban rodando cando sucedeu o accidente. Resulta que é unha na que, o protagonista, que xa sabe da súa inmortalidade, desafía a un dos seus inimigos, que lle apunta cunha pistola, e ponlle a man xusto diante. O outro dispara e, na película, a ferida cúrase inmediatamente e non sufre ningún dano. Pero o mundo real é algo máis sucio, e na rodaxe resulta que alguén non comprobou axeitadamente o estado da pistola, e iso provocou o fatal desenlace. Polo que acabo de ler, despediran ao "mestre armeiro" por falta de cartos e quen o substituíu non era moi experto no tema, por desgraza para Brandon Lee, en paz descanse.

A película foi dirixida en 1994 por un director chamado Alex Proyas (creo que traballa máis no mundo dos videoclips, e iso nótase na película), e o elenco tampouco está formado por xente moi coñecida (o orzamento da película non debía ser moi alto): Brandon Lee (non lembro que fora famoso antes disto), Ernie Hudson, e a min sóanme vagamente as caras de Michael Wincott, Jon Polito e Michael Massee (actor que accidentalmente matou a Brandon Lee).

A historia non é moi complexa. Nun distópico Detroit (actualmente se cadra xa se parece a iso), as bandas de delincuentes celebran con incendios por toda a cidade a Noite do Demo, que é a anterior á de Halloween. Unha desas bandas entra nun ático onde está unha parella que se vai casar ao día seguinte, matan e tiran pola fiestra ao home, e violan e deixan malferida á muller, que morre horas despois no hospital. Polo que se sabe despois, esta parella nova loitaba contra os desafiuzamentos no barrio e iso non lle fixo demasiada graza a algúns dos que tiñan intereses inmobiliarios.

Un ano máis tarde exactamente, un corvo póusase na lápida do home, Eric Draven, e este esperta e sae da súa tumba con intención de vingar os feitos do ano anterior. A súa "natureza" faino inmortal, condición da que se vai decatando aos poucos. O corvo vaino acompañando nas súas andanzas. Como era previsible, a volta consiste en ir matando un tras outro aos integrantes da banda e aos seus xefes, e xa imaxinaredes que o consegue, como non podía ser doutro xeito.

A película déixase ver, en determinados momentos ten unha potencia visual sublime (supoño que terá que ver coa orixe en cómic), pero sendo estadounidense e tratando do que trata, tamén podedes imaxinar que o nivel de violencia é extremo. Ese é un vicio que teñen nese país de salvaxes e do que lles costa moito desprenderse.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...