luns, 22 de marzo de 2021

Pitch Black

Ben liberado debía estar eu hai unhas semanas, cando me crucei na televisión cunha película titulada "Pitch Black" e decidín vela. Soábame que formaba parte dunha saga titulada "Riddick" ou "As crónicas de Riddick", protagonizada por Vin Diesel, a cousa pintaba fea. A sinopse da película semellaba simple, e ata podía resultar interesante. Despois de vela, vexo que era máis que unha sinopse, porque a historia non se complicaba moito máis ca iso. En fin, había que probar.

A película é do ano 2000 e foi dirixida por un tal David Twohy, que non me soa de nada e cuxo apoxeo no currículum semellan ser as películas desta saga. O único actor que me soa vagamente é este musculoso Vin Diesel. En España usouse o título orixinal en inglés (que non sei moi ben o que pode significar). Pero na simpática Hispanoamérica usaron dúas variantes, que teñen certo sentido na historia: "Eclipse mortal" e "Criaturas da noite".

Acabo de ler unha explicación detallada da película, para intentar lembrala (porque o certo é que a esquecín bastante) e aínda pasaron cousas. Pero tamén é certo que a historia debe estar contada dun xeito que non me atrae demasiado. Unha das cousas que máis me gustou foi a primeira parte, cando chegan ao novo planeta (agora conto a historia) que ten tres soles, e aparecen imaxes cunha estraña luminosidade, visualmente son moi potentes.

En definitiva, un cargueiro estelar que levaba á tripulación hibernada, ten un accidente debido ao cruce coa cola dun cometa, e acaba aterrizando de emerxencia nun planeta illado. Ese planeta ten tres soles, e os poucos supervivintes intentan arranxar a nave para escapar dalí. Van perdendo integrantes da expedición en estraños accidentes que non teñen moita explicación, pero claro, están nun planeta totalmente descoñecido e non saben o que pode haber alí.

Un dos puntos de máis fricción é un dos supervivintes, Riddick. É un prisioneiro custodiado por un suposto policía, que se acaba sabendo que non é tal, senón un cazarrecompensas. Escapa case ao aterrizar, pero volven collelo, e ao final axúdaos a escapar, aínda que sempre están sospeitando da súa posible traición. Ten operados os ollos para ver na escuridade.

Cando están alí, prodúcese un eclipse, o cal contrasta coa situación de total luminosidade que viviran ata aquel momento. Non saben canto vai durar esa situación. Pero agora explícase o enigma: ao facerse a escuridade, saen das entrañas da terra milleiros de criaturas moi salvaxes que os atacan sen piedade.

Búscanse a vida para conseguir algo co que arranxar a nave avariada sen que os maten esas salvaxes criaturas, e conseguen escapar do planeta con Riddick pilotando a nave e liderando a operación.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...