martes, 12 de outubro de 2021

Xigante

Esta película téñoa fresquiña, aínda rematei de vela hai pouco máis dunha hora. É longa, dura algo máis de 3 horas, e obviamente nunca a vira enteira. Soábame algunha escea, como esa na que nas terras de James Dean por fin aparece o petróleo. Unha vez máis, temos o contraste entre o culto e educado Leste estadounidense, e o racista e ignorante Sur e Oeste.

A película foi dirixida en 1956 por George Stevens. Ten un reparto bastante coral, pero destacan claramente Rock Hudson, Elizabeth Taylor e James Dean. Pero entre os moitos secundarios tamén está Carroll Baker, Dennis Hopper ou Rod Taylor, por dicir só algúns.

A película trata basicamente da maior parte da vida do matrimonio formado por Jordan Benedict e Leslie. El, que é un grande granxeiro de Texas, vai a Maryland para mercarlle un cabalo ao pai de Leslie. Alí namoran inmediatamente e volven casados para Texas. Pero pasa o de sempre. Leslie xa tiña unha idea da colonización de Texas que non agradaba pola zona, e a súa culta e aberta mentalidade do Leste non casa nada ben coa ignorancia e costumes de Texas. Así que o problema está servido. Pero vaia, o matrimonio vai tirando, tendo fillos e avanzando. Imos vendo como teñen fillos, como crecen, como teñen netos, e todo iso.

Jett Rink é un díscolo e rebelde empregado de Jordan, que recibe un pequeno terreo cando a irmá de Jordan morre dun accidente ao caer dun cabalo, precisamente o mesmo que lle comprou á familia de Leslie. Jordan e os seus colegas pretenden mercarlle ese terreo a un moi bo prezo, pero Jett prefire ter a súa propia terra e ir mellorando. E xa non digamos cando Jett descubre que nas súas terras hai petróleo, cousa que por Texas estaba aparecendo por todas partes. Ademais, Jett está namorado de Leslie, pero ela non fai ningún caso das súas insinuacións.

Jett vólvese inmensamente rico. Jordan négase a entrar no negocio do petróleo, aínda que seguramente o hai nas súas terras, pero déixallo explotar a Jett. Jordan sempre foi gandeiro. Os fillos de Jordan e Leslie teñen plans para as súas vidas diferentes aos que eles deseñaran, pero que teñen que ir aceptando. Por se non chegara co choque de mentalidades entre Leste e Oeste, ademais vese un grande racismo cara aos mexicanos. Jordan tamén era moi racista antes, pero agora estase suavizando porque unha nora e un neto del son de tez morena.

Saúdos.






Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...