xoves, 26 de agosto de 2021

Chinatown

Había moito tempo que non vía esta película (supoñendo que a vira enteira algunha vez, que non o teño eu moi claro). Así que non a deixei fuxir cando a botaron o outro día no espazo de cine clásico da 2.

Foi dirixida en 1974 por Roman Polanski, que tamén fai un papel secundario que aparece poucas veces pero se deixa notar bastante. O protagonismo total é para Jack Nicholson, e tamén moito, pero algo menos, para Faye Dunaway. O resto é bastante coral e ten certa presencia John Huston. Aparece pouco pero deixa pegada.

Jake Gittes é un detective privado que, cos seus dous socios, basicamente gánase a vida investigando infidelidades matrimoniais nos Ángeles durante os anos 30. Un día recibe un encargo similar, e cando consegue a información, para a súa sorpresa, as fotos que saca aparecen na primeira plana dos principais xornais da cidade, intentando desacreditar a un dos máximos directivos da empresa que xestiona a auga da cidade.

Ás poucas horas descubre que foron enganados, e que a muller que se fixo pasar por esposa dese alto cargo non o era. Iso sábeo porque a verdadeira esposa dese home aparece no seu despacho con intención de demandalo. E por se non chegara con iso, namórase dela e acaba sendo correspondido.

Comeza a investigar e descubre que hai unha retorcida trama para construír novas presas no río dos Ángeles, pero que realmente era un reclamo para un pelotazo urbanístico. O alto directivo ao que estaba perseguindo morre porque estaba descubrindo a trama.

E non vos desvelo máis, porque é algo así como cine negro e a trama é moi retorcida. Aínda que hai unha certa explicación, tampouco entendo por que a película se titula así, ten moi pouco que ver coa historia. E recoñezo que, en parte, vin a película para ver de novo unha das escenas que máis me impactou na miña vida. É cando o matón representando por Roman Polanski lle rasga unha aleta do naris a Jack Nicholson. Co animais que son os dous, todo parece indicar que non houbo dobres de ningún tipo.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...