luns, 22 de marzo de 2021

Robocop

E como estou vendo tanto cine na televisión, e teño tantas películas máis ou menos clásicas pendentes de ver, sigo saldando contas. Nunca vira "Robocop", polo menos completa, e boteille peito un día destes. Foi dirixida en 1987 por Paul Verhoeven. O protagonista principal está interpretado por Peter Weller (que non debe ser un gran actor, nin moi expresivo, porque foi o papel da súa carreira, e case non se lle ve a cara), que está acompañado por uns cantos secundarios americanos, solventes pero non moi famosos.

A historia é ben simple. Detroit está entrando en colapso e hai moita delincuencia nas rúas (esta parte acabou sendo real, mira ti), e a policía está pensando en facer folga porque están morrendo moitos patrullando nas rúas. Unha poderosa empresa tecnolóxica está deseñando uns robots para substituílos. Pero un dos xefes da empresa cae en desgraza cando fan unha proba do seu novo robot e todo acaba en desastre, con algún alto directivo morto na presentación.

Outro directivo da firma, un novo trepa, ve o momento de pasar por enriba do outro, e propón o seu robot cyborg, e danlle a oportunidade, pero iso non lle fai graza ao antigo xefe. Collen o corpo dun policía que foi brutalmente asasinado pola banda máis sanguinaria de Detroit, méteno nun robot programado case invulnerable, e comeza a vengarse. Vai cumprindo as súas funcións ata que descubre que os delincuentes traballan para o antigo xefe desa empresa. Cando intenta apresalo, descubre que ten esa función prohibida na súa programación.

Pero como sempre, o ben acaba vencendo, e finalmente Robocop acaba dobregando a todos, incluso aos corruptos xefes, e remata sendo o modelo a seguir.

Non me quedaron moitas ganas de ver as secuelas, que algunhas houbo. Pero o outro día, facendo "zapping", vin fragmentos da segunda parte. E chamoume a atención que seguían visitando instalacións que aparecían moito na primeira parte, como acerías abandonadas. Estas películas son de hai 30 anos. Agora Detroit é unha cidade pobre, xa que a industria do motor veuse abaixo, e chámame a atención que ese matiz de decadencia industrial xa se vira tan claro hai varias décadas. Teño entendido que perdeu moita parte da poboación e que agora xa non resulta un lugar nada agradable para vivir (se é que algunha vez o foi).

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...