domingo, 3 de xullo de 2022

O inimaxinable (The unthinkable)

A outra sorpresa de Rakuten na miña Smart TV foi esta película, que tamén tiña unha bastante boa puntuación na sección de películas de ciencia-ficción.

Esta película sueca foi dirixida en 2018 por Victor Danell, e ningún dos actores me soaba absolutamente de nada, pero é que non sigo o audiovisual sueco, onde seguro que destacan.

A película é bastante curiosa. Como lin nalgunha páxina, sorprenden algúns efectos visuais co moi baixo presuposto que ten, pero sobre todo, sorprende comezando cunha trama dramático-familiar que non ten nada de particular, e no medio, sen avisar, dá un xiro total que descoloca, rematando dun xeito totalmente diferente.

Os personaxes principais son unha familia non moi unida. O pai traballa nunha central eléctrica, a nai marcha ao pouco de comezar a película porque non é doado convivir co pai, e o fillo é bastante tímido e non consegue apenas conectar con ningún dos dous. Faino algo máis coa nai, pero cando ela marcha da casa, a ruptura co pai é total.

A moza do rapaz tamén ten unha familia algo pavera. Vive coa súa nai, que é unha política de moi alto nivel, e a súa vivenda non é moi estable, porque ás veces están en Estocolmo e outras volven ao pobo, e o cambio dun sitio ao outro é imprevisible.

Como é unha película nova, non vou destripar demasiado. Só direi que Suecia comeza a ser atacada por unha potencia allea dun xeito bastante sorprendente, e iso provoca que haxa escenas de pánico en todo o país, e que moitos cidadáns decidan fuxir e intentar protexerse en lugares supostamente máis seguros, como a central eléctrica na que traballa un dos principais protagonistas, pero que obviamente vai ser un branco esencial para os invasores.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...