venres, 25 de decembro de 2020

Contos por palabras

Tamén aparentemente dirixida ao público infantil e xuvenil, foi a seguinte obra que me tocou ler. Foi "Contos por palabras" de Agustín Fernández Paz. Curiosamente teño unha certa conexión con esta obra dende hai décadas, e bastante peculiar. No colexio no que levo moitos anos traballando, nos primeiros tempos tamén daba clases extraescolares de Informática. E nesas clases, entre outras cousas, tamén practicabamos mecanografía. E o texto que eu lles poñía aos rapaces para que practicaran eran os primeiros capítulos desta obra. A maioría deles ían bastante lento e nunca remataban o primeiro dos relatos. De feito, agora mesmo non lembro se alguén chegou ao segundo.

É un libriño que contén simplemente 11 breves relatos. O título vén de que as historias están supostamente inspiradas nos "anuncios por palabras" dos xornais. No limiar, o autor conta que nun determinado momento non atopaba a inspiración para escribir nada, e que unha amiga lle dixo que era moi sinxelo, que todo o mundo tiña historias que contar, e que bastaba con ler os "anuncios por palabras" dos xornais para atopar unha inspiración inesgotable. Cada un dos relatos ten unha portada na que se ve un "anuncio por palabras" (en castelán, non sei se son fotos da realidade) que inspirou esa historia.

Hai algúns deles moi interesantes e creativos, e outros que non mo pareceron tanto, onde seguramente eu o achacaría a que a obra pode estar dirixida a lectores máis novos, que se divertirán con detalles e xiros argumentais que a min xa non me chaman a atención. Pero vaia, en xeral, pásase un bo rato lendo este libro.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...