venres, 25 de decembro de 2020

Adivina quen vén cear esta noite

Obviamente, como todo o mundo, oín falar desta película moitas veces, pero eu xuraría que non a vin nunca completa. Así que apareceu no famoso ciclo de cine clásico da 2 dos martes pola noite, xusto o día que collíamos as vacacións de Nadal de 2020, e non o dubidei nin un só intre.

Foi dirixida por Stanley Kramer en 1967, cando nos EEUU había bastante tensión interracial, e xa saberedes que hai catro protagonistas principais. Os pais da rapaza son os xa veteranos Spencer Tracy (que morreu dúas semanas despois de rematar a rodaxe, estaba xa moi mal de saúde) e Katharine Hepburn (que fixo parella con Tracy en nove películas), a rapaza é Katharine Houghton (sobriña de Hepburn que se dedicou máis ao teatro que ao cine) e o "causante de todo" é Sidney Poitier.

A historia é ben simple, como saberedes. A parella nova acaba de coñecerse en Hawai, queren casar xa e van a San Francisco a comunicarllo aos pais dela. Na familia dela a educaron na igualdade, e a rapaza non ten a máis mínima dúbida de que os seus pais aceptarán ao seu prometido negro sen ningún problema, pero el non está tan convencido, aínda que está convencido de que serán xente moi culta e educada.

A película comeza pola mañá ou ao mediodía do día no que aterran en San Francisco, e imos vendo o transcurso da tarde, ata a hora da cea, na que se vai xuntar todo o mundo, como se non pasara nada, pero está claro que vai pasar algo gordo. Aparece por alí un amigo do pai que é sacerdote, e que semella o máis liberal de todos. Tamén aparecen os pais do mozo, que voaron dende Los Ángeles. A nai acepta a situación pero o pai o leva moito peor, exactamente igual que os pais da rapaza branca. Ao final imponse a cordura nun país e época que nunca foron propicias para iso, e sentan a cear amigablemente cando remata a película.

Como anécdota, dixéronme que hai algunha referencia a Martin Luther King na película (efectivamente), pero el foi asasinado pouco tempo despois, debido á tensión racial desa época, e propiciou un pequeno cambio no guión posterior. Tamén me chamou a atención que algúns breves pasaxes da proxeción do outro día estaban en versión orixinal subtitulada. Non sei, semella como se se perderan partes da dobraxe e que xa non poidan recuperalas porque os dobradores orixinais morreron ou xa non teñen a mesma voz.

En definitiva, unha película moi agradable de ver nestes tempos tamén convulsos de pandemia, conspiranoicos e gilipollez continua nas redes sociais e nalgúns medios de comunicación.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...