martes, 12 de outubro de 2021

A última viaxe de Robert Rylands

Creo que esta película xa a vin no seu día, no tempo da súa estrea. Debín vela no cine ou na televisión, porque nos 90 lin varias obras de Javier Marías, que me gustaba moito como escribía, e ao saber que estaba baseada nunha delas (aínda que moi libremente), seguro que me animei. 

Está baseada concretamente en "Todas as almas", e polo visto, o autor orixinal quedou moi descontento coa adaptación e levou a causa a xuízo, ganando unha indemnización e conseguindo que retiraran o seu nome dos créditos. Parece que non lle gustou sobre todo que converteran en homosexuais a dous dos personaxes principais. Javier Marías escribía moi ben (supoño que o segue facendo, pero hai tempo que non o leo), pero parecía un tipo algo agre e triste, que se cabreaba moito por moitas cousas. Pero tamén é certo que a licenza que se deron Gracia e Elías Querejeta non era pouco. E tampouco sei se era necesaria. Eles dixeron que ao principio pretendían facer algo similar á novela orixinal, pero segundo avanzaba o proxecto, decidiron separarse.

A película foi dirixida por Gracia Querejeta en 1996, o seu pai Elías foi o produtor, e asinaron o guión entre os dous. Os actores principais son William Franklyn, Ben Cross, Cathy Underwood e Gary Piquer. A pesar de ser unha produción "española", rodouse en inglés en Oxford, porque aí transcorría a novela. A película transcorre a través de varios flash-backs que se entrecruzan, pero eu contarei a historia de forma máis cronolóxica, para que se entenda mellor.

Robert Rylands é un seductor arqueólogo e profesor en Oxford, que non cae demasiado ben, porque ten moita personalidade, e anda xa polos 50 anos. Ten unha relación homosexual (na película, na novela non, polo visto, eu xa non o lembro, que a lin hai moitos anos) cun compañeiro profesor chamado Alfred Cromer Blake. Pero nun determinado momento, ten un desliz amoroso, unha noite tola coa irmá pequena de Alfred, Jill, e teñen unha filla. Debido a iso, Robert desaparece dun día para outro, durante longo tempo.

Non se sabe moi ben por que, pero volve a Oxford de forma sorpresiva uns 10 anos máis tarde. É un segredo a voces, pero todo o mundo sabe que el é o pai da filla de Jill, aínda que supostamente ninguén o afirma. Isto coincide casualmente co descubrimento dun tumor en Alfred que o matará en semanas ou meses. E tamén coincide coa chegada dun profesor visitante a Oxford, que vai dar un curso sobre literatura española, que é amigo de Alfred, que se hospeda na casa de Alfred e Jill (viven xuntos), e que namora de Jill.

Unha noite de treboada, Robert vai buscar a Alfred para darlle unha volta na súa lancha polos canais de Oxford, a pesar do claro deterioro físico de Alfred. Á mañá seguinte, o corpo de Alfred aparece morto nun prado á beira do río, e a pistola que Alfred lle regalara hai anos a Robert tamén desapareceu. Robert vai voluntariamente á noite seguinte á comisaria para contarlle toda a historia ao inspector, que máis ou menos xa intuía todo o que pasara.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...