martes, 12 de outubro de 2021

2012

Teño que recoñecer que as películas de catástrofes estadounidenses non me desagradan. Son grandes truños que non hai por onde collelos, pero os medios técnicos son fantásticos, vense imaxes que non se poderían ver doutro xeito, e resultan bastante cómicas cando meten polo medio ao presidente, ao exército, e a tontos parecidos, que obviamente é case sempre (non sei por que puxen "case").

Concretamente esta foi dirixida no 2009 (fixeron ben en adiantarse á data, por se a profecía era certa) por Roland Emmerich, especialista en barbaridades destas. O reparto é moi coral, encabezado por John Cusack, e tamén está por aí xente como Chiwetel Eljofor (actor negro británico de estraño nome ao que non coñecía ata hai unha semana, e agora aparece en todas partes), Thandei Newton, Danny Glover como presidente, aínda que pouco dura, Woody Harrelson, que tamén dura pouco, Amanda Peet ou Oliver Platt.

A cousa é ben simple. Supostamente, o calendario maia remataba o 21 de decembro de 2012. Entón, moitos milenaristas puxéronse a dicir que ese día ía ser a fin do mundo, ou que comezaría a conta atrás. Pasados 9 anos, semella que non hai moito diso. Como xa dixen, fixeron esta película varios anos, non fora ser que os pillara sen o traballo terminado. Case 10 anos despois, xa se ve canto había de realidade, aínda que seguro que haberá alguén que diga que xa se ven indicios moi claros, como a pandemia.

Pois nada, hai un lote de xente que, ou ten información de primeira man, e que xa intúe o que vai pasar, ou que pasaba por alí, ve o lío, e intenta salvarse como pode. Na película o enfocan dicindo que uns científicos informaron ao presidente americano do que ía pasar, este creuno, informou en privado só aos principais líderes mundiais, e organizaron unha operación secreta para salvar nunha especie de "arcas", que son como grandes transbordadores espaciais, a unha parte da humanidade. Obviamente, a xente con cartos ten preferencia.

As imaxes son moi espectaculares, vaise vendo como diferentes cidades estadounidenses vanse destruindo porque o magma disolve a corteza terrestre, ou a move de sitio bruscamente. A idea é que nun val nas montañas do Himalaya están construíndo esas arcas, e o obxectivo é que todas as persoas seleccionadas cheguen alí para poder sobrevivir ás inundacións que se van producir. Pois iso, moi espectacular pero moi pouca chicha, e moito patrioterismo estúpido estadounidense.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...