domingo, 3 de xullo de 2022

A tapadeira

Hai unhas semanas, un domingo pola tarde, botaban unha boa película na 1 e decidín vela. Parece que iso pasa de cando en vez. A película era "A tapadeira", baseada nunha novela de John Grisham, que nos anos 90 pegou varios pelotazos con tramas de tipo xudicial, que debe ser a súa especialidade.

A película foi dirixida en 1993 por Sidney Pollack. No reparto hai bastantes estrelas e secundarios de luxo, como Tom Cruise, Jeanne Tripplehorn, Gene Hackman, Ed Harris, Holly Hunter, Hal Holbrook e David Strathairn, entre outros. Como curiosidade, unha vez máis, a tradución do título ao español. Orixinalmente era "The firm", ou sexa, algo así como "A empresa", pero no mundo hispanofalante decidiron titulala "La tapadera", "Fachada" e "Sin salida". Un tanto delirante, pero como xa pasou máis veces, tampouco apuntan en mala dirección, e son menos ambiguas que a orixinal.

Mitch McDeere é un avogado cun excelente curriculum que está a piques de rematar os seus estudos nunha prestixiosa universidade, así que se pon a buscar traballo nos bufetes máis importantes. Parece que gusta moito o seu historial, pero todo parece indicar que o bufete que fai claramente o maior esforzo por contratalo é un de Memphis. Así que vai para alá coa súa muller, instálanse na luxosa casa que lle dá o bufete, ademais dun moi bo coche e outras cousas. Alucinan bastante.

Pero xa dende o comezo, a cousa vai regular. As xornadas de traballo son tremendas e, ao pouco tempo de comezar, varios compañeiros novos do bufete morren nun estraño accidente nunhas vacacións paradisíacas pagadas polo bufete. De casualidade entérase polo FBI de que o bufete limpa cartos da mafia de Chicago e que se desfai de todos os avogados que o descubren. Pensan na posibilidade de que el descubra o pastel, pero se o fai xa non poderá exercer de novo de avogado e terá que vivir escondido o que lle falta de vida.

Pero tamén de casualidade descubre unha forma de esquivar iso. Entérase de que o bufete, dende hai tempo e a todos os clientes, estalles estafando cobrando de máis horas de traballo. Se consegue demostrar iso, e non é difícil, pode conseguir denuniciar o bufete sen perder a licencia de avogado e sen expoñerse a máis perigo ca ese. Incluso acaba ben coa mafia de Chicago.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...