domingo, 3 de xullo de 2022

Outra idea de Galicia

No ano 2020 a Voz de Galicia sacou unha colección de libros de historia que xa comentei aquí non hai moito tempo. Fíxeno porque lin este inverno un dos oito volumes, escrito polo polémico Stanley Payne sobre a historia de España. Estes días lin outro máis desa colección. Todos os que quedan son volumes dobres, sobre a historia de Galicia, España e Europa. Xa chegará a súa quenda.

Agora tocoulle a "Outra idea de Galicia" de Miguel-Anxo Murado, escritor e xornalista por min moi admirado, e ao que xa tiven a ocasión de ver falar en público en varias ocasións. Acabo de ler na Wikipedia que tamén é guionista e que fixo algúns guións de "Mareas vivas" e "Pratos combinados", así que aínda terei que admiralo máis.

"Outra idea de Galicia" non é un libro de historia ao uso, coa típica estrutura lineal cronolóxica, e xa o recoñece o propio autor dende o limiar. Vai tocando temas que el considera importantes, e cada un deles abrangue unha época máis ou menos ampla do país, pero nada impide que se entrecrucen, que un mesmo feito se mencione varias veces dende varias perspectivas diferentes. Dende logo, o autor semella bastante erudito e, como sucede sempre nos seus escritos, a profusión de datos e referencias é imparable.

Por se serve de algo, direi que o índice do libro é o seguinte (polos títulos intúese claramente o tema):
1. O rostro do país
2. A paisaxe inocente
3. Terra sen historia
4. Da galegofobia á galegofilia
5. Netos de Breogán, fillos de Rosalía
6. Nacionalistas
7. Diáspora
8. O mito do atraso.
9. Caciques
10. Lingua de pobres e de poetas
11. A patria dos defuntos

Por se non se percibe ben nestes títulos, para el a paisaxe e a xeografía tiveron moita incidencia na historia. Ademais, por momentos parece que aquí nunca pasou nada porque na historia de España apenas temos peso, pero esa é unha visión moi sesgada. Por outra banda, durante bastante tempo os galegos tivemos moi mala fama en España, e agora sucede máis ben o contrario.

Despois tamén dedica capítulos ao nacionalismo, que en maior ou menor medida haino en todos os países, á lingua, á emigración, ao envellecemento, ao mito do cacique galego e ao eterno atraso, que non sempre foi tal.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...