xoves, 21 de agosto de 2025

En bandexa de prata

Apenas vin películas dese trío, pero sinto certa ou bastante atracción polas que dirixiu Billy Wilder, con Jack Lemmon e Walter Matthau actuando. Non hai moito puiden ver "Primeira plana" (que poderíamos dicir que critica o mundo do xornalismo sensacionalista) e quedan varias máis. Polo visto, esta de "En bandexa de prata" foi a primeira da súa longa traxectoria xuntos. Aquí parecen criticar aos avogados agresivos que están dispostos a querellarse contra quen sexa (nos Estados Unidos iso debe ser bastante habitual). Pero tamén digo que non me gustou tanto como esperaba.

Con respecto ao seu título, a tradución fiel do orixinal sería "A galleta da fortuna". En España chamáronlle do xeito que xa sabedes e en Hispanoamérica fóronse a "Por diñeiro, case todo". Vista a película, paréceme que o título hispanoamericano non é tanto disparate. Por certo, xuraría que nalgunhas escenas da película fan algo cunha bandexa de prata, pero non me pareceu que tivera tanta relevancia.

"En bandexa de prata" foi dirixida en 1966 por Billy Wilder. Os papeis principais foron para Jack Lemmon, Walter Matthau, Ron Rich, Judy West e Cliff Osmond.

Harry Hinkle é un cámara da CBS que está retransmitindo un partido de rugby estadounidense (négome a chamarlle fútbol a un deporte no que se pode coller o balón coas mans; e Estados Unidos é simplemente un dos países que hai en América) dos Cleveland Browns. Nunha xogada, unha das estrelas do equipo, Luther "Boom Boom" Jackson choca contra el. Iso e que hai unhas lonas enroladas moi cerca da banda provocan que Harry teña unha mala traída e perde o coñecemento durante uns minutos. É ingresado nun hospital pero acaban descubrindo que non é nada grave.

Pero no hospital, o seu cuñado, o avogado pica-pleitos William Gingrich, decide que pode ser un bo momento para demandar á compañía de seguros e sacarlle unha boa indemnización. Harry non está de acordo con iso, é moito máis nobre, pero todos lembran na familia que, cando era pequeno, tivo unha caída dunha árbore e tivo certa lesión nunha vértebra. Está máis que superado pero cren (como así é) que iso aínda pode saír nas radiografías, e poden aproveitarse para pedir cartos. Harry non quería colaborar, pero accede cando pensa que podería recompoñer a súa relación coa súa esposa, á que aínda bota moito de menos, e que se foi cun músico hai pouco tempo.

O xogador que lle provocou a caída comeza a pasar un terrible bache na súa carreira e vai todos os días por casa de Harry para axudarlle a facer os labores da casa, e fanse moi bos amigos. Obviamente el non sabe nada do engano. A muller de Harry comeza a chamalo e a amosar interese, pero segue vivindo co músico co que se fugou, así que nunca queda demasiado claro que intencións reais ten. Por outra banda, a compañía de seguros contrata ao mellor investigador para destapar casos de fraude, que se instala nun piso en fronte do de Harry para intentar ver se hai fraude ou lesión simulada.

A tensión de todas esas pezas xuntas subsiste durante toda a película, ata que ao final, Harry decide desvelar que está perfectamente sano, así que esa querella vense abaixo, pero por suposto, Gingrich comeza outra derivada dese final non previsto por el.

Saúdos.





mércores, 20 de agosto de 2025

Morte baixo o sol

Como xa veríades, non me desagradan as historias de Agatha Christie baseadas no personaxe do detective belga Hércules Poirot. David Suchet na televisión e algo no cine, e outros actores como Kenneth Branagh e Albert Finney tamén fixeron ese papel. E hai pouco descubrín que Peter Ustinov protagonizou unha serie de películas a finais dos anos 70 e comezos dos 80. Xa falei aquí hai pouco de "Morte no Nilo" (historia que xa me soaba) e esta vez animeime con esta de "Morte baixo o sol", que non me soaba de nada.

Está baseada nun relato da autora titulado "Maldade baixo o sol", e ten bastante graza, porque orixinalmente estaba ambientada en Devon (iso debe ser o que os ingleses entender por "costa soleada"), pero nesta película insinúan que están nunha illa do Adriático cercana a Albania, e as escenas marítimas foron rodadas en Mallorca, e incluso ofrecen idílicas imaxes aéreas da impresionante illa Dragonera.

"Morte baixo o sol" foi dirixida en 1982 por Guy Hamilton. A verdade é que o seu nome non me soaba demasiado, pero ten unha filmografía interesante, con catro das primeiras películas da saga de James Bond. Como case sempre nestes casos, o elenco está moi ben, con Peter Ustinov, Maggie Smith, Jane Birkin, Diana Rigg, Dennis Quilley, Nicholas Clay, Colin Blakely, James Mason, Sylvia Miles e Roddy McDowall.

O esquema é o habitual nas obras de Agatha Christie. Un grupo de persoas, pola razón que sexa, reúnense nun lugar máis ou menos pechado. Dende o comezo vese que unha desas persoas lle cae mal a case todo o mundo, e mira ti por onde, é xusto a que acaba morrendo. Pero dáse tamén a casualidade de que, tendo todas as outras persoas ganas de matar a esa persoa, todas teñen unha coartada aparentemente perfecta. E Hércules Poirot ten que atopar unha retorcida solución que resolva o enigma.

Neste caso, o branco da ira é unha actriz moi presumida que vai pasar uns días de vacacións a un hotel dunha paradisíaca illa do Adriático. A propietaria do hotel é unha antiga compañeira da compañía artística coa que se leva fatal. Por alí tamén aparece un tipo que é un industrial co que estivo prometida, pero ao final deixouno. El deulle a ela unha xoia fantástica e ela, ao rachar o compromiso, devolveulle unha imitación falsa. Tamén está por alí o novo marido desa actriz, do que pasa totalmente. Tamén está o amante desa actriz, coa súa esposa. Un crítico teatral que quere escribir a biografía da actriz, pero ela segue sen darlle permiso para facelo. Uns empresarios teatrais aos que deixou tirados hai pouco, pero queren contratala de novo, porque é unha gran estrela. Pois xa sabedes, ao final sábese todo.

Saúdos.



martes, 19 de agosto de 2025

Sendeirismo na zona do pico Tres Mares

Hai moitos anos, cando estaba comezando este século e milenio, Viaxes O Lóstregho estaba explorando a zona norte da península ibérica. E un día demos cun topónimo que nos chamou a atención: o pico Tres Mares. E quixemos saber por que tiña ese nome tan evocador. Resulta que nas súas tres abas (porque é un vértice no que se xuntan tres aristas montañosas) nacen tres ríos que acaban desembocando en tres mares diferentes: o río Nansa no Mar Cantábrico, o río Híjar (máis coñecido como Ebro) no Mar Mediterráneo, e o río Pisuerga, que por ser afluente do Douro acaba no Océano Atlántico. Como vedes, a cousa pinta chula.

Tres Mares é o punto máis alto dun magnífico circo montañoso que dá lugar á estación de esquí de Alto Campoo (se non me equivoco, a única que hai en Cantabria). A poboación de referencia para toda esa comarca é Reinosa, que é onde nos aloxamos. Iso vén sendo o sur-suroeste de Cantabria. Pero a só 30 quilómetros de alí, no norleste da provincia de Palencia, atópase a marabillosa Aguilar de Campoo, que no seu entorno tamén ten moitos atractivos turísticos, como o alucinante Románico Palentino, uns cantos lugares en torno ao río Pisuerga, a montaña palentina, etc.

O que fixemos nos cinco días que pasamos alí foi o seguinte:
- Na mañá do primeiro día trasladámonos de Galicia ata alí. Pola tarde fixemos unha pequena ruta de sendeirismo que percorría algo do río Pisuerga polo fermosísimo Canón da Horadada para chegar ás Tuerces, un paraxe con paisaxes calizas do estilo da Cidade Encantada de Cuenca.
- No segundo día intentamos subir a Peña Labra dende o mirador de Piedrasluengas. Pero cando chegamos ao mirador había dous obstáculos infranqueables. O primeiro era a mestísima néboa que impedía facer a ruta. E o segundo era que estaba prohibido o acceso incluso ao mirador, cousa que nos estrañou bastante. Cando conseguimos dar a volta, pareceunos ver alí a algo parecido a un político. O día seguinte, nas noticias, soubemos que estivera alí o mesmo Alfonso Fernández Mañueco, presidente da comunidade autónoma de Castela e León. Pasamos a mañá vendo algunhas das igrexas máis interesantes do Románico Palentino no entorno do encoro do Pisuerga, a carón de Aguilar de Campoo. Despois achegámos a Reinosa para facer a ruta do Pinar de Horna, que nos permitiu movernos polo entorno do impresionante encoro do Ebro, un dos máis extensos da península (pero pouco profundo, polo visto). Nós comezamos e rematamos a ruta na cidade romana de Iulióbriga.
- No terceiro día fomos ao circo montañoso de Alto Campoo. Entre outras cousas, porque nos dous días anteriores estaba sempre rodeado de nubes e incluso chovía. E esa mañán estaba radiante. Así que comezamos a mañá subindo ao pico máis alto, cousa que non ten demasiado mérito, porque hai un aparcamento a pouca distancia. E despois demos unha volta por algunhas pistas que vimos por alí, xa que a visibilidade era fantástica. Despois de xantar, baixamos a Argüeso, onde hai un poboado cántabro e un castelo medieval, e despois a Fontibre, onde din que nace o río Ebro (agora sabemos que realmente é o mesmo río que o Híjar, que nace xusto debaixo do pico Tres Mares). Fixemos tamén unha breve ruta por aquela zona.
- No cuarto día subimos a un pico chamado o Monte Endino. Ao principio non tiñamos demasiado claro se ía valer moito a pena. Pero estaba tamén un día moi luminoso, e cando comprendimos onde se atopaba e as marabillosas vistas que se captaban dende alí enriba, xa nos motivou moito máis. Despois diso fomos a disfrutar da marabillosa vila de Aguilar de Campoo.
- No último día, xa de volta, intentamos de novo a ruta do mirador de Piedrasluengas a Peña Labra. Ese día si, a visibilidade era magnífica. O que non era para nada magnífica era a sinalización da ruta, simplemente inexistente. Alguén que coñecía a zona subiuna a Wikiloc pero non está nin moito menos homologada, foinos imposible. Fixemos un pequeno tramo do Camiño Lebaniego que baixaba cara a Potes. Para rematar, decidimos volver en coche pasando por Potes, Unquera e pola autovía do norte.

Saúdos.



venres, 15 de agosto de 2025

Zapatillas rotas

Nos últimos tempos, alguén que me quere ben, agasalloume cun libro galego, como ten costume de facer. Xa non lembro se foi por Nadal, o meu aniversario, ou algo semellante. Nesta ocasión a novela elixida foi "Zapatillas rotas", de Xabier Quiroga, que ten por subtítulo "O insólito rapto do señor Xaquín", aínda que ese dato non aparece na portada, senón nas primeiras páxinas. O nome do autor soábame vagamente, pero o título da novela non. Pero non se pode negar que debeu ter certo éxito, porque o libro foi publicado en 2014, pero xa leva catro edicións máis, dos anos 2016, 2017, 2019 e 2022. E a min aínda chegou varios anos máis tarde.

A historia non está mal. Resulta que hai un ancián chamado Xaquín, que ingresou voluntariamente nunha residencia de anciáns hai algún tempo, con capacidade adquisitiva de sobra para facelo, o raro é a razón para ingresar. E aínda que a cabeza xa non lle funciona moi ben, como non causa maiores problemas, nos últimos tempos dá un paseíño só por fóra da residencia despois de almorzar. Un determinado día atópase á saída cun home máis novo, ao que non lembra, que moi amablemente lle anima a acompañalo no coche a dar unha volta.

As alarmas saltan cando o botan en falta na primeira actividade que ía desenvolver despois do almorzo. Polo que se ve, esa residencia non está moi ben organizada. Aínda estaría peor se dependera da directora, que é unha monxa bastante inútil e déspota. A casa aínda funciona medio ben porque Miriam, a asistenta social, é bastante eficaz e resolta. Cando detectan a ausencia do vello, Miriam avisa á Garda Civil e á familia do señor Xaquín, por se o levaran eles. E aí comezan os problemas.

Ao mando do cuartel da Garda Civil nesa vila imaxinaria do sur da provincia de Lugo, está o eficiente sarxento Parga, ao que lle falta só un día para xubilarse. E avisan tamén a Carlota, a filla do señor Xoaquín, que estaba a piques de subir a un avión a Londrés con Vanesa, a súa insoportable e malcriada filla adolescente. Como non semella moi espilida, pídelle axuda ao seu ex-marido, que é un alto cargo da Xunta de Galicia. Este está moi ocupado e ademais tiña pensado marchar de fin de semana coa súa secretaria e amante, así que prefire librarse do problema e avisa a un policía nacional relevante que lle debía un favor. E este tampouco quere encargarse do tema e avisa aos medios de comunicación, para que "axuden" na investigación.

Resulta que o home que convidou ao señor Xaquín a dar un paseo no coche é o neto de Lola, unha muller cercana á familia de Xaquín, que primeiro foi veciña e despois foi criada, e realmente foi o grande amor do señor Xaquín, aínda que el casou con outra muller, moi feble e fráxil, que morreu no parto de Carlota. Simplemente quere levalo á aldea onde se criaron, para que vexa as casas onde viviron, e despois quere levalo a Vigo, para que vexa o mar por primeira vez, xa que iso tamén llo prometeu a Lola, a súa avoa, pero non lle deu tempo a cumprilo. Por certo, Xaquín ingresou voluntariamente na residencia porque alí levaba algún tempo ingresada Lola, e el era feliz simplemente véndoa todos os días.

Pero claro, todo isto que vos estou contando só o sabían o señor Xaquín e o neto de Lola, que teñen un rico diálogo durante toda a xornada. As familias, a Garda Civil, a policía nacional, os medios de comunicación, non teñen nin idea do que está pasando, e cren que o neto de Lola raptou ao señor Xaquín con escuras intencións. Como se fora unha novela policíaca, o final é moi vertixinoso.

Saúdos.



mércores, 13 de agosto de 2025

Diamante de sangue

Esta película non é que me interesara moito moito, pero si que tiña certa curiosidade por vela dende hai algún tempo. A razón é que, nalgún centro de ensino que coñezo, algún profesor a proxecta como exemplo de bo cine comprometido con causas sociais. Neste caso fala da financiación de conflitos bélicos interesados en países de África para aproveitarse dos seus recursos naturais, por exemplo, dos diamantes de Serra Leoa.

"Diamante de sangue" foi dirixida en 2006 por Edward Zwick, e os papeis principais do elenco foron para Djimon Hounsou, Leonardo DiCaprio, Jennifer Connelly, Arnold Vosloo e David Harewood.

Solomon Vandy é un pescador de Serra Leoa que ve trastornada completamente a súa vida cando o grupo guerrilleiro que está participando na guerra civil do seu país, que tivo lugar basicamente na década dos 90, aparece na súa aldea. Levan ao resto da súa familia para campos de refuxiados e ao fillo maior, Dia, que quería ser médico, convérteno nun novo neno da guerra. A el cólleno para traballar nas minas de diamantes da zona. A partires dese intre intenta fuxir da mina e xuntarse de novo coa súa familia, pero é case imposible. Un día atopa un diamante dun tamaño e características excepcionais, e intenta escondelo, pero no último momento, un malvado vixilante da mina descúbreo, pero nese momento sufren un ataque.

Aparece en escena Danny Archer, un branco traficante de diamantes, orixinario de Zimbabwe, e Maddy Bowen, unha xornalista estadounidense que intenta escribir un artigo que descubra que os empresarios máis ricos do mundo relacionados cos diamantes son perfectamente coñecedores de que están axudando á persistencia da guerra civil.

Coñecen a Solomon e intentan axudalo, aínda que por razóns diferentes. Danny intenta vender ese gran diamante para retirarse por fin. Obviamente, os propósitos de Maddy son moito máis nobres. Solomon só descubrirá onde agochou o diamante cando lle devolvan á súa familia, e o máis difícil é recuperar a Dia, que leva tempo cos guerrilleiros e da man daquel malvado vixilante que viu ao seu pai esconder o diamante. Xa non é o mesmo rapaz.

Saúdos.



martes, 12 de agosto de 2025

O Quixote (serie)

Este verán está sendo moi quixotesco. Levaba eu varios anos coa teima de ler o Quixote completo durante o verán (leva algún tempo e non podo permitirme iso en ningunha outra época do ano) e fíxeno no mes de xullo. O que non contaba era con intentar ver a serie que fixo hai anos RTVE, pero finalmente caeu. Cando vin que duraba só unhas cinco horas, animeime.

"O Quixote", a serie da RTVE foi presentada no ano 1992. Obviamente, reuniron un equipo técnico fantástico. Dirixía Manuel Gutiérrez Aragón, os guións eran de Camilo José Cela, a música era de Lalo Schiffrin (o mesmo que compuxo a sintonía de "Misión imposible"), e así poderíamos seguir.

E que dicir do elenco, onde estaban Fernando Rey como o Quixote (tiña xa 75 anos), Alfredo Landa como Sancho Panza, Francisco Merino, Manuel Alexandre, Emma Penella, José Luis Pellicena, José Luis López Vázquez, Terele Pávez, Esperanza Roy, Antonio Gamero, Rafael Alonso, Aitana Sánchez-Gijón, Héctor Alterio, Máximo Valverde e Alejandra Grepi, por mencionar algúns.

Só fixeron cinco episodios, centrados en pasaxes da primeira parte do libro. Os dous últimos contan a historia de Cardenio, Luscinda, Don Fernando e Dorotea, que o propio Cervantes pretendía vender case como unha novela independente. Creo que moitas das cousas máis destacadas desa primeira parte están aí, aínda que, obviamente, faltan moitas.

Non son eu un experto do tema, pero teño a sensación de que a ambientación no lugar e época está máis que conseguida, semella moi fiel, e iso sempre axuda. Unha das cousas que máis me flipou foi no "combate" contra o rebaño de ovellas, no que o Quixote cría ver centos de cabaleiros enfrontándose en dous bandos. Aí foron "realistas" recreando as visións alucinadas do Quixote, e puxeron a moitos xinetes vestidos de cabaleiros medievais.

Pois nada, que recrea moi ben ao personaxe do chalado acompañado dun simple bonachón que se converteu nunha das novelas máis famosas da historia, tanto que, como xa dixen no artigo sobre o libro, cambiou a definición de "novela" en todo o planeta. Igual que se podería dicir de Shakespeare, pero noutro sentido, nos diferentes personaxes que pasan pola novela vese multitude de situacións que seguen resultando actuais.

Saúdos.



domingo, 10 de agosto de 2025

Fariña

A sección de series deste blog non é que estea moi ben mantida, porque é un formato que non me agrada demasiado, como creo que sabedes. Dáme moita pereza poñerme a ver unha serie moi longa, de varias tempadas, no caso de que haxa unha trama lineal e haxa que vela na orde convencional. Se son capítulos autoconclusivos (habitual nas series de detectives ou similares), podo ver capítulos soltos e xa está, dame igual a súa lonxitude porque raramente as verei enteiras.

Pero como agora teño acceso a Netflix e Amazon Prime e teñen algunhas series interesantes, animeime a ver algunha. Ademais, agora no verán teño tempo. Obviamente, unha das que máis me interesaba era "Fariña", porque fala do mítico narcotráfico dos anos 80, que se cría intocable pero non o foi. Aínda queda algo, polo que parece, pero nada que ver co que sucedía daquela e a súa impunidade. Vin que estaba en Netflix, e que era só unha tempada de 10 capítulos, así que en 10 ou 11 horas podía verse. E así foi.

Son dez capítulos, e máis ou menos, cada un está centrado nun ano desa década, ata chegar a 1990, cando se produce o famoso xuízo da Operación Nécora. Foi producido por Bambú Produciones (galega) para Atresmedia, e seguramente iso explica que practicamente todo o elenco é galego, con algún actor español e algúns sudamericanos para facer de narcotraficantes colombianos e similares. Hai moitos pasaxes en galego, con expresións propias mesturadas e un fortísimo acento. Iso en Galicia gustou moito, noutros lugares xa non sei.

Dos dez capítulos, seis foron dirixidos por Carlos Sedes e os outros catro por Jorge Torregrossa. O guión foi escrito polo equipo de Bambú (creo), formado por Ramón Campos, Gema R. Neira, Cristóbal Garrido e Diego Sotelo, agás o último capítulo, que basicamente trata do xuízo final, no que se engadiu tamén David Moreno.

Os principais papeis do elenco (pero había máis, é unha serie moi coral) foron para Javier Rey, Tristán Ulloa, Antonio Durán “Morris”, Carlos Blanco, Manuel Lourenzo, Xosé Antonio Touriñán, Isabel Naveira, Xulio Abonjo, Tamar Novas, Eva Fernández, Fran Lareu, Monti Castiñeiras, Alfonso Agra, Carlos Sante, Miquel Fernández, Jana Pérez, Celso Bugallo, Juan Pablo Shuk, Ernesto Chao, Marta Larralde e Kiko Carracedo.

A serie estreouse a comezos de 2018. Estaba baseada nun libro de Nacho Carretero que foi censurado puntualmente polas denuncias dalgúns dos persoeiros presentes, pero casualmente, o mesmo xulgado que puxo esa medida, quitouna unhas semanas máis tarde. Non se pode negar que axudou moito á publicidade do libro e da mesma serie. Parece que tivo bastante éxito, pero xa digo, iso foi en Galicia, fóra non sei exactamente se foi así. Como é lóxico, en Netflix xa me están aconsellando series como "Narcos", porque deben intuir que me gusta moito o tema, e non é así, vin esta porque estaba ambientada en Galicia e oín falar moito do tema, pero nada máis.

Polo que vexo na ficha técnica, case todos os personaxes mantiveron o seu nome, pero hai varios aos que lles cambiaron o nome:

- A Enrique León chamáronlle Darío Castro, o guardia civil de Vilagarcía que comanda a investigación

- A Marcial Dorado chámanlle Luis Colón "Colombo" (tal como o pintan, o tipo era moi coñecido e todo o mundo sabía a que se dedicaba, non como din algúns políticos actuais; pero non sei se a serie é moi fiel á historia deste personaxe)

- A Odalys Rivera, a muller panameña de Sito Miñanco, na serie chámanlle Camila Reyes

- A Pablo Vioque, avogado dos principais narcotraficantes, chámanlle Pedro Ventura

Aínda que é unha serie moi coral, os dous papeis principais son os de Sito Miñanco e o Darío Castro, garda civil que investiga a trama. Moi recomendable.

Saúdos.



Espero chegar en breve

Aquí hai unhas cantas cousas que contar. Hai un par de anos foi a primeira edición do festival "Viñetas dende o Atlántico" que non...