venres, 25 de decembro de 2020

O destino de Clarescura Lens

Nos últimos días, cando xa se achegaba o merecido descanso de Nadal, fun relaxando o meu ritmo de traballo, e na fin de semana lin tres libros. Obviamente, os libros eran ben curtiños e asequibles, que se non, sería imposible, pero xa deixaba claro que chegaba o tempo de disfrutar dun dos meus praceres preferidos.

O primeiro deles foi "O destino de Clarescura Lens" de Alfonso Álvarez Cáccamo. Que eu saiba, é a primeira obra que leo deste autor, do que xa tiña oído falar por outras actividades diferentes, como mencionarei a continuación. E polo que vexo na miña biblioteca, no futuro cercano (espero que sexa no 2021) tamén lerei outra obra del, titulada "Xente de mala morte", que polo visto é un libro de relatos.

Antes de comentar o libro, falarei un pouco do autor, que me ten un tanto desconcertado. É fillo do insigne Xosé María Álvarez Blázquez, e polo tanto irmán de Pepe, Celso e Berta, persoeiros todos eles con máis ou menos peso na cultura galega. Polo visto foi profesor (sospeito que de Primaria, xa veredes por que), pero xa se xubilou no 2011. Curiosamente esta noveliña que lin eu é posterior, de 2012.

Pero o curioso é que as primeiras referencias que tiven del, hai xa uns cantos anos, eran varios números moi divertidos do dúo humorístico Mofa e Befa. Se os vistes actuar algunha vez (polo visto, volveron xuntarse agora e xusto estes números dos que vou falar están no seu repertorio outra vez), seguro que lembrades tres pequenos "sketches" nos que dicían receitas de cociña nas que só se utilizaba unha mesma vogal. A receita da letra "a" chámabase "A gran asada", a do "e" era "Esqueletes de reses en prebe de té verde", e a do "o" era "Mollo do lombo do ollomol ó modo ostrogodo". E ameazaban tamén cun "Difícil pil-pil" e o "Ñu crú". Pois algunha vez lles escoitei dicir que eses textos eran do noso autor de hoxe.

E acabo de ler esta noveliña, e non me estraña en absoluto, porque nela tamén hai xogos de palabras similares. Por exemplo, un dos protagonistas principais, o avó de Clarescura, que está aparentemente xordo, resulta que só ten xordeira selectiva. Porque todo o que leve a vogal "a" o escoita perfectamente. Cando varios personaxes descubren ese matiz, xa poden comunicarse con el sen demasiados problemas, senón tiñan que recorrer a un caderno para escribirlle o que non escoitaba.

O outro xogo de palabras máis común na novela é escribir os nomes ao revés. Ou sexa, nomear aos personaxes con nomes aparentemente sen sentido, pero se lle dás a volta ao nome, teñen sentido pleno. De detalles como eses, sospeito que debeu ser profesor de Primaria, onde ese tipo de xogos pode gustar moito, pero vaia, é pura especulación miña. Algúns exemplos deses nomes son: "Atar Nórbac", "Asimusa Soglof", "Osurac", "Oñimot" (topónimo), etc.

Polo demais, a noveliña lese con gusto, aínda que semella estar algo orientada para un público infantil-xuvenil, por este tipo de detalles. Iso non é un demérito, é unha característica, simplemente.

Clarescura é unha nena moi especial que naceu nunha aldea, a súa aldea estaba enfrontada con outra, e os seus pais son de aldeas diferentes, e con caracteres diferentes, e case nunca están xuntos. Os avós da nena tamén teñen o seu caracter e a súa historia, e o narrador da historia é o Destino da nena, que está sempre pendente dela. Ten un certo aura sobrenatural todo o que se conta.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...