venres, 25 de decembro de 2020

Prisciliano e o priscilianismo. Da condena á rehabilitación

Xa teño comentado aquí nalgunha ocasión, creo, que o tema de Prisciliano me parece moi suxerente. E o gran especialista galego na súa figura é o meu amigo Victorino Pérez Prieto, do que tamén lin algún libro máis neste ano referente á Xeración Nós, que está de centenario. O libro que acabo de ler, titulado como este artigo, non é obra de Victorino, pero si foi el o compilador de traballos de varios autores, que vou referir a continuación. É xa o penúltimo da colección Mandaio de Biblos Clube de Lectores, que estou a piques de rematar. Só faltan as obras dos autores novos que promoveron co seu propio Premio Literario.

Para a xente que non sabe de que falamos cando falamos de Prisciliano, diremos que naceu pola zona da Gallaecia a mediados do século IV d.C., que despois dalgún tempo de moral disipada fíxose sacerdote, foi moi rigoroso e asceta, vexetariano, trataba de igual a igual ás mulleres, foi collendo adeptos e seguidores, chegou a bispo de Ávila, e algúns outros bispos da península principalmente lanzáronse contra el porque predicaba unha imaxe humilde da Igrexa que a eles, xa afeitos ao poder e o luxo, non lles conviña. O Papa e o emperador romano da época estiveron de acordo, e uns escuros manexos acabaron coa súa decapitación e a de varios dos seus discípulos en Tréveris no ano 385, cando tiña uns 40 anos. Parece que o rito mantido polos seus seguidores aínda tivo algunha vixencia durante varias décadas, pero 1 ou 2 séculos despois xa se daba por extinguido o priscilianismo. 

Lembremos que tamén neste ano (no que lin moito porque pasei moito tempo na casa) lin un libro titulado "A idade da penumbra" que tamén dicía que a partir dos secúlos IV e V, os cristiáns, que xa deixaran de ser perseguidos, convertéronse en perseguidores de todo o que cuestionaba a súa nova posición, valía o mundo e a cultura clásica, ou estas novas tendencias que non lles gustaban nadiña.

Nesta obra, compilada e ordeada por Victorino, constan os seguintes traballos:

- Que podemos dicir hoxe de Prisciliano?: En galego, do propio Victorino Pérez Prieto

- Tréveris, proceso y muerte de Prisciliano: En castelán, de María José Bravo Bosch, onde analiza os principios xurídicos dos xuízos que levaron á execución de Prisciliano

- Prisciliano a través de los tiempos medievales: En castelán, de Andrés Olivares Guillem, onde se analizan outros movementos similares ao priscilianismo que tiveron lugar na Idade Media, e que podían estar inspirados naquel

- Prisciliano e o priscilianismo em Portugal: en portugués, de Ricardo Nuno Ventura

- Prisciliano, o priscilianismo e as mulleres: en galego, de Pilar García Negro

Como se pode ver, tres idiomas diferentes e cinco perspectivas diferentes que poden axudar a entender mellor esta complexa e controvertida figura.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...