xoves, 26 de agosto de 2021

O mundo nas súas mans

"O mundo nas súas mans" (aínda que a tradución exacta sería "O mundo nos seus brazos") é o título da película de aventuras que seguro que todos vimos algunha vez. Eu repetín o outro día, por se acaso estaba nun erro.

Foi dirixida en 1952 por Raoul Walsh, que me parece que era moi bo nisto das películas de aventuras. O protagonismo principal é para Gregory Peck, que está secundado por Ann Blyth, Anthony Quinn e John McIntire.

Jonathan Clarke, máis coñecido como "O home de Boston" é un reputado e respectado cazador de focas de San Francisco. Compite moito co Portugués (Anthony Quinn), pero case sempre gana el, que parece máis espabilado e decidido, mentres que o outro é máis informal e voluble. E tamén compite moito cos rusos, que son aínda os propietarios do lugar onde van cazar as focas, que é Alaska. Os rusos están nunha moi mal situación económica, e Alaska está moi lonxe, así que comeza a coller forza a posibilidade de que os estadounidenses lle merquen Alaska aos rusos (acabou pasando uns anos máis tarde da data na que se ambientou a película, a mediados do século XIX).

Por se non chegara con iso, na película aparece unha condesa rusa moi fermosa, que está escapando dun sobriño do zar que quere casar con ela, pero o cariño non é mutuo, nin moito menos. E resulta que Clarke coñece a esta condesa, e namoran. Así que o lío xa está montado.

Hai pelexas, carreiras, transmítese a idea de que o imperio ruso era totalmente déspota (e seguramente era así), e de que os cazadores de focas estadounidenses eran case ecoloxistas e os rusos uns esquilmadores. Xa se sabe que cando un ve cine estadounidense a dose ideolóxica está asegurada.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...