luns, 22 de marzo de 2021

Alien: o oitavo pasaxeiro

No espazo de cine clásico da 2, os luns pola noite, botaban un día destes "Alien, o oitavo pasaxeiro". Había moito tempo que non a veía, así que me animei. É unha boa película, e aínda que saibas como acaba, non está mal vela cada certo tempo.

Dirixida no ano 1979 por Ridley Scott, case pode poñerse aquí o elenco completo, porque como di o título, só hai sete personaxes a parte do bicho: Sigourney Weaver, Tom Skerrit, Veronica Cartwright, John Hurt, Ian Holm, Yaphet Kotto e Harry Dean Stanton. A min sóame que Weaver e Hurt son os que tiveron unha carreira máis destacada. De todos os demais, case diría que esta foi a película máis destacada na que estiveron, pero por razóns obvias, aquí son todos secundarios agás Sigourney Weaver, claro.

Penso que un dos puntos máis interesantes da película, da que se ten falado moito, é que o ordenador central da misión. "Nai", xa tiña pensado parar naquel planeta para recoller esa estraña forma de vida, porque era moi prometedora dende o punto de vista militar. E un dos pasaxeiros, Ash, o oficial médico, era o único que o sabía, por iso nalgunha ocasión semella saltarse as normas por razóns humanitarias, pero realmente era para conseguir meter o bicho na nave. Cando o matan e descubren que é un robot, desvela todo o que sabía. Interesante xiro do guión.

Certo é que nunca vin ningunha das súas secuelas. Se algún día me cruzo coa segunda parte, intentarei vela, a ver que se inventaron, pero probablemente sexa algún xiro mediocre para intentar facer caixa.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...