sábado, 31 de decembro de 2022

O curioso caso de Benjamin Button

Esta película fíxose hai algo máis de 10 anos, e sempre me chamou a atención o principal do seu argumento (porque pouco máis sabía). Así que cando vin que estaba dispoñible en Youtube en español latino, fixen o esforzo de vela. Nalgún sitio din que está baseada en varios casos de persoas recentes con envellecemento acelerado, pero o certo é que está baseada nun breve conto de Francis Scott Fitzgerald, escritor que se fixo famoso con "O gran Gatsby".

Foi dirixida en 2008 polo gran David Fincher, e o papel principal foi para Brad Pitt, o seu actor fetiche ("Seven", "O club da loita" e esta, como mínimo). Entre o elenco que lle acompaña está Cate Blanchett, Taraji Henson, Mahershala Ali, Tilda Swinton, Julia Ormond e Phillis Somerville.

Por se non oístes falar dela, a historia é ben curiosa. Unha familia rica ten un fillo, a nai morre durante o parto, pero o pai abandona o fillo nunha especie de asilo porque comproba que o bebé é tremendamente feo e semella moi envexecido, polo tanto deduce que a súa esperanza de vida é exigua. Aínda que non lle perderá a pista, por se acaso.

De forma bastante curiosa, o neno-vello vaise criando no asilo. Ten poucos anos de idade pero a súa apariencia é totalmente a contraria, de ser moi vello e ter uns 80 anos de idade. O seu físico semella o dun vello pero a súa actitude ante a vida é a dun neno, entre outras cousas porque non ten ningunha experiencia na vida.

A súa vida transcorre así e, aos poucos, vaise detectando que cada vez é máis novo. Cando ten poucos anos, coñece a Daisy, unha rapaza que viña de visita ao asilo para visitar á súa avoa, que está alí ingresada. Marcha do asilo para buscarse a vida, e só atopa a Daisy esporadicamente, pero namora dela cada vez máis perdidamente. Seguen en contacto por medio de postais e cartas, aínda que raramente se atopan.

Cando Benjamin ten uns 40 anos, e Daisy tamén, os seus camiños crúzanse e deciden vivir xuntos, e teñen unha filla. Son moi felices nese momento. Pero ao pouco de nacer a filla, Benjamin decide que ten que marchar, porque cre que Daisy non vai ser capaz de ver como crece a filla e "decrece" o marido, e que lle vai resultar moi complicado coidar aos dous.

Nos últimos anos de vida de Daisy, cando xa é maior, comproba como Benjamin se converte nun rapaz primeiro, que non a lembra, e despois nun bebé, que morre durmindo nos seus brazos.

No hospital no que Daisy agoniza, a súa filla descubre a historia, e entérase dese xeito que o seu pai foi aquel rapaz novo ao que viu unha vez na escola de danza que tiña a súa nai (que foi unha bailarina famosa ata que un atropelo en París lle rompeu unha das pernas). Tamén hai que dicir que no medio da película, o verdadeiro pai de Benjamin preséntase e charla con el en varias ocasións.

En definitiva, un guión moi ben elaborado e trabado cunha variable temporal totalmente contraria á habitual e que fai que a perspectiva vital do personaxe principal sexa estrañísima. Polo visto, para recrear a cara dese personaxe, ademais de maquillaxe, houbo que utilizar efectos dixitais, e uns cantos actores diferentes para representalo en diferentes momentos vitais.

Saúdos.



Gargantúa e Pantagruel

No ano 2021, a editorial Rinoceronte, na súa colección Vétera, que se encarga da tradución de textos clásicos, publicaba unha fantástica tradución ao galego do "Gargantúa e Pantagruel" de François Rabelais a cargo de Henrique Harguindey Banet, eminente catedrático de Francés que leva anos traducindo do francés para o galego. Lera xa hai moitos anos que este era unha das obras esenciais do Renacemento europeo, e decidín probar. E neste Nadal animeime a lelo.

A obra é bastante enciclopédica, así que requerirá máis explicacións. Foi publicada, máis ou menos, no segundo tercio do século XVI. Acabou sendo unha saga de cinco libros, que saíron entre o 1532 e o 1564.  Falan dunha familia de xigantes. Golagrande e Gargamela foron os pais de Gargantúa, e este foi o pai de Pantagruel. Os dous libros máis famosos (son os que veñen na edición que eu teño) son os dous primeiros, que falan sobre os dous personaxes que lle dán nome. Pero casualmente, o primeiro en ser publicado foi "Pantagruel", o personaxe máis novo de todos. E despois publicouse "Gargantúa", sobre o seu pai, aínda que en moitas edicións, como a que eu teño, a edición pon primeiro a do pai (aínda que foi a segunda en publicarse en libro). Os outros tres libros teñen títulos máis impersonais como terceiro, cuarto e quinto libro.

A temática e intencións do autor non están nada claras. Supostamente é unha novela satírica do Renacemento. Semella claro que a Rabelais non lle caían nada ben os teólogos da Sorbona (a censura fixo que comezaran a chamarlle "sofistas" nas seguintes edicións). Rabelais parece que se ganou a vida como médico, aínda que non está demasiado claro onde adquiriu a formación para dedicarse a esa profesión, pero parece que a vida eclesiástica tamén lle atraía moito. Supoño que por esa razón viñan esas críticas continuas a outras visións teolóxicas diferentes da súa.

Pero o resto non me encaixa en absoluto. Cando leo "novela satírica", penso por exemplo en Jonathan Swift, autor de "As viaxes de Gulliver" (onde casualmente tamén había xigantes, ananos e outros seres estraños). Pero esta obra que acabo de ver, na miña humilde opinión, está moi por debaixo daquela (hai varios séculos de diferenza, claro está). Esta é tremendamente soez, escatolóxica, disparatada, incluso guarra. Só hai algunhas pasaxes nas que se intúe certa brillantez intelectual do autor, no demais case poderían asinalo Andrés Pajares e Fernando Esteso.

Brillantez si que é a do tradutor, que en 350 páxinas de libro mete 850 notas ao pé para aclarar múltiples aspectos do texto, que ten moito que aclarar, non se pode negar.

Pois nada, que quixen darlle unha oportunidade, aínda que tiña certos indicios de que podía suceder algo así, pero a decepción foi considerable. Éche o que hai, ata que comezas e rematas, non sabes cal vai ser o resultado.

Saúdos.



martes, 27 de decembro de 2022

A estrada

Onte púxenme a explorar por se nalgún dos setenta e pico canais adicionais que chegan a través da Smart TV botaban algo decente (raro, porque son bastante ruíns), e houbo sorte. Nun canal de cine que se chama RunTime (no que xa caín algunha vez porque os sorprendín con algunha outra película interesante) botaban "A estrada", película apocalíptica baseada nun best-seller de Cormac McCarthy.

A película foi dirixida no ano 2009 por un tal John Hillcoat (está claro que non me soa de nada) e os papeis principais son para Viggo Mortensen (pai) e Kodi Smit-McPhee (fillo). Hai uns cantos secundarios pero con pouco peso nos que se fan coñecidos Charlize Theron, Guy Pearce e Robert Duvall.

A historia non é difícil de contar. Hai un cataclismo nuclear ou algo similar, que practicamente acaba con toda a vida na terra, só sobreviven algunhas persoas. Un pai e o seu fillo están fuxindo cara á costa seguindo máis ou menos o eixe dunha estrada e van atopando de cando en vez con outros supervivintes coma eles.

A inmensa maioría deles van en grupo, xa se converteron en caníbales e non se pode esperar nada bo deles. Moi raramente atópanse con algunha persoa, principalmente solitaria, que non é mala, e coa que poden compartir algún tempo e víveres. Nunha ocasión teñen sorte e atopan un refuxio subterráneo a carón dunha casa onde se gardaba comida perfectamente conservada, pero teñen que abandonalo ao pouco tempo, pero fan un bo acopio de víveres.

Estraña relación é a da nai, que aparece en varias escenas en "flashback" e que, por algunha razón descoñecida, nun determinado intre decidiu marchar da súa casa (cando o pai e o fillo aínda estaban alí), pola noite e case sen roupa, a pesar do intenso frío. Obviamente, non volven saber nada dela.

SPOILER: ao final acaban chegando á costa, pero alí a cousa non está nada mellor. Aparte de que case lles rouba todo un ladrón, ao que dan alcance e o desvalixan eles, finalmente o pai morre e o neno atopa a un home armado, pero nesta ocasión non é mala xente. De feito, ese home ten unha muller, dous fillos e  un can, e o rapaz marcha con eles. Polo visto, xa viran ao pai e o neno moito antes e levaban algún tempo seguíndoos.

Saúdos.



luns, 26 de decembro de 2022

Solaris

Creo que vin esta película hai moitos anos xa. Sempre se dixo que era algo así como a resposta soviética a "2001: Unha odisea espacial", ou sexa, unha película de ciencia-ficción moi filosófica. Hai uns anos lin a novela na que está baseada, do polaco Stanislaw Lem, e pareceume ben interesante. En canto souben que podía verse en Youtube, busquei un oco para vela. Pero hai que recoñecer que é bastante abstracta, e o director é un autor moi particular, non para todos os públicos.

Foi dirixida en 1972 polo mítico Andrei Tarkovski. En canto ao elenco, supoño que non serán facilmente recoñecibles para o público occidental, pero haberá que mencionalos, polo menos aos que se ve na nave:  Natalia Bondarchuk, Donatas Banionis, Jüri Järvet, Anatoly Solonitsyn e Sos Sargsyan.

A historia vai do seguinte: unha vella estación espacial leva tempo vixiando un estraño planeta océano chamado Solaris (lembro que as descricións dese océano na novela eran fabulosas, o mellor da obra con diferenza). Xa quedan moi poucos dos astronautas orixinais. E algúns dos que volven contan historias que resultan confusas e incribles. Así que mandan a un psicólogo chamado Kris Kelvin para que avalíe se a nave espacial debe seguir alí ou debe volver xa.

Cando chega alí, teoricamente só quedan tres tripulantes: Snaut, Sartorius e Gibarian. Pero resulta que Gibarian, que era bo amigo de Kelvin, suicidouse, e xusto antes deixou unha gravación en vídeo na que conta por que o fixo.

Snaut e Sartorius, ao contrario do que podería pensarse, non reciben moi afablemente ao novo visitante, e amósanse moi esquivos. Kelvin axiña detecta que na nave hai máis seres vivos dos que parece, pero estes dous tripulantes non están demasiado dispostos a contarlle, en primeira instancia, de onde saíron e por que están alí.

Pero Kelvin axiña o entende. Porque despois da primeira noite, ao espertar, aparece alí unha réplica exacta da súa esposa, que se suicidou hai 10 anos. Desfaise dela lanzándoa nun cohete, pero ao día seguinte aparece outra copia, que non lembra nada do sucedido o día anterior nin sabe como chegou alí.

Os outros cóntanlle que algún tempo antes intentaron bombardear o océano con fortes fluxos de enerxía, e dende aquel momento comezaron a aparecer aqueles estraños visitantes, que parecían sacados das súas lembranzas. Polo visto, era unha resposta do planeta océano ao seu ataque.

Kelvin decide marchar e antes de facelo, mandan as súas ondas cerebrais ao océano, que semella moverse algo máis e formar illas. Volve á casa do seu pai, onde estivera xusto antes de subir á nave, e alí descúbrese que esa casa está nunha illa dese planeta océano.

Ou sexa, incomprensible non: o seguinte. Aí abaixo tedes un enlace ao vídeo de Youtube onde está a película completa.

Saúdos.



Roxín Roxal

O evento no que máis banda deseñada merco claramente é o salón "Viñetas dende o Atlántico", que se celebra todos os meses de agosto na Coruña dende hai case un cuarto de século. De feito, ata agora era case o único, pero no último Culturgal víñenme arriba e tamén merquei bastante aí, pero diso xa falaremos máis adiante.

E como xa teño comentado, de momento, mentres non me entre máis pasión por ese medio (a palabra segue sendo demasiado importante para min), basicamente mercarei cómic galego e en galego, para ir sondeando o mercado. Se cadra algún día merco algo de cómic foráneo, pero a iso aínda non cheguei. E tristemente non hai moito onde escoller en canto a editoras de cómic en galego: Demo Editorial (con Manel Cráneo) e Retranca e Garaxe Hermético (con Kiko da Silva). O resto son cousas moi puntuais.

Pois de Demo Editorial, no último salón merquei, entre outros, a historia de "Roxín Roxal: A daga do conde", con guión de Manel Cráneo (que lle vai moito a Idade Media galega) e debuxos de Brais Fierro.

A historia está ambientada en terras do Eume. Roxín Roxal era un rapaz que servía para o conde de Andrade, e estaba namorado da súa filla Tareixa, e ela correspondíalle. Pero o conde tivo que buscarlle un partido á súa filla, e aínda que estaba moi contento con Roxín, non tiña nivel social suficiente para pretendela, así que emparellouna cun igual.

Roxín foi para o castelo da Nogueirosa (tamén dos Andrade), entre outras cousas, para non estar cerca de Tareixa, e alí ben lle lembraban a súa orixe humilde, aínda que estaban ben contentos do seu rendemento. O caso é que na comarca estaba habendo mortes moi salvaxes e estrañas, que ninguén sabía explicar, pero que estaban causadas por un xabarín moi bravo.

No lugar onde agora está a Ponte do Porco, cerca de Miño, ataca a Tareixa e ao seu novo marido, que fuxe por pernas, morrendo a rapaza. Pouco tempo despois, o xabarín aparece morto nese mesmo lugar cunha daga cravada, daga que lle regalara o conde no seu momento. Pero xa ninguén é capaz de dar con Roxín Roxal.

Saúdos.



Grand Hotel

O outro día collín outra das películas da colección de cine clásico que me regalaron hai uns anos (acabo de saber que se chama "Cine de ouro", mira ti). Unha das últimas que me quedaba por ver ou polo menos saber de que ía, era "Grand Hotel", que non me soaba demasiado. Como xa teño comentado aquí, unha das cousas que me encanta desa colección é que cada DVD vén nun estoxo que é un caderniño de 40-50 páxinas (tampouco moi densas, non vaiades pensar), que se le en 15-20 minutos, e que conta moitos pormenores da produción da película. Polo tanto, como documentación para escribir estes artigos están de marabilla. E apréndese moito.

Foi dirixida en 1932 por Edmund Goulding. Pero unha das cousas curiosas da historia do cine é que, nesa época, as figuras case máis importantes eran os produtores. E o produtor e ideólogo desta película foi un tal Irving Thalberg, que polo visto era moi sagaz neste tipo de proxectos. De feito, esta película é a única da historia que só tiña a nominación de mellor película e conseguiu o Óscar nesa categoría.

Outra particularidade da película é o elenco. En troques da estratexia máis habitual, que era contratar a unha gran estrela e rodeala de bos secundarios, aquí contrataron a cinco superestrelas (da época, agora a maioría están case esquecidos), o que xa case garantía o éxito. De feito, había outras estrelas que se ofreceron a actuar gratuitamente, para estar xunto a todos estes. Esas cinco superestrelas foron: Greta Garbo (que debía ser moi diva), Joan Crawford, Lionel Barrymore, John Barrymore (irmáns estes dous) e Wallace Beery (este actor non sabía nin da súa existencia, os anteriores máis ou menos si).

A trama non ten moita chicha. Simplemente vese a actividade normal durante uns días nun hotel de luxo en Berlín (inspirado no famoso Hotel Adlon que está xunto á Porta de Brandenburgo). Greta Garbo fai dunha antiga estrela do ballet que agora está en horas baixas, pero que segue coas súas actitudes de diva (se cadra non lle costou moito meterse no papel). Joan Crawford fai de secretaria contratada por un empresario (Wallace Beery), pero que debido ao seu innegable atractivo físico, ten ofertas de todo tipo dos homes importantes que se moven polo hotel. Wallace Beery é un importante industrial que está intentando pechar a fusión da súa empresa con outra importante no hotel, pero todo iso depende dos seus tratos con importantes empresas textís de Manchester, e eses tratos non van nada ben. Ademais, tamén flirtea coa secretaria que contratou. Lionel Barrymore é un vello contable que traballaba nunha das empresas de Beery, que está moi mal de saúde, a piques de morrer, e que decide vir a ese hotel de luxo en Berlín, para gastar os poucos cartos que lle quedan nun estilo de vida que nunca puido disfrutar. E John Barrymore é un barón arruinado que vai sobrevivindo grazas ao xogo e a pequenos roubos de xoias no mesmo hotel, pero o seu atractivo persoal conquista a todas as mulleres, divas ou plebeias.

Xa vos imaxinades entón como se cruzan as vidas de todos estes. O barón intenta roubar as xoais da bailarina cando está actuando, conségueo, pero despois arrepíntese, cando sabe que ela pensa en suicidarse, e resulta que namoran perdidamente. Devólvelle as xoias roubadas. Despois o contable consegue moitos cartos nunha partida de cartas que lle organiza o barón, está a piques de perder a carteira, que xa collera o barón, pero devólvella tamén, porque era demasiado honrado para dedicarse a esa profesión. Despois entra na habitación de Beery para roubarlle algo, porque ten que devolverlle cartos á banda da que formaba parte, pero este descúbreo e mátao dun golpe, e acaba no cárcere denunciado polo contable. Como vedes, todo os vicios típicos da xente rica e vida a menos.

Saúdos.



domingo, 25 de decembro de 2022

O Golem

Hai unhas semanas, fun visitar unha exposición sobre intelixencia artificial titulada "More than human", que pode verse na Coruña nos últimos tempos. Curiosamente, unha exposición na que hai que pagar entrada, que non é nada habitual, e non moi barata. Supoño que se debe ás moitas instalacións electrónicas e audiovisuais das que consta. 

O caso é que o primeiro panel fala sobre a historia do Golem, unha criatura mítica da que xa oíra falar no pasado, precisamente cando eu estudiaba algo de intelixencia artificial na carreira de Informática na Universidade da Coruña. E sempre tivera curiosidade por saber algo máis desa curiosa historia. E mira ti por onde, que en Youtube está visible unha película muda de hai uns 100 anos que fala precisamente sobre o Golem. Así que me puxen a vela.

Foi dirixida polo cineasta alemán Paul Wegener en 1920. O tipo debía estar algo obsesionado con esta historia, porque polo visto rodou varias versións desta historia, pero esta é a única que se conserva. Obviamente, do elenco non coñeceríamos a ninguén, só vou resaltar que o propio Paul Wegener fai o papel do Golem.

A historia está ambientada na Praga do século XVI. Un importante rabino le nas estrelas que se aproximan problemas, e pouco despois recibe un decreto do emperador dicindo que os xudeus serán expulsados da cidade. Entón decide consultar os seus vellos libros, e rescatar a información de como dar vida ao Golem, un monstruo feito de arxila, metendo baixo un broche que leva no peito un papel cunha palabra máxica que lle transmitiu un voceiro do Mal.

Despois diso, é convocado ao palacio do emperador, e o rabino aproveita para queixarse do trato vexatorio que sufriron os xudeus ao longo da historia. Á corte do emperador iso non lle importa nada, e búrlase, pero por castigo divino, o teito do palacio comeza a derrubarse, ata que chega o Golem, que sostén o teito e evita a catástrofe.

O rabino considera que o Golem xa fixo a súa función, e sácalle o broche que lle dá vida. Pero un servidor do rabino descubre o amorío entre a filla do rabino (da que el tamén está namorado) e un voceiro do emperador, e revive ao Golem para intentar quedarse coa filla do rabino. A partir de aí prodúcense algunhas escenas imprevistas, cando o Golem está a piques de facerlle dano a uns nenos, porque ten unha forza dificilmente controlable, pero é precisamente unha das nenas, que o Golem colle no seu colo, a que, xogando, quítalle o broche do peito e polo tanto a vida ao Golem de novo.

Curiosa historia. Unha cousa que me chamou moito a atención é que o Golem tiña pinta de monstruo, agora diríamos que andaba como un robot (e iso xa podía causar moito terror na época), pero causaba auténtico pavor no resto de personaxes. Parecía variar dunhas escenas a outras, pero sendo moi robusto e forte, a súa altura era similar ao do resto dos homes, ou só lixeiramente superior, así que non entendo moi ben a que viñan as auténticas escenas de pavor que amosaban en canto se cruzaban co personaxe.

Saúdos.



Espero chegar en breve

Aquí hai unhas cantas cousas que contar. Hai un par de anos foi a primeira edición do festival "Viñetas dende o Atlántico" que non...