xoves, 26 de agosto de 2021

O falcón do deserto

Nestas cadeas fascistoides teñen certo hábito de botar moitas películas clásicas de estética algo hortera, que a min non me desagradan, pero recoñezo que hai que ter un certo estómago para dixerilas, como é este caso. Como xa teño dito aquí algunha vez, eu parezo encaixar moi ben no perfil do romanticismo do século XIX. Polo tanto, toda historia ambientada en época ou lugar exótico xa parte con vantaxe. Esta é na mítica Persia medieval, así que....

Foi dirixida por Frederick de Cordova (primeira noticia da existencia deste tipo) en 1950. Suponse que as estrelas principais eran Yvonne de Carlo (algo me soa o nome desta actriz) e Richard Greene (non me soaba de nada este actor, semella que era un galán clásico que foi sendo esquecido). Entre os secundarios, sóanme algo os nomes de Jackie Gleason e George MacReady (pero non tanto as súas caras), e Rock Hudson, na segunda película da súa carreira, aínda moi noviño.

Omar o "Falcón do deserto" é un líder que loita contra a tiranía do Príncipe de Teherán. Sabendo que a filla do Califa de Bagdag está nun determinado oasis esperando a que Murad, o Príncipe de Teherán, vaia desposala, Omar faise pasar por Murad e cásase con ela. Polo que parece, os dous están encantados de coñecerse e gústanse moito.

Cando a filla do califa descubre o engano moléstase bastante (ata ese momento non parecía estalo) e o Príncipe e o Califa intentan resolver o problema. O príncipe incluso intenta botar man da "secta dos asasinos", un curioso grupo que efectivamente si existía nesta época, que eran bastante poderosos e eran algo así como mercenarios. Así que a cousa anda bastante liada, hai moitos bandos, e case todos intentan enganar aos demais.

Obviamente, a cousa acaba ben, con Omar e a filla do califa xuntos outra vez, e tan ricamente. Ou sexa, película de aventuras sen moitas pretensións pero agradable de ver.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...