martes, 12 de outubro de 2021

Marte

Algo me soaba esta película que tamén é subtitulada "O marciano", aínda que en Hispanoamérica, como habitualmente pasa, foron moi creativos titulándoa "Misión rescate". Se cadra hai algunha película que teña un título moi parecido. Por exemplo, sóame que hai outra titulada "Misión a Marte" ou algo así. Como a ciencia-ficción e a temática aeroespacial non me desagrada, probei.

Foi dirixida en 2015 por Ridley Scott, e o protagonismo principal é para Matt Damon. Pero tamén aparecen outros secundarios de lustre como Jessica Chastain, Jeff Daniels, Chiwetel Eljofor ou Sean Bean, entre un moi numeroso elenco.

Hai unha misión espacial en Marte, recollendo unhas mostras. Teñen alí unha base, na que poden pasar algún tempo, e unha nave na que poden marchar á Terra, aínda que a viaxe dura bastantes meses. Na base reciben información de que se achega unha treboada moi forte que pode tumbar a nave, que está erguida e preparada para engalar. Polo tanto, deciden marchar o antes posible, antes de que a nave perda a súa posición idónea para saír. Pero como sempre, para darlle máis emoción á cousa, chegan á nave no último momento, cando a treboada xa está comezando a afectar á inclinación da mesma. E no último minuto, debido ao fragor da treboada, hai cousas moi voluminosas voando, como por exemplo a antena de comunicacións da base, que foi arrincada do seu lugar, e golpea con moita violencia e despraza a moita distancia a un dos astronautas, chamado Mark Watney.

Intentan buscalo durante un brevísimo espazo de tempo, antes de que o despegue sexa imposible xa, pero non o atopan e intúen que estará morto polo impacto e pola descompresión do seu traxe nun ambiente hostil como aquel. Así que marchan pensando que deixar alí o seu cadáver.

Pero resulta que non. O astronauta está ferido, claváronselle no traxe e no seu corpo algunhas pezas metálicas da antena, pero como aínda non saíron do seu corpo, non se produciu ningunha descompresión. Iso está a punto de sucederlle algo despois, cando esperta e é consciente da súa situación, pero consegue curarse dentro da base, e comeza unha longa agonía intentando sobrevivir o máximo tempo posible na base, tendo en conta que marcharon antes de tempo, e que alí había suministros para seis persoas.

Cos seus amplos coñecementos de botánica e química intenta racionar os alimentos e cultivar dentro da base, collendo terra de Marte, e conseguindo auga con reaccións químicas, que non sempre son moi exitosas. Pero ao final si ten éxito, o que fai que poida ter alimento a base de patacas marcianas para bastantes meses. Pero nun determinado intre prodúcese unha explosión que inutiliza boa parte da base, sobre todo a zona onde facía os cultivos, e iso significa moito menos tempo de autonomía.

Marcha da base nun dos vehículos, e chega aos restos dunha antiga sonda que se mandou hai varias décadas. Co seu módulo de comunicacións, que incriblemente aínda funciona, consegue poñerse en comunicación, aínda que sexa precaria, coa NASA, que está seguendo os seus movementos a través de sondas que sobrevoan Marte. Tamén dese xeito descubriron que estaba vivo.

E aquí xa comezan as fantasmadas da película. Un enxeñeiro medio-tolo dun dos múltiples laboratorios que traballan para a NASA di que hai unha posibilidade para rescatalo. Aparte de que se enviou unha nova nave con suministros, pero que estoupou ao pouco de despegar, porque se obviaron moitos dos controis de seguridade (había moita presa, seica), este enxeñeiro di que pode facerse que a nave na que van os outros astronautas de volta á Terra, que aínda non chegou, colla impulso arredor do planeta e volva a Marte a por Watney. Para iso van contar coa axuda da Axencia Espacial China, que tiña unha nave con suministros cerca de Marte.

Ao mesmo tempo, dende esa nave onde van os outros astronautas, conseguen lanzar unha antiga nave que quedou en Marte, e a onde se sube Watney. Teñen que facelo dende fóra porque hai que quitarlle moito peso á nave de Watney, incluso os paneis de control internos. Sucede todo iso, pero resulta que as traxectorias das dúas non se cruzan tan cerca como estaba previsto, e hai que andar argallando barbaridades para conseguir pescar ao marciano perdido.

A primeira parte aínda era algo crible e dixerible, con moitas reservas, pero a parte final xa semella un circo, con tanto saltimbanqui.

Saúdos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...