xoves, 26 de agosto de 2021

Un gangster para unha milagre

O outro día botaban nunha das cadeas fascistoides esta película. Oíra falar moitas veces e moi ben dela, así que non a deixei escapar. É moi agradable de ver, agora ben, hai que ter en conta que é de Frank Capra, director moi dado a rodar contos de fadas moi fóra da realidade que poden facerlle crer a alguén que a vida é moito máis doada do que realmente é. Tendo iso claro, non queda máis que gozar.

Foi dirixida en 1961 por Frank Capra, e os papeis principais foron para Bette Davis e Glenn Ford. Como secundarios destacan Hope Lange, Peter Falk (o coñecidísimo Colombo), Thomas Mitchell e Ann Margret, entre moitos outros. Con respecto ao título, tamén hai un pequeno lío. O título orixinal podería traducirse como "Un peto cheo de milagres". En Arxentina titulárona "Milagre por un día", que non me parece un título moi correcto porque a milagre dura unha semana, está claro que dan sensación de ser algo puntual, pero o marco temporal non é o correcto. En España chamáronlle "Un gangster para unha milagre", onde xa desvelan que o artífice da milagre é un gangster de bo corazón ao que lle sobran os cartos.

Ao comezo da película, preséntanse axiña os dous personaxes principais. Annie Mazás (Bette Davis) é unha pobre que domina e coordina a un grupo de pordioseiros de Broadway, pero aínda así, é moi querida pola poboación da zona. David "O Dandy" (Glenn Ford) é un gangster de gama media que se move por esa zona pero que ten unha grande superstición: cada vez que ten que facer unha operación de certa importancia, precisa mercarlle unha das súas vermellas e saborosas mazás a Annie, se non é así non terá éxito a operación.

Cando comeza a película, acaba de morrer un tipiño que rexentaba un modesto local de hostelería na zona, e que estaba "apadriñado" por David. Ese home debíalle cartos a moita xente, entre eles a David, pero este tampouco se preocupaba demasiado. Xusto nese momento aparece a filla do tipiño, disposta incluso a resarcir algunhas das débedas do seu pai, se é factible. David ten a idea de reflotar o local convertíndoo nun bar de moda. Efectivamente, nas seguintes esceas vese que David e a filla daquel señor son parella, ela é a estrela das bailarinas e cantantes do local, e nadan na abundancia.

Annie mantiña correspondencia cunha filla súa que vivía en Italia. Cos seus múltiples contactos, facíalle crer que vivía nun hotel de luxo e que pertencía á aristocracia neoiorquina. Pero nun determinado intre a filla anúncialle que vai vir unha semana de visita a Nova Iork para presentarlle ao seu prometido e ao seu pai, que é un conde italiano. Annie vense abaixo porque non contaba para nada con iso, e non sabe como vai evitar que a súa filla vexa que é unha indixente.

Nese momento David e toda a súa banda póñense de acordo para montar un teatriño moi caro durante unha semana para que a filla de Annie non detecte o engano. Claro, todo esta montaxe acaba resultando moi divertida, e en varios momentos está a piques de desvelarse todo, pero polos pelos, ao final todo sae ben, como non podía ser doutro xeito nunha película de Frank Capra.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...