mércores, 24 de febreiro de 2021

Nunca digas nunca xamais

Xa leríades por aquí unhas cantas veces que no espazo de cine clásico da 2 dos luns pola noite levan un mes botando películas de Sean Connery no seu papel de James Bond. E un día destes botaban "Nunca digas nunca xamais", título que me soaba bastante. O que non sabía era que esta película era tan peculiar e diferente ás outras en tantos aspectos. Agora o explico.

A película foi dirixida por Irvin Kershner (famoso por "O imperio contrataca") en 1983, e o elenco non estivo nada mal: Sean Connery, Kim Bassinger, Klaus María Brandauer, Bárbara Carrera, Max von Sydow, Rowan Atkinson.... Connery protagonizou as primeiras películas da saga a comezos dos 60, cando tiña pouco máis de 30 anos, pero a comezos dos 70 fartouse e dixo que "nunca xamais" volvería representar ese papel. Pero algo debeu pasar porque volveu cando xa pasaba dos 50, e iso nótase. Por outra banda, a película pareceume moi frouxa e disparatada.

De que trata? Buf, teoricamente un esbirro de Spectre, como sempre, dun xeito moi intelixente, consegue roubar dúas cabezas nucleares (ou algo así) dos Estados Unidos, e con iso intenta extorsionar á OTAN. A partir diso, Bond ponse a perseguir a outros dos líderes de Spectre, que é un tipo moi rico que vive nun iate moi luxoso, e obviamente consegue o seu obxectivo e bírlalle a moza, protagonizada por Kim Bassinger. 

Pero xa vos digo, todo moi retorcido e inxustificable. A min normalmente me divirten as tramas desta saga, e resultan apetecibles, pero esta foi indixesta, e pareceume que non tiña nin pés nin cabeza.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...