domingo, 3 de xullo de 2022

Snowflake

Esta película si que é unha rareza, pero moi peculiar. Direivos como a atopei, pero é do mesmo xeito que a película que vai antes desta, "Unthinkable". Acendín a miña Smart TV, entrei na aplicación de Rakuten, e mirei as películas da sección de ciencia ficción. En xeral, as puntuacións medias son bastante baixas, pero nesta era bastante boa, cerca dun 7, e animeime.

É unha película alemá presentada no 2017, dirixida por uns tal Adolfo Kolmerer e William James. Os actores e actrices, se cadra, son coñecidos alí, por aquí non me soan absolutamente de nada, pero hai un pouco de todo, alemáns, ingleses, turcos, polacos, etc.

A historia non é moi doada de contar, porque é moi enrevesada e delirante. Todo parece partir dun dentista despistado, que ten como afección escribir guións cinematográficos. Nun determinado momento, está escribindo un que lle ten bastante satisfeito, pero resulta que todo o que escribe convértese en realidade, e ese guión cae en mans de dous dos personaxes principais, que obviamente intentan presionarlle para que o final da historia lles guste máis.

Eses dous personaxes son dous asasinos despiadados que están buscando venganza polo incendio da súa casa, no que morreu toda a súa familia. Descubren o guión ao roubar un coche xusto diante dun restaurante onde perpetran unha matanza. E entre os mortos están os pais dunha rapaza, que pasa a perseguilos a eles, e que contrata a todo tipo de asasinos para conseguir matalos. Polo medio aparece un tipo que se cre Deus, un pseudo superheroe que vai salvando vidas de forma algo anárquica, un supremacista que discrimina a todos os que non son brancos e que parece o principal culpable da morte da familia dos dous asasinos iniciais (que son turcos). En definitiva, un embrollo terrible, pero podo asegurarvos que a película é moi entretida e amena.

Por certo, foime imposible atopar un trailer en castelán en Youtube. Pero en Rakuten si que a teñen dobrada.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...